Hoxe presentouse esta nova iniciativa á que asistiron, o rexedor, Luís Pérez Barral, a concelleira Tania Redondo, a coordinadora dos Servizos Sociais, Francisca Vidal e a educadora social e coordinadora do proxecto, Iria Alén.
Este novo instrumento profesional nace co obxectivo de establecer accións de carácter interdisciplinario, integral e intersectorial, a nivel local, mellorando a calidade da atención e protección das persoas menores de idade no noso municipio. Isto implica un cambio de perspectiva no xeito de ollar a realidade das nenas, nenos, e adolescentes, potenciando a súa participación nas decisión que lles afecten e facilitando a creación de contornos comunitarios protectores e respectuosos coa infancia. A Lei Integral de Protección á Infancia e á Adolescencia fronte a Violencia (LOPIVI), aprobada en xuño de 2021, introduciu numerosos cambios nas intervencións profesionais con este colectivo, dende un enfoque integral, preventivo e de dereitos que pon en valor a necesidade de traballar en rede. Así, dende a Mesa Local da Infancia e Adolescencia promoverase o “bo trato” a través dun conxunto de acordos e propostas para contribuír a mellorar a calidade de vida e o pleno exercizo dos dereitos das persoas, durante unha das etapas da vida onde somos máis vulnerables, a infancia e adolescencia. A Mesa estará formada por representantes dos seis ámbitos profesionais que recolle a LOPIVI: Social; sanitario; educativo; ocio, cultura e deportes; xudicial; forzas e corpos de seguridade do Estado. Durante os meses de maio e xuño preténdese formar unha comisión de traballo para cada área. As persoas que formen parte destas comisións encargaranse de reunirse periodicamente para sistematizar o traballo en rede e analizar as necesidades de intervención de cada ámbito en torno a estes cinco eixos: Prevención e sensibilización ante a violencia, detección e intervención en casos de violencia e desprotección infantil, formación e capacitación profesional e coordinación interprofesional. Participación da infancia e a adolescencia As comisións serán o instrumento fundamental de traballo para implementar e difundir os cambios que introduce a LOPIVI, ofrecendo apoio e asesoramento ao colectivo profesional que intervén coa infancia. Ademais encargaranse de recadar información sobre as demandas da comunidade para trasladalas á corporación local, a través dos acordos que se acaden nas asembleas periódicas da Mesa Local de Infancia e Adolescencia, de cara a promover novos proxectos e iniciativas comunitarias. O alcalde, Luís Pérez Barral, salientou que “Ribeira vai a ser un concello pioneiro en todo o país en crear unha mesa de traballo colectiva na que van a participar profesionais de diferentes ámbitos na que imos tomar decisións que teñen que ver coa mellora do trato que lle podemos dar á infancia”. Mediante o contraste dos diferentes puntos de vista, “coñeceremos a realidade que temos en Ribeira da infancia, e a partir de aí comezar a aplicar políticas que permitan mellorar todo o que facemos no ámbito da infancia e da mocidade”. No pasado mes de novembro impartiuse un obradoiro de traballo “moi exitoso onde se promoveu a participación de diferentes colectivos e unha das conclusións foi constituír esta mesa de traballo colectiva e participativa”. Barral rematou afirmando que este traballo conxunto “permitirá, por exemplo, mellorar e facerlle fronte a casos de “bullying” nos colexios, ás violencias, ao acoso, etc.”. A educadora dos Servizos Sociais, responsable do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), Iria Alén Salgado, coordinadora deste pioneiro proxecto fixo un chamamento co obxectivo de sumar máis profesionais á mesa local da infancia, “se es un ou unha profesional sensibilizado/a coas necesidades da infancia e queres unirte a unha comisión de traballo ou recibir máis información sobre o proxecto, podes contactar con no email: educadora@ribeira.gal para afondar nos detalles, preferentemente antes do 23 de maio.

