Ribeira inicia a municipalización do aparcadoiro Centenario, cumprindo a histórica demanda do BNG

O Pleno de Ribeira, reunido en sesión extraordinaria este xoves 9 de febreiro, aprobou por unanimidade iniciar os trámites para municipalizar o aparcadoiro do Centenario, cumprindo así unha demanda histórica defendida polo BNG.

Segundo detallan os informes técnicos e xurídicos a xestión directa por parte do Concello de Ribeira é “máis vantaxosa” e redunda no “beneficio da poboación ribeirense”, avalando as teses defendidas polo BNG. O Concello de Ribeira creará nos vindeiros días unha comisión que estudará as as posibles maneiras de xestionalo que serán expostas aos grupos municipais.

Os concelleiros Luís Pérez Barral e Cruz Rivadulla Márquez mostraron a súa satisfacción asegurando que “o tempo deunos a razón ao se avalar que a xestión pública é máis eficiente”. Neste sentido, o Partido Popular errou cando unilateralmente privatizou a xestión porque provocou un encarecemento dos prezos e supuxo prestar un servizo de peor caliadade.

Pérez Barral destacou que o BNG sempre tivo claro que o aparcadoiro debería servir para aumentar as prazas de estacionamento “que tanta falta fan en Ribeira”. O portavoz nacionalista asegura que agora van seguir traballando para rebaixar as tarifas e se apliquen bonificacións as persoas que merquen no comercio local.

Propostas do Plan Único

A sesión plenaria tamén serviu para aprobar as actuacións que se van realizar grazas ás achegas de 1,4 millóns de euros que concede a Deputación da Coruña mediante o Plan de Obras e Servizos (POS) Plan Único.

Desde o BNG fixemos varias propostas que se inclúen neste plan e que agardamos que poidan ser desenvolvidas con celeridade para que poidan ser unha realidade máis pronto que tarde. Estas actuacións propostas polo Bloque son:

A) A cuberta do parque das Avesadas é unha das vellas demandas feitas polo BNG para que a rapazada poida ter un espazo onde xogar durante todo o ano, independentemente de se hai días de mal tempo. Unha obra por valor de 97.000 euros.
Se falamos de parques cubertos, temos que dicir que solicitamos polo menos dous parques e o anunciado en Carreira segue agardando a súa materialización.

B) A pavimentación da rúa Francisco Lorenzo Mariño coa que mellorar o firme da estrada e garantir a accesibilidade universal nunha das principais estradas de Aguiño por 165.000€.

C) Os vestiarios do campo de fútbol de Oleiros que son unha necesidade urxente para que os usuarios deste espazo deportivo teñan onde poder cambiarse con comodidade. O investimento ascende a 151.000 euros.

Agora ben, botamos en falta a inclusión dalgunha máis das 20 propostas que rexistramos e que foron as seguintes:

Ribeira segue precisando a construción de baños públicos, aumento de zonas verdes e a mellora do barrio do Monumento, por non falar da histórica demanda en Deán da mellora integral da rúa Sidreiras que o PP impide desenvolver desde o ano 2013.

En materia de seguranza viaria críamos importante ampliar e dotar de sumidoiros a rúa Revolta de Castiñeiras, dotar de beirarrúa e pavimentar a rúa Iñeiras en Olveira, a mellora da estrada que vai ao Corgo en Corrubedo e a pavimentación e dotación de servizos na rúa Esteirón e accesos á Corna en Palmeira.

Con respecto á mellora das instalacións deportivas propoñiamos ademais de construír novos vestiarios no campo de fútbol de Oleiros, dotar de torres de iluminación o campo de fútbol de Carreira, mellorar a zona do Campo da Tasca con novo mobiliario así como unha renovación integral da casa da cultura de Aguiño.

Por último e para aumentar os espazos de lecer e zonas verdes no municipio, o BNG propuxo implementar un plan “Reverdecer Ribeira”, no que se contempla a adquisición de terreos para facer unha alameda no centro urbano, cubrir o parques infantil das Avesadas para usar cando chove, construír dous aseos públicos en Ribeira, rehabilitar o lavadoiro de Gude en Artes como espazo de ocio e dotar á zona de Bretal dun parque infantil e zona verde.

Solicitamos que os proxectos de reforma que se fagan nas rúas e estradas do municipio contemplen a plantación de árbores que embelezan o municipio.

Desde o BNG votamos a favor pero reclamamos tamén axilizar as todas as actuacións que aínda aínda agardan desde o ano 2022 por culpa da parálise do seu goberno municipal. “É hora de que a xente de Ribeira e das súas parroquias vexa que as demandas que se fan, teñan resposta” aseverou Pérez Barral.

As actuacións a cargo do Plan Único aprobáronse cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR.  Foron as seguintes:

O Pleno extraordinario tamén deu conta da renuncia de Miguel Ángel Vázquez como concelleiro do PBBI.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.