O alcalde de Ribeira, Luís Pérez e o concelleiro de Turismo e Relacións Institucionais, Francisco Suárez Puerta; estiveron esta semana na Feira Internacional de Turismo para representar a Ribeira e á Mancomunidade Barbanza-Arousa.
Durante a Feira, mantiveron diversas reunións con representantes da industria turística, e tiveron a oportunidade de presentar as belezas naturais e culturais de Ribeira, destacando o compromiso do Concello coa promoción dun turismo responsable e respectuoso coa contorna.
Ademáis, a Mancomunidade Barbanza Arousa presentou un extracto das documental “Voces da Conserva”, que ten como fío condutor a historia persoal de Encarnación, unha muller que como tantas outras neste territorio dedicou a súa vida ao traballo no sector da conserva e a batea. A través dela faise un percorrido polas diferentes etapas que se foron sucedendo ao longo dos anos nesta industria que forma parte da idiosincrasia de Barbanza Arousa, desde os pioneiros ata a chegada da modernidade.
A produción desta peza audiovisual vén dar apoio ás diferentes accións que se están desenvolvendo no territorio a través do Plan de Sustentabilidade Turística dotado cun financiamento de 1.5 millóns de euros dos fondos Next Generation e que dotará ao destino de novas infraestruturas como o Museo da Conserva (Boiro), Museo da Salgadura (Ribeira), posta en valor do barrio dos cataláns (A Pobra do Caramiñal) ou aulas enogastronómicas (Rianxo).
Así mesmo, esta nova edición de FITUR serviu para centrar a promoción e comercialización do destino na súa riqueza enogastronómica que se concreta como un dos eixos centrais dos seus atractivos.
A participación de Ribeira en FITUR contribue a posicionar ao Concello como un destino turístico de referencia para aqueles viaxeiros que valoran a autenticidade, a sustentabilidade e a beleza natural. Cun compromiso renovado co turismo responsable, o Concello de Ribeira encamíñase cara a un futuro onde o desenvolvemento económico e a conservación do medio ambiente van da man. O enfoque no turismo de calidade e sostible é unha prioridade para o Concello de Ribeira, consciente do valor de conservar e protexer os seus recursos naturais e culturais.