Cidade da Ciencia e da Innovación, un premio inmercido

A obtención do galardón


No BNG enterámonos da obtención do galardón “Cidade da Ciencia e Innovación” a Ribeira vía BOE xa que, como vén sendo habitual, o escurantismo é a marca propia do PP.


Podedes comprobar na resolución pola que se publica a convocatoria dos premios, que o outorgamento das distincións efectúase de acordo cuns criterios de valoración centrados unicamente nunha memoria realizada por cada candidatura, isto é, non existe un sistema de indicadores que avalíen de xeito sistemático e obxectivo a consecución de obxectivos que xustifiquen unha aposta clara pola innovación. Eses indicadores, por poñer un exemplo, poderían ser a evolución do emprego en I+D+i, o número de empresas vencelladas a esta actividade, índices de penetración tecnolóxica, etc. Deste xeito, podemos observar que selección de cidades premiadas sempre vai gardar unha intencionada discrecionalidade.


E concretamente, tal e como prevé a referida resoulución, a Ribeira, ciudad innpulso. Cidade Ciencia Innovación. BNGcomisión avaliadora do Ministerio outorga puntuación en base a dous conceptos: (1) ata un máximo de 85 puntos por proxectos e plans que a cidade candidata di estar desenvolvendo ou prevé desenvolver e (2) ata 15 puntos polo esforzo previo que se tivera realizado en innovación [falamos de % de investimento municipal adicado á innovación en exercicios precedentes, bonificacións e reducións en impostos/taxas (e que no noso caso son inexistentes), etc]. Así pois, non ter gastado un peso en innovación nos anos anteriores á concesión do premio, non supoñen un impedimento para acadar o galardón. E isto contrasta coa realidade, cando tod@s sabemos que os investimentos en innovación e en I+D, teñen beneficios a longo prazo.


A comisión avaliadora


Aínda no suposto de que se tratasen de grandes científicos/as, os criterios avaliadores son absolutamente discrecionais e sen regras obxectivas, calquera resolución de premiados ten fundamentacións subxectivas, dado que non se previu un sistema de baremación obxectivo. Nin tan sequera houbo unha visita que puidese certificar in situ a eficacia e os resultados das supostas políticas innovadoras.


Políticas innovadoras no Concello. Vexamos un exemplo


E agora o “kit” da cuestión: trátase dun premio francamente merecido? Nós consideramos que non o é. Esta postura nace en base á análise da realidade, xa que o Partido Popular, nunca previu potenciar o sistema produtivo local vía innovación, e moito menos vía investigación e/ou desenvolvemento. A súa xestión diaria ten probado o seu interese pola innovación; estamos ante un grupo de goberno miope e torpe que actúa como mero xestor de fondos públicos, volcado exclusivamente nas infraestruturas non produtivas, e que mantén unha ausencia total e absoluta de planificación estratéxica que nos axude a vislumbrar o noso horizonte a 10-15-20 anos, isto é, o futuro queremos construír para Ribeira?


Dende o BNG entendemos que a xestión é a lóxica consecuencia da planificación, en gobernos que non planifican a súa actividade, a xestión vólvese caótica e sen rumbo definido. Por poñermos un exemplo, na nosa localidade hai moitas administracións e entidades intermedias que invisten cartos, logo o labor do Concello ten que ser a de coordinar todo ese esforzo en conquerir unha Ribeira máis diversificada económica e socialmente ben cohesionada. Lonxe diso, a xestión é absolutamente caótica. Vexámolo cun exemplo vinculado ao turismo, unha actividade da que o Sr. Ruíz di potenciar moito:


- As competencias locais en turismo atópanse delegadas na Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, cuestión pola que cada concello achega anualmente 40.000€ ao que se lle engade un convenio da Xunta de 100.000€, isto é, un total de 260.000€/anuais.
Porén, Ribeira xestiona proxectos turísticos como o RIBEIRA ATLÁNTICA 2015, cuxa misión é, textualmente, “transformar o Concello de Ribeira nun destino turístico de primeira orde baseado nos seus propios recursos naturais, patrimoniais e industriais”. En cambio, cando vemos o desglose de actuacións, obsérvase que a gran parte dos investimentos orzamentados non gardan ligazón coa actividade turística. Estamos a falar de centros veciñais, do mercado municipal ou dunha aplicación informática que conta cun Sistema de Información Xeográfica que optou por realizar unha nova cartografía (custou máis de 100.000€), en vez de servirse doutra cartografía xa feita como a privada GoogleMaps ou a información xeográfica do IET da Xunta de Galicia.


