O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, os tenentes de alcalde Vicente Mariño e Francisco Suárez- Puerta e a concelleira de Cultura, Antía Alberte, anunciaron hoxe a programación que inaugurará o novo Auditorio de Ribeira.
“A inauguración comezará a mediados de xuño e extenderase ata mediados de xullo, cunha programación ampla que multiplica as prazas que actualmente ten o Auditorio municipal; para que toda a poboación poida disfrutar de espectáculos de diversa índole de xeito gratuíto.” afirmou o alcalde Luís Pérez.
Os tres grupos da corporación municipal foron críticos con este proxecto cuxa infraestrutura viu multiplicado o seu prezo inicial “por iso agora temos a responsabilidade de darlle o mellor uso e xestión posible; para que tódolos ribeirenses poidan disfrutar deste espazo e de xeito que tamén teña un impacto positivo na hostelería e no comercio local”. explicou Vicente Mariño.
O acto inaugural terá lugar o día 15 de xuño coa Orquesta de Cámara Galega; onde tamén haberá unha animación de rúa para tódalas peroas que estean agardando para entrar. Tamén está prevista unha programación infantil con espectáculos de EducaTeatro e tamén de circo, coa compañía Yllana. Ademais, o martes 18 de xuño a Orquesta Sinfónica de Galicia estará en Ribeira por primeira vez neste novo Auditorio.
A programación inaugural tamén contempla espectáculos de artistas locais, contando coa Escola Municipal de Danza, o grupo Tahume ou o colectivo Alfaia. “Queremos promover que o talento local tamén teña o seu oco neste novo Auditorio de Ribeira” expresou Pérez Barral.
As entradas para tódolos espectáculos incluídos no programa inaugural serán de balde, e poderán recollerse no propio auditorio 1 hora antes da función ata o máximo de dúas por persoa, podendo acceder á sala principal ½ h antes co comezo da sesión.