Ribeira aproba investimentos para mellorar os servizos básicos en tódalas parroquias

No Pleno Ordinario do luns 29 de xaneiro, o Concello aprobou a expropiación de dous terreos afectados polo proxecto da Senda peonil en Coroso tras determinar o prezo xusto dos mesmos en 2105,02 euros e 579,16€ respectivamente.

Así mesmo, aprobouse o proxecto corrixido das obras dos vestiarios campo de fútbol de Oleiros e a remisión do mesmo á Deputación Provincial da Coruña, incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e servizos de Competencia Municipal POS+2023, para poder proceder á súa licitación.

Aprobación da participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal POS+2024 da Deputación da Coruña

Os investimentos aprobados son a ampliación da liña de auga na rúa Río Azor; cun orzamento de 115.498,47 euros, a pavimentación do camiño do Vilar-Vixán en Carreira; cun orzamento de 106.500,53 euros,  a liña de pluviais e pavimentación nas rúas Revolta e Fonseca de Castiñeiras; cun orzamento de 112.109,07 euros, a renovación da rede de abastecemento na rúa da Cerca en Aguiño; cun orzamento de 174.672,94 euros, a rede de saneamento e abastecemento en Arribas (Artes) cun orzamento de 98.921,36 euros, ampliación da rede de abastecemento na estrada DP-7304 en Olveira; cun orzamento de 36.593,20 euros, renovación de servizos e pavimentación na rúa canaval de Corrubedo; cun orzamento de 45.308,12 euros, e a pavimentación do camiño en Os Muiños (Oleiros); cun orzamento de 53.275,56 euros.

“O Concello está destinando máis de 700.000 euros para mellorar a pavimentación e estender a rede de saneamento e auga potable a aquelas vivendas que hoxe carecen destes servizos esencias” afirmou o alcalde Luís Pérez. “Propoñemos unha obra por parroquia para dotar e ampliar os servizos básicos fundamentais en todo o municipio.”

A concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, destacou a necesidade de “adicar máis de 372.000 euros do POS+2024 a gasto corrente para aliviar as contas do Concello debido ao gasto enorme de obra pública comprometida polo anterior goberno que está tensionando as arcas municipais na actualidade. Un gasto que poderiamos ter adicado a outras obras que nos demanda a veciñanza”. Pola súa parte, o concelleiro do BNG Xabier Vidal, explicou que existe “unha débeda de máis de 13 millóns de euros á que debemos facer fronte” mais reafirmou o seu compromiso de “seguir priorizando aquelas actuacións que garantan a calidade de vida de toda a veciñanza.”

O Pleno tamén aprobou a participación no POS+ Adicional 1/2024 da Deputación Provincial da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios, no que se contempla a ampliación do servizo de axuda no fogar (SAF), cun gasto total de 1.050.000 euros.

Cumprimento da Iniciativa Xabarín
O Pleno aprobou a proposición de Antía Alberte Maneiro para solicitar o cumprimento da Iniciativa Xabarín, de xeito que a Corporacio?n de Radio Televisio?n de Galicia aumente a oferta en galego destinada a? infancia e mocidade a trave?s do reforzo e a promocio?n das canles coas que conta a CRTVG. A concelleira argumentou que é preciso “instar ao Goberno a impulsar o cumprimento dos artigos do anteproxecto de lei xeral de comunicacio?n audiovisual onde se recolle a pluralidade lingu?i?stica como principio básico”.

Escola Infantil e cambios urbanísticos en Aguiño
O Pleno aprobou ademáis a proposición para “instar á Xunta de Galicia a que faga realidade unha escola infantil para Aguiño tal e como se prometera na campaña das eleccións municipais a conselleira de Política Social”, segundo explicou o concelleiro Fernando Abraldes. “O Concello porá ao dispor da Xunta os terreos necesarios, mais é preciso que a Administración galega asuma as súas competencias facendo esa escola infantil do tipo Galiña Azul”.

Ademais disto, na mesma proposición, informouse de que se está agardando unha avaliación ambiental da Xunta para realizar os cambios urbanísticos que permitan desafectar o chan industrial que aínda hoxe está habilitado na antiga fábrica de xeo.
Xestión da Marea de Pellets Plásticos
En relación á crise ambiental dos pellets de plásticos, o Pleno municipal aprobou unha proposición conxunta para esixir á Xunta de Galicia a reclamación dos gastos ocasionados aos concellos para a posterior reclamación a armadora do buque respondendo responsablemente ás consecuencias do feito acaecidos, así como a creación dunha brigada municipal de limpeza de praias durante todo o ano cando haxa posibilidade económica.

O concelleiro Vicente Mariño, defendeu a necesidade de “instar á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a que tomen as medidas oportunas para apoiar ao sector pesqueiro e a facer fronte aos gastos e indemnizacións que procedan así como velar pola calidade dos produtos do mar”.

Pola súa parte, o concelleiro Suárez-Puerta explicou: “É preciso que o goberno da Xunta faga efectiva a súa colaboración cos concellos poñendo á súa disposición de inmediato todos os medios técnicos, materiais e humanos suficientes para facer fronte a esta crise ambiental; así como aumentar o persoal de limpeza das praias”.

A concelleira Antía Alberte, agradeceu aos traballadores do Concello e ao voluntariado o seu labor e colaboración durante a crise ambiental na limpeza “ante a ausencia do Goberno galego, que actuou de xeito tardío e improvisado”.

“Ribeira vive do mar, por iso o este Concello se puxo á cabeza para xestionar esta crise ambiental” afirmou o alcalde Luís Pérez, quen recordou que “non houbo ningún intento de coordinación de esforzos por parte da Xunta a pesar das reiteradas peticións de coordinar os labores de vixilancia e limpeza”.

Proxecto Técnico de mellorar da Pista de Atletismo do Estadio Ana Peleteiro
O Pleno aprobou a relización dun proxecto técnico para mellorar a pista de atletismo da Fieiteira. O concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, informou de que o executivo local mantivo unha reunión co club e coa medallista olímpica Ana Peleteiro para abordar a situación deste deporte, das súas infraestruturas e da posibilidade de darlle un impulso. Vidal informou de que xa estaban en marcha os trámites para encargar ese proxecto técnico mediante o que procurar financiamento para realizar o retaping da pista de atletismo “Ana Peleteiro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.