Tamén chama a atención que na misión do proxecto Ribeira Atlántica se explicite a importancia dos recursos naturais, concretamente a palabra sustentabilidade é omnipresente, mentres a realidade é ben diferente. En Ribeira non se depura nin tan só un litro de augas residuais (tanto da industria como dos fogares) e óptase por un sistema de tratamento do lixo baseado na incineración (SOGAMA) en vez de apoiar iniciativas fundamentadas na separación e na reciclaxe, tal e como se fai na planta de Lousame (SERRA DO BARBANZA).


- E xa por non falarmos do Parque Natural de Corrubedo, levado á máis absoluta das indiferencias, a pesar de que atrae anualmente a 300.000 visitantes, segundo cifras da Xunta. Este espazo protexido está constituído en base a un decreto de 1992, non adaptado á lexislación actual e nin tan sequera conta co obrigatorio Plan Reitor de Uso e Xestión, co que garantir a convivencia do espazo coa veciñanza, planificar os seus usos, tamén os económicos, e garantir a súa conservación. E dos centros de educación do Parque pensamos que é mellor calar, xa que tanto a Casa da Costa (recepción de visitantes) como o Centro de Interpretación dos Ecosistemas Litorais de Galicia (CIELGA) experimentaron unha fortísima redución de persoal, cuestión que implica que os centros se atopen case sempre pechados ao público.


- Tamén é relevante referírmonos ás estruturas intermedias que, financiadas a través da UE, apoian moitas iniciativas públicas. Sen ir máis lonxe, os Grupos de Acción Costeira que pretenden fortalecer o sector produtivo do mar dende o prisma da súa diversificación. Pois ben, os cartos que recibiu o Concello de Ribeira invístense na organización de feiras gastronómicas en verán, nin tan sequera seguen o modelo do Grove, onde organizan a feira do marisco na propia tempada do produto (outubro) conseguindo tamén implicar á hostelería e desestacionalizando a demanda do verán.


E logo o alcalde fala de turismo intelixente ou de aplicacións denominadas “Smart City Ribeira”, cando nin tan sequera existe coordinación ou transversalidade nas políticas locais!


Os méritos alegados polo Concello para a obtención do premio


Segundo trascendeu na prensa, xa que dende o BNG non tivemos acceso ao expediente da candidatura de Ribeira, os motivos polos que este galardón foi entregado ao noso municipio foron, fundamentalmente, catro:


Plataforma Smart Ribeira: un SIX (sistema de información xeográfica) realizada con cartografía propia (opción máis custosa) e que conta unicamente cun sistema de capas onde se xeorreferenciou puntos de interese turístico. É, de xeito resumido, unha compilación de datos localizados nun mapa, para nada intelixente. Intelixente sería se o turista puidese localizar a parada máis próxima de bus e consultar a hora na que pasa o seguinte carro. Intelixente sería que a aplicación nos seleccionase rutas en función das motivacións do turista (cultura, compras, praias, espazos naturais, etc) e en función, por exemplo, da previsión das condicións metereolóxicas ou dos horarios de apertura das instalacións. Intelixente sería que os servizos prestados ao turista estivesen valorados por outros usuarios (intelixencia colectiva) ou que se identificasen aqueles puntos turísticos accesibles a persoas con mobilidade reducida…


Como vemos, o Alcalde e os seus concelleiros misturan de xeito sistemático o concepto SIX co de SMART. E semella que a comisión avaliadora do Ministerio estaba, ou quixo estar, tan posta no asunto como o grupo de goberno do PP.


- Plan de mobilidade urbana sostible: a palabra sostible é unha habitual nos discursos do PP, mais están a anos luz de asumir, ou coñecer, a súa significación e implicacións. Non podemos falar de mobilidade sostible cando nunca se potenciou o transporte colectivo, unha rede de carrís bici –ou biciamigables- ou medios de locomoción non fósiles, como os eléctricos ou, cando menos, medios híbridos.


