Ribeira aproba o Plan de Obras e Servizos por valor de 1,7 millóns de euros.

Hoxe celebrouse o pleno extraordinario onde se aprobou a proposta do POS+ 2025 por 11 votos a favor do BNG, PBBI e PSdeG e 10 abstencións do PP.

Segundo informou o alcalde, Luís Pérez, a Deputación subiu a contía inicial deste plan até os 100 millóns de euros e espera que ao longo de 2025 haxa unha contía final que estea por volta dos 115 millóns de euros. “Este investimento foi que fai a Deputación da Coruña nos 93 concellos da provincia, supera os 113 millóns de euros que a Xunta destina a través do Fondo de Cooperación Local e que leva conxelado unha década”.


Esta cifra, significa moito para os concellos xa que supón o reparto de fondos mediante criterios obxectivos e transparentes: así pois un 10% distribúese mediante cota fixa, un 5% é por esforzo fiscal, un 15% por número de parroquias, un 35% pola poboación e outro 35% pola superficie do municipio.

O Goberno ribeirense impulsou unha consulta aos veciños e veciñas no comezo do presente ano coa intención de dotar á veciñanza dunha canle participativa, que tivo moi boa acollida, con máis de 300 peticións. Alén desta acción súmase as xuntanzas periódicas do Goberno nas distintas parroquias do municipio durante o ano. “Tivemos en conta a participación da cidadanía a través da consulta pública, o que nos permitiu escoitar directamente as propostas e necesidades de cada parroquia. Grazas ás achegas, fomos quen de identificar as prioridades que agora se reflicten nestes proxectos e aquelas que non tiveron encaixe neste plan, traballaremos para que poidan telo no Orzamento ou noutras subvencións que poidamos conseguir. Isto demostra o noso compromiso cunha xestión transparente e participativa” sinalou Pérez Barral.

Analizando a proposta polo miúdo, no correspondente ao financiamento do gasto corrente para servizos públicos suma un total de 797.000 euros. O rexedor, Luís Pérez quixo aclarar ao respecto: “Este equilibrio é fundamental para manter en funcionamento os servizos municipais sen descoidar o desenvolvemento de novas infraestruturas que impulsen o crecemento e melloren a calidade de vida da veciñanza. O rexedor lembrou como os servizos públicos básicos como saneamento, limpeza ou iluminación incrementaron o seu custo de prestación en 1,6 millóns de euros e “grazas a destinar eses preto de 800.000€ tamén fomos capaces de non subir impostos aos veciños e veciñas”.

O rexedor destacou que o 90% da contía destinada a investimento vai para as parroquias porque segundo declarou, dende o Goberno local preténdese mellorar a calidade de vida da veciñanza. “O groso dos investimentos van para servizos esenciais como auga, saneamento e pavimentacións que permiten garantir que todos os veciños e veciñas teñan acceso a infraestruturas de calidade, independentemente da parroquia na que vivan porque a día de hoxe existen actuacións que é preciso recoller para seguir ampliando a rede destes servizos”.

Listaxe de actuacións:

Saneamento:

  • Ampliación do saneamento en Cristal (Olveira) con 43.000€.

  • Ampliación do saneamento no lugar de A Ponte (Artes) con 67.000€.

  • Ampliación do saneamento en Muíños (Oleiros) con 84.000€.

Abastecemento de auga potable:

  • Renovación da rede de abastecemento en Mosqueiros (Castiñeiras) con  52.000€.

  • Pavimentación e renovación da rede de abastecemento na rúa Agriña (Palmeira) con 116.000€.

Pavimentación de rúas:

  • Pavimentación da rúa Miguel Rodríguez Bautista (Ribeira) con 79.000€.

  • Pavimentación da rúa Buenos Aires, entre rúa do Canaval e Travesía Buenos Aires (Corrubedo) con 93.000€.

Mellora de espazos públicos para a comunidade:

  • Novas gradas para o público no campo de fútbol de Carreira, cun investimento de 260.000 €, que permitirá mellorar as instalacións deportivas e apoiar ao noso deporte local.

  • Renovación do parque infantil da rúa Castelao (Aguiño) con 103.000€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.