Ribeira honra o legado das Irmandades da Fala nunha homenaxe á nosa lingua e cultura

O Bloque Nacionalista Galego e a plataforma social Vía Galega realizaron en Ribeira un acto especial en lembranza das Irmandades da Fala, no marco da celebración dos 106 anos da I Asemblea Nacionalista celebrada en 1918. O evento tivo lugar no merendoiro que hai entre o Cámping de Coroso e a praia de Riazor, contou coa participación do responsable local do BNG Rafael Pazos, da escritora Patricia Torrado, e do alcalde da localidade Luís Pérez.

Rafael Pazos lembrou como as Irmandades da Fala celebraron a Asemblea Nacionalista de Lugo e reafirmou o compromiso da organización en divulgar os símbolos que nos identifican e recoñecen como pobo galego tales como a bandeira ou o himno.

A escritora Patricia Torrado, aproveintado a proximidade coa efeméride do 25N, salientou que a igualdade pasa por reivindicar as voces silenciadas de todas as mulleres “ás que se lles ten parasitado traballo, loita e voz, pois deixalas no esquecemento tamén é unha forma de violencia machista”. Torrado expuxo o difícil traballo que sempre tiveron as mulleres aínda en espazos nos que se presupón outras ideas e asegurou que a muller tamén traballou arreo dentro das Irmandades, algo que non teríamos sabido sen o traballo inxente de recuperación dos seus nomes e conquistas que fixeron escritoras como Aurora Marco. A escritora sonense tamén reivindicou que é de xustiza que o ano vindeno o Día das Letras Galegas se lle dedique a todas esas contareiras que dende o berce nos aleitaron no idioma, a defensa da terra e do noso espíritu nacional.

Por último o alcalde, Luís Pérez, reivindicou o traballo a prol do idioma que fixeron as Irmandades e asegurou que “é importante lembrar que a defensa do galego non é unha tarefa do pasado, senón unha misión permanente. A globalización e as novas realidades culturais e tecnolóxicas presentan novos retos, pero tamén novas oportunidades para a nosa lingua. Podemos e debemos facer do galego unha lingua do presente e do futuro, unha lingua de innovación, de diálogo e de diversidade. Para iso, é necesario o compromiso de todos: institucións, medios de comunicación, centros educativos, empresas e, por suposto, de cada un de nós”. Ademais segundo apuntou Pérez Barral as Irmandades da Fala non se resignaron a ser testemuñas pasivas do esmorecemento da nosa identidade, “actuaron, construíron, loitaron”. O rexedor engadiu que “hoxe, nós temos que seguir o seu exemplo. Facer uso do galego no día a día é unha forma de homenaxear o seu traballo. Promover o seu uso é honrar a súa memoria. Apostar polo galego é garantir o futuro da nosa cultura. Non podemos esquecer tampouco que esta é unha tarefa compartida, na que todos contamos. As institucións teñen que ser valentes nas súas políticas lingüísticas, pero tamén as familias, as escolas, as empresas e as persoas deben asumir o seu papel. É unha loita de todos para que as xeracións que veñen poidan herdar un idioma vivo e cheo de forza”.

O acto rematou co izamento da bandeira galega e a interpretación do himno de Galiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.