Ribeira acollerá o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia de 2025

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, acordou por unanimidade na asemblea celebrada o sábado 9 de marzo a escolla de Ribeira como sede do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará entre os días 17 e 20 de xullo de 2025.

O proxecto foi presentado ante as asemblea de Culturmar por un grupo de membros da Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira, encabezado polo seu presidente, Juan José Segade, e polo alcalde ribeirense, Luís Antonio Pérez Barral.

Na presentación, o equipo promotor do proxecto fixo unha ampla exposición das oportunidades que ofrece Ribeira para a promoción e divulgación da cultura marítima. Ademais, poñendo a vista atrás, lembraron o feito histórico de que foi precisamente en Ribeira ondo se celebrou no ano 1993 o primeiro Encontro, comezo dunha xeira de éxito que en 2025 cumprirá 32 anos de vida.

O Encontro consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas, acompañados de actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía, etc.

A celebración do mesmo, que ten carácter bianual desde 1993, ten por obxecto principal poñer de manifesto a riqueza do noso patrimonio marítimo e fluvial e a necesidade de conservalo. Por outra banda, os Encontros serven para amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, é ó mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para os cidadáns e visitantes da vila que acolle o Encontro.

A este evento están convidados todas as asociacións pertencentes a Culturmar e entidades afíns, tanto de Galicia como de Portugal, Irlanda, Francia, Euskadi, Cataluña, Andalucía, Levante ou das Illas Baleares, así como particulares e institucións de interese cultural e patrimonial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.