O BNG vén de convocar, xunto co PSOE e os concelleiros non adscritos, un pleno extraordinario monográfico co obxectivo de que o goberno municipal dea información da situación administrativa e xudicial derivada das licenzas outorgadas no seu día a Puntos de Bajo Coste (SBC) para a construción da gasolineira de Xarás. Dende os grupos da Corporación convocamos este pleno para que haxa transparencia sobre os trámites que están abertos a día de hoxe e que a veciñanza coñeza as posibles consecuencias legais e económicas para o Concello de Ribeira das sentenzas que declararon ilegal a construción desa gasolineira e a obrigación de derrubala.
Desde o BNG consideramos “inaceptable” a falta de información e a ocultación de información da alcaldesa e do goberno do Partido Popular nun asunto “de máxima relevancia pública” e rexeitamos esa estratexia de opacidade sobre un tema que podería ter repercusións patrimoniais para Ribeira.
O exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, afirmou que “a veciñanza de Ribeira ten dereito a saber toda a verdade sobre un asunto que pode ter consecuencias económicas e xudiciais para o Concello”. Segundo sinalou, “cando existen sentenzas xudiciais e posibles responsabilidades derivadas de decisións políticas, a obriga dun goberno é ofrecer información clara, transparente e pública”.
Pérez Barral subliñou que o pleno extraordinario que se realizará pretende “poñer toda a documentación enriba da mesa e actuar con total transparencia”, permitindo aos grupos municipais acceder aos expedientes relacionados coa licenza de obra, a legalización posterior e as resolucións xudiciais vinculadas ao caso.
“Non se trata de facer confrontación política gratuíta, senón de defender o interese público e garantir que Ribeira saiba que consecuencias pode afrontar o Concello e como se pensa actuar diante desta situación”, indicou o portavoz nacionalista. Pérez Barral asegurou que dende o BNG van traballar para que se deriven as responsabilidades patrimoniais aos causantes de outorgar de maneira ilegal dúas licenzas para construír a gasolineira cando había unha prohibición expresa de facelo. “Estamos falando de que hai varios millóns de euros en xogo e a veciñanza non debe pagar as consecuencias da mala xestión do PP, deben pagar os seus responsables” afirmou.
O BNG defende que o goberno local debe dar conta das reclamacións existentes por parte da empresa, analizar as posibles responsabilidades xurídicas derivadas das licenzas anuladas pola xustiza e depurar e derivar tamén as responsabilidades políticas que poidan corresponder.

