Rexistradas case medio cento de alegacións do BNG ao PRUX do Parque Natural de Corrubedo

Pérez Barral: “estas alegacións garanten a conservación do entorno e procuran sacar do abandono o Parque Natural”

Consulta o documento completo: Alegacións do BNG ao Plan Reitor de Uso e Xestión e Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán

O BNG ribeirense presenta máis dunha corentena de alegacións ao Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) e ao Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Parque Natural co obxectivo de que a Xunta realice máis investimentos para conservación da natureza, resolva as demandas formuladas polos colectivos veciñais e promova actuacións que revitalicen a zona natural.

Os concelleiros Xosé Vázquez e Luís Pérez, o responsábel local de ecoloxismo Vicente Paz e a de asociacionismo, Cruz Rivadulla, cren que o Partido Popular é o principal culpábel da situación do Parque xa que segundo eles  “por riba de facer que Galiza sexa a comunidade con menos zonas protexidas, estas son mal xestionadas”. O concelleiro, Luís Pérez Barral, afirmou que se o parque está sumido nun absoluto estado de abandono, non hai investimentos suficientes e se esquecen as demandas veciñais, é por culpa da inacción do PP e dos seus membros en todas as administracións – en referencia á Xunta, Concello de Ribeira e Xunta Reitora do Parque -.

Pérez Barral detallou que o BNG leva moitos anos demandando un PRUX pero o documento presentado pola Xunta, supón unha aldraxe por presentalo sen consenso e pretender aprobalo á presa e sen participación dos colectivos ambientais e veciñais. En contraposición a esta forma de actuar, Pérez Barral informou que, após falar cos colectivos veciñais e ambientais, rexistran estas máis de alegacións agrupadas en tres eixes; resolución das demandas veciñais, máis investimentos e revitalización da zona natural.

Resolución das demandas veciñais

O concelleiro ribeirense ten claro que o Parque “debe ser un espazo de protección pero tamén de dinamización social e económica” e para conseguir este equilibrio propoñemos retomar retomar a figura do director/a do Parque, profesionalizar a Xunta Reitora, garantir a participación aos colectivos sociais e reducir a burocracia das solicitudes, autorizacións e permisos.

Desde o BNG destacamos que se debe realizar unha memoria económica e unha partida orzamentaria concreta para compensar ás persoas afectadas, propietarias de terreos e titulares de dereitos consolidados, ás que se lle limita o desenvolvemento das súas actividades e que estean en disposición de vender os seus terreos para que estes sexan adquiridos pola Xunta.

No eido urbanístico solicitamos que o PRUX teña maior nivel de concreción xa que o Plan Xeral de Ordenación Municipal está desactualizado, permitir a construción de vivendas unifamiliares en núcleos consolidados e de poboación e criterios de construción ecolóxica que permitan preservar a zona e garantir os dereitos das persoas propietarias.

Por outra banda, formulamos incluír partidas económicas dirixidas ás persoas propietarias de terreos dentro da zona protexida destinadas a mantemento de muros, valados e sendas, e outra destinada a fomentar o cultivo das terras, a gandaría, a apicultura, a silvicultura e calquera outro tipo de actividades respectuosas co medio natural así como a creación dun selo de identidade dos produtos que se vendan nesta zona de alto valor ecolóxico. Solicitamos a concreción das tarefas e usos tradicionais.

Con respecto ao problema do xabaril pídese contemplar actuacións concretas que permitan reducir a súa afección e compensar o 100% das perdas ocasionadas polo animal.

Máis investimentos

Desde o BNG propoñemos aumentar os investimentos e o programa financeiro do Parque até chegar a unha cifra que permita desenvolver actuacións de preservación dos valores naturais, recuperación de espazos degradados, eliminación de especies exóticas invasoras, protección de flora e fauna ameazadas e a educación e sensibilización ambiental. Desde o BNG só podemos definir como “insignificante” pretender investir só 100.000€ por ano como propón a Consellaría. Ademais, formulamos o aumento aumento do número de gardas e guías que permitan abrir a Casa da Costa e o Cielga e garantan a vixilancia do Parque as 24 horas así como a realización de programas de sensibilización e educación ambiental. Outra das demandas é a mellora de todos os paneis informativos e indicativos do Parque.

Revitalización da zona natural

Pérez Barral asegura que Galiza está á cola do Estado na protección do seu territorio e por iso desde o Bloque propoñen aumentar as figuras de protección que actualmente teñen o río de Artes, o río de Sirves, o rego da Cidade, que desaugan na marisma do Carregal ou o rego do Vilar, que achega auga á lagoa de Vixán. Tamén considerou que se deberían comezar os trámites que permitan iniciar por parte da Administración galega aumentar os Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) os metros cadrados do Parque Natural permitindo unir as zonas LIC sitas no Concello de Porto do Son co propio Parque. No BNG tamén esiximos que se manteña o permiso para a práctica deportiva e o mantemento da zona no Río do Mar, eliