O rexedor, Luís Pérez Baral e a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla xunto co director do CIFP Coroso, Manuel Teira, inauguraron en Coroso as Xornadas de Orientación Profesional organizadas polo CIFP Coroso. Este evento trata de ser un escaparate que mostra toda a oferta educativa de FP aberta a todo o público.
Segundo información do CIFP Coroso “o centro leva 11 anos facendo as xornadas de portas abertas e visitas guiadas pero este ano quixemos dar un paso máis”. Os días 21 e 22 de maio de 2025 o CIFP Coroso organiza unhas xornadas de Orientación Profesional da Comarca.
Durante eses 2 días e en horario de mañá e de tarde, de 10.00-14.00 e de 16.00-20.00 horas, excepto o xoves que pola tarde será de 16.00-18.00 horas, nunha carpa ubicada no aparcadoiro do CIFP Coroso, poderase ver en directo, a oferta educativa en relación a FP e tamén a formación ocupacional, que se ofertará na contorna no vindeiro curso académico 2025-26.
A nivel educativo están a Asociación Ambar, AMICOS e o Programa Integrado de Emprego, IES Espiñeira, IES Félix Muriel, IES de Ames, IES Leliadoura, Escola Naútico Pesqueira e o CPR Divino Maestro. A nivel empresarial están Utillaje Pontevedra, Congalsa, Asociación de Empresarios da Construcción, Asociación de Hosteleiros, Pet Select, Jealsa e Escurís, Grupo Resnova, Alro Maquinaria, Climafrío, Stac e Limpezas Noroeste.
Durante a apertura das xornadas o alcalde, Luís Pérez Barral, declarou que “nun mundo laboral en constante evolución, a formación continua xa non é unha opción, senón unha necesidade. Os tempos cambian, os perfís profesionais tamén, e eventos como estas Xornadas de Orientación Profesional son fundamentais para conectar a educación co tecido produtivo e coa realidade do mercado. Ribeira quere ser un referente en formación e empregabilidade, e desde o Concello de Ribeira apoiaremos sempre iniciativas que axuden á mocidade e á cidadanía a atopar un camiño profesional con futuro.”
O rexedor parabenizou ao CIFP Coroso por organizar as xornadas pero tamén ao resto de centros e empresas participantes. Pérez Barral concluiu que é imprescindible que as persoas, independentemente da súa idade, estean abertas a reciclarse, aprender e mellorar. Estas xornadas son unha gran oportunidade para coñecer a oferta educativa e formativa que temos preto, e para entender que a formación profesional é unha porta directa cara ao emprego de calidade.”

