Ribeira prepara un ambicioso proxecto de transformación urbana, co que pode obter 13 millóns de euros

A sesión extraordinaria do pleno celebrado o 26 de febreiro de 2025 tivo lugar para aprobar o Plan de Actuación Integrado co que o Concello de Ribeira aspira a obter 13,3 millóns de euros de fondos europeos. O alcalde, Luís Pérez Barral, explicou as liñas xerais deste documento:

Hoxe celebramos este pleno extraordinario para defender a proposta do Concello de Ribeira á obtención dos fondos europeos a través da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), cun proxecto que non só aspira a transformar urbanisticamente a nosa vila, senón tamén a revitalizar a súa esencia social, cultural e ambiental.

O Plan de Actuación Integral (PAI) presentado por Ribeira, prevé un investimento de 13.330.000 euros, articulándose ao redor de varias liñas de actuación que conflúen nun obxectivo común: transformar a imaxe da nosa vila mediante a posta en valor das súas raíces ao actuarmos no corazón do barrio orixinario de Ribeira.

Este proxecto sería un antes e un despois xa que transformaría a imaxe urbana da vila xa que pretende profundar nese novo modelo urbano centrado en gañar espazos públicos para as persoas, máis espazos verdes e zonas deportivas, integración da cidade co mar ou fomentar a mobilidade sostible”. De conseguirmos este financiamento, lograremos revitalizar o barrio Banda ao Río, mantendo esa ligazón co mar pero aumentando a calidade de vida de todos os veciños e veciñas. 

Cerqueira epicentro social e cultural

O plan prioriza a revitalización do barrio histórico de Banda ao Río, facendo de Cerqueira un elemento central coa súa recuperación como patrimonio industrial conserveiro, converténdoo nun espazo social de eventos, de aprendizaxe e de participación veciñal. Será un verdadeiro centro de innovación cultural. Tamén se fomentará o ámbito cultural coa creación dun museo ligado ao mundo do mar na casa anexa á fábrica. Ademais contémplase a construción dun centro multiúsos, de menor cabida, destinado a promover a integración social, e o fortalecemento da convivencia veciñal podendo acoller unha grande variedade de actividades de todo tipo, dende a inclusión até a recuperación de tradicións locais.

Rexeneración urbana, mobilidade sostible e espazos verdes

Con respecto a este ámbito, a rexeneración urbana que se pretende levar a cabo é unha resposta directa aos desafíos históricos que este núcleo ten padecido, ao ser unha área tradicionalmente esquecida en termos de investimento público. A transformación da Praza de Pontevedra, cunha ampliación de 7.000 m2 de espazo público accesible, integrará a praza co parque Pedra Pateira e conectará visualmente a cidade co mar.

A creación destes novos espazos públicos serán destinados ao uso e desfrute da veciñanza. Para conseguir tal fin, derrubarase o antigo auditorio, permitindo o deseño de grandes áreas verdes, con mobiliario urbano, zonas de xogos infantís, pistas deportivas e de calistenia, promovendo unha vida activa e saudable, e espazos interxeracionais.

A residencia de maiores, a casa do mar e o Club de Xubilados do Mar, situados nun extremo da praza, beneficiaranse desta transformación, ao contar cun espazo integrado, accesible e inclusivo que mellorará a calidade de vida dos seus residentes. Ademais, esta nova praza-parque unirase ao mar coa creación dunha plataforma única e cunha balconada ao mar.

Como parte do proxecto, prevese a construción dun aparcadoiro disuasorio, soterrado, de baixas tarifas e dotado dunha capacidade de 250 vehículos. O estacionamento ten un enfoque intermodal xa que a súa localización céntrica permite conectar a cidade a pé, co transporte público e cun futuro punto de préstamo de bicicletas.

Cómpre subliñar que este proxecto non deixar lugar á improvisación xa que está perfectamente aliñado coa Axenda Urbana de Ribeira aprobada por unanimidade de todos os grupos da Corporación Municipal. A planificación integrada deste proxecto permitirá que as accións previstas actúen de forma complementaria, xerando sinerxías entre a revitalización urbana, a mellora da eficiencia enerxética e a promoción da participación cidadá ou a transformación de espazos degradados en espazos públicos para a veciñanza.

Ademais, a dimensión social deste plan é incuestionable. A creación de espazos interxeracionais, a aposta pola inclusión social a través do Centro Sociocomunitario e a promoción de programas para a persoas de todas as idades garanten que o impacto positivo deste proxecto transcenda o ámbito urbanístico, converténdose nun motor de cambio social.

Outro aspecto fundamental é o seu enfoque sostible. O uso de tecnoloxías verdes na rehabilitación da Conservera, a plantación de máis de 200 árbores autóctonas, a instalación de sistemas de eficiencia enerxética e a creación de áreas verdes reflicten o compromiso de Ribeira coa loita contra o cambio climático e co obxectivo de deixar o cemento para gañar esas zonas verdes que a veciñanza nos demanda.

Non quero esquecer a capacidade demostrada polo persoal do Concello de Ribeira, xa que son traballadores e traballadoras altamente capacitadas para a xestión de fondos europeos, asegurando que cada euro investido teña un retorno palpable para a cidadanía.

En conclusión, o Plan de Actuación Integral de Ribeira transcende  moitos eidos e convértese nunha proposta sólida, integradora e transformadora que coloca ás persoas, á súa historia e ao seu futuro no centro das políticas públicas.

Con este proxecto Ribeira non aspira só a cambiar a súa fachada marítima; aspira a reforzar a súa identidade, a promover a cohesión social e a converterse nun exemplo de cidade sostible e inclusiva. Grazas á elaboración deste proxecto pretendemos obter, a través dos novos fondos da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), un investimento de 13.330.000 euros.

Con esta nova visión de cidade, o goberno ribeirense, aposta por investir nas zonas máis degradadas do municipio, recuperar edificios históricos en lugar de crear novas edificacións, xerar espazos verdes e resolver a necesidade de estacionamento.

O proxecto saíu adiante cos votos a favor de BNG, PBBI, PSOE e abstención do PP

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.