RIBEIRA ENTRE OS CONCELLOS QUE SE BENEFICIARAN DO PLAN DE MELLORA DA CALIDADE DA SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA DESENVOLVIDO POR INNOVACIÓN E INDUSTRIA E AS COMPAÑÍAS ELÉCTRICAS
Fernando Blanco asinou onte, día 2 de xullo, un convenio de colaboración con Unión Fenosa, BEGASA e APYDE para a mellora das infraestruturas eléctricas no trienio 2007-2009
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; o vicepresidente de Unión Fenosa, Honorato López Isla; o presidente de Barras Eléctricas Galaico-Asturianas (BEGASA), Miguel Antoñanzas; e o presidente da Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía de Galicia (APYDE), José Manuel Arufe, asinaron onte en Santiago un convenio de colaboración para a mellora da calidade da subministración eléctrica de Galiza no trienio 2007-2009.
Este convenio –enmarcado no Plan de Mellora da Calidade da Subministración Eléctrica da Estratexia Energos– vén a continuar o subscrito polo departamento autonómico e as tres distribuidoras eléctricas en 2006 e con el preténdese mellorar a subministración eléctrica naquelas zonas rurais aínda deficitarias, no marco de actuación da Consellaría para mellorar a calidade do subministro no conxunto do país. O investimento previsto no convenio para levar a cabo as obras de mellora nas infraestruturas eléctricas no período 2007-2009 ascende a 60 millóns de euros, dos que as empresas achegarán 33 e a Consellaría de Innovación e Industria os 27 restantes (o 45% do total). En total, beneficiaranse deste convenio máis de 255 concellos galegos, entre os que están tamén Boiro, Rianxo, Pobra e Porto do Son.
Segundo explicou Fernando Blanco, este convenio continúa o camiño iniciado en 2006, dá visión plurianual nos tres seguintes anos e pon de manifesto o compromiso claramente investidor que contempla a Estratexia Energos desenvolvida por Innovación e Industria, posto que estes 60 millóns veñen a sumarse aos 19,9 destinados en 2006, polo que o investimento total destinado á mellora da calidade da subministración ascende a 80 millóns no cuadrienio 2006-2009.