Ribeira no epicentro dos estudos sobre a violencia de xénero

Hoxe iniciouse o “Curso especializado para a avaliación e intervención en violencia de xénero” que se impartirá do día 9 ao 11 de xullo, estase a desenvolver no Auditorio Municipal de Ribeira e organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, baixo a dirección de Gualberto Buela-Casal, Catedrático de Psicoloxía Clínica, Unidade de Psicoloxía Xurídica e Forense da Universidade de Granada.

Este curso especializado ofrece unha formación integral en avaliación e intervención en violencia de xénero, abordando tanto aspectos forenses como psicolóxicos e xurídicos. Ao longo das sesións, expertos na materia analizarán ferramentas e estratexias para a identificación, prevención e tratamento da violencia de xénero en diferentes contextos.

Preto de cen alumnos/as que proveñen na súa maioría do mundo profesional, participará os tres días na posta en común do traballo que se está a desenvolver en materia de investigación, en seguridade representada nos corpos e forzas de seguridade do Estado, e nas políticas activas contra a violencia de xénero.

Á inauguración do curso asistiron,  Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, Carlos Andradas Heranz, Reitor da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), María Jesús Lorenzo Modia, Directora da UIMP en Galiza, Roberto Barba Alvedro, Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta, Jorge Rodríguez Serantes, Capitán Xefe da Garda Civil de Noia, Gualberto Buela-Casal, Catedrático de Psicoloxía Clínica e Director do curso, María del Mar García Vidal, responsable da Área de Servizos Sociais, Deputación da Coruña, Diego Amaya Díaz, Xefe da Comisaria da Policía Nacional de Ribeira e María Rosa Álvarez Prada, Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza.

O rexedor, Luís Pérez comezou a súa intervención interpelando a unha frase da filósofa, escritora y activista feminista francesa, Simone de Beauvoir “O feminismo é unha forma de vivir individualmente e de loitar colectivamente”. Con esta cita Pérez Barral apelou “á necesidade de transformar a nosa mirada individual nun compromiso compartido, decidido e valente contra a violencia que sofren as mulleres”. Falou da importancia do compromiso firme e decidido de todas as administracións, das forzas e corpos de seguridade, da xustiza, do ámbito educativo, sanitario e, por suposto, da sociedade civil. O alcalde manifestou a importancia de traballar de xeito coordinado e colaborativo, “sumando esforzos, coñecementos e recursos para protexer ás vítimas, previr as agresións e educar en igualdade”.

Para finalizar agradeceu a presenza a tódolos alumnos e alumnas do curso xunto cos poñentes e membros da Universidade Internacional Menéndez Pelayo; non quixo rematar sen agradecer o traballo que realiza a concelleira de Igualdade xunto ao equipo de técnicas que ten o Centro de Información á Muller de Ribeira.