Por non falar da trama urbana, cuxo PXOM (responsabilidade de Ruíz) non prevé a mobilidade para persoas con mobilidade reducida (PMR). Tan só é preciso darse unha volta polo centro da cidade ou nas parroquias: estacionamentos de PMR que non contan coa amplitude legal ou con rampas para o acceso ás beirarrúas.


O que prevé este plan, de xeito tácito, e segundo o noso criterio, son fundamentalmente actuacións en materia de infraestruturas básicas (novas rúas, beirarrúas, etc). Pero non unha planificación efectiva no eido da mobilidade e, moito menos, na mobilidade sostible.


Dende o BNG concibimos a mobilidade de xeito amplo e indisoluble coa seguridade viaria e a planificación urbana (PXOM), incluso co potenciamento económico dos centros urbanos: rúas accesibles, priorización do peón-bici fronte a vehículos motorizados, redución do límite de velocidades a 30km/h no centro, peonalizacións e aumento das áreas verdes. Podes comprobar o éxito deste modelo a través do Premio ONU-Hábitat que recibiu a cidade de Pontevedra (BNG): http://www.sermosgaliza.gal/articulo/galiza/onu-concedelle-premio-habitat-pontevedra-polo-modelo-cidade/20141124170431032631.html


- Páxina municipal: non ten nadiña e está aí para vela. Unha plantilla moi básica de wordpress (que pode semellar unha gran innovación para un gran ignorante no asunto) que actúa como un blogue. Este espazo adoece de moitos servizos hoxe en día imprescindibles, xa non dicimos dun canal de participación ou dun espazo sobre transparencia (procesos de contratación, retribucións, estado de execución do orzamento…). Pero é que nin tan sequera dispón de administración electrónica coa que presentar documentación, tributos/taxas e/ou impresos de xeito telemático.


- Plan de eficiencia dos residuos sólidos urbanos (RSU): é curioso, aquí falan de eficiencia mais non de sostibilidade. Mais cómpre matizar que os residuos non poden ter a condición de eficientes, en todo caso será a súa xestión. Actualmente é moi habitual ver contedores repletos de lixo cuestión que ofrecen unha sensación de falta de limpeza e foco de atracción para animais, como gaivotas, gatos e ratas.


Nós, en canto a este tema, apostamos pola remunicipalización do servizo (para controlar directamente a calidade do mesmo) e por xestionar o lixo en base a criterios de reciclaxe e separación (SERRA DO BARBANZA, modelo do BNG), evitando a súa incineración (SOGAMA, modelo do PP). Tamén apostamos pola creación de espazos de compostaxe, particularmente nas parroquias máis rurais e incluso comezar a explorarmos a adaptación de novas vías de tratamento do lixo, moito máis respectuosas co medio natural, como pode ser a recollida porta a porta.


- Plan de eficiencia enerxética: este plan foi copiado do Concello de Carballo, gobernado polo BNG. Trátase de outorgar a xestión da iluminación pública exterior a unha empresa durante 12 anos a un custe practicamente igual á factura mensual da luz. A empresa, instala tecnoloxía LED co que permite reducir a factura eléctrica e rendibilizar o negocio. Faise deste xeito porque o concello non tería a capacidade de asumir, dun só golpe, o cambio de todas as luminarias e o mantemento do persoal para o seu cambio.


A cuestión é que esta xestión non é innovadora, en todo caso será máis eficiente e responsable ambientalmente.


As propostas do BNG de Ribeira para a innovación: menos ladrillo e máis xestión proactiva do coñecemento


- Planificación Estratéxica en I+D+i, a través da cal se formule a senda que debe seguir o municipio.


- Asumir un compromiso financieiro anual para impulsarmos e cofinanciar a estratexia local en I+D+i.


- Colaborarmos coa Axencia Galega de Innovación.


- Potenciarmos os fondos europeos.


- Formación regulada que profesionalice o sector produtivo local.


- Crear (dentro do Macropolígono Industrial da Barbanza) un edificio polivalente de diversificación e innovación empresarial.


- Bolsas destinadas ás persoas tituladas superiores para a mellora da competitividade local.


- Bonificacións e reducións en impostos/taxas en sectores económicos.


- Potenciación do CETGA (Clúster da Acuicultura de Galiza), con domicilio en Aguiño e colaborar co clúster ATIGA (Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galiza).


CONSELLO LOCAL DO BNG RIBEIRA

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.