Ribeira corre risco de quedar sen socorristas pola inacción do goberno local

Pérez Barral propón facer cursos formativos en Ribeira e redistribuír os profesionais para ter seguridade en máis praias

Un ano máis volven producirse problemas no concello de Ribeira pola falta de profesionais que vaian vixiar as praias do municipio e xa comezado o verán aínda non hai un servizo de socorrismo activo en ningunha praia da capital barbanzá. A falta de persoal fai que, ante calquera situación de risco, se deba agardar á intervención de Salvamento Marítimo, Cruz Vermella, GAEM ou a que unha embarcación particular próxima poida rescatar a persoa ou persoas que poidan estar en perigo no mar.

O portavoz do BNG Luís Pérez Barral e a concelleira Cruz Rivadulla, móstranse moi críticos co executivo ribeirense ao que culpan de poñer a Ribeira en risco de quedar sen servizo de socorrismo polas demoras que hai na súa contratación. “Á escaseza de profesionais súmaselle a parálise dun Goberno local inoperante, incapaz de facer as probas selectivas en tempo e forma”. Actualmente só hai 10 persoas admitidas pero hai serio risco de quedar con moitas menos.

Pérez Barral explicou que o BNG quixo dar marxe para ver se este ano se facían ben as cousas pero “o PP está paralizando as xestión municipal” porque xa comezou o verán e mentres os concellos veciños xa teñen socorristas, Ribeira aínda non realizou as probas selectivas. Alén da falta de profesionais cremos que a creación da figura do auxiliar de apoio é “un parche” co que o Partido Popular pretende atallar a carencia de profesionais. “Estes auxiliares só van xerar unha falsa seguridade porque non poden actuar en caso de emerxencia acuática”.

O portavoz nacionalista mantivo conversas con profesionais que desempeñaron este traballo outros anos e confirmáronlle que o alcalde era coñecedor da situación pero non fixo nada por resolver o problema. Os socorristas anticipáronse ao problema e avisaron da falta de profesionais, advertiron que Ribeira era o concello da contorna que menos lles pagaba e instaron a acelerar os procesos para non perder os poucos que había. “Seguramente Ruiz Rivas saia dicindo que xa están niso pero o certo é que Ribeira debería contar, como mínimo, con socorristas desde o 15 de xuño ao 15 de setembro e vai comezar xullo e temos cero” aseverou Barral.

Lamentamos a falta de dilixencia pero tamén a deficiente organización dos profesionais xa que o equipo de goberno concentra a maior parte dos socorristas na praia de Coroso por requirimento da bandeira azul, mentres deixa sen atención os areais de Castro-Catía, Castiñeiras, Ameixida, O Touro, Riazor ou da Corna.

Ante toda esta situación “cun goberno local paralizado”, o BNG toma cartas no asunto e esixe que o Goberne contrate canto antes o servizo de socorrismo. Ademais imos tratar de que Ribeira acolla un curso de formación para socorristas, se distribúan os profesionais dunha maneira máis eficiente que permita prestar este servizo en máis praias e se dote aos profesionais de medios materiais axeitados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.