Ribeira estrea aseos no centro da vila

Ribeira estrea dous aseos públicos autolimpiables, dando resposta a unha “demanda histórica” da veciñanza da que o BNG se fixo eco en moitas ocasións a través de diversas iniciativas. A instalación destes servizos, que contou cun orzamento de 100.000 euros financiado a través dos fondos Next-Generation, supón un paso adiante na modernización e accesibilidade das infraestruturas municipais.

Os aseos foron situados en enclaves estratéxicos da localidade para garantir unha ampla cobertura e accesibilidade. Un deles atópase no parque das Avesadas e o outro no paseo marítimo de Banda ao Río – O Touro. Estas zonas caracterízanse por unha elevada afluencia de persoas, especialmente en épocas do ano con maior actividade, como o verán ou durante os eventos festivos.

O deseño destes aseos incorpora tecnoloxía avanzada e materiais de alta calidade para garantir a súa durabilidade e resistencia. Contan cunha estrutura principal de aceiro galvanizado con pintura polimerizada, ademais de ser impermeables, non absorbentes, antivandálicos e resistentes a axentes externos e atmosferas adversas. As cabinas están plenamente adaptadas para o uso de persoas con diversidade funcional, cumprindo coas normativas vixentes en materia de accesibilidade. Ademais, dispoñen dun sistema automatizado de limpeza que hixieniza o asento, o inodoro e o chan despois de cada uso. A porta de acceso, feita de aceiro inoxidable, inclúbe illamento térmico e acústico, ademais dun sistema de peche con electroimán. O estado de dispoñibilidade dos aseos poderá consultarse a través dun indicador exterior con simboloxía retroiluminada en LED, variando de cor segundo a súa ocupación.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, subliñou a importancia desta acción para o benestar da veciñanza e visitantes: “Con estes novos aseos públicos autolimpiables, damos resposta a unha necesidade histórica do municipio e reforzamos a calidade das nosas infraestruturas”. Con esta incorporación, o Concello informa de que xa son tres os aseos públicos en funcionamento na praia de Coroso, ademais dos recentemente instalados en Avesadas e no paseo do Touro. Tamén se atopan dispoñibles os do apeadoiro de autobuses. “Seguiremos ampliando progresivamente estes equipamentos accesibles e funcionais para mellorar os espazos públicos e o confort da veciñanza”, engadiu o rexedor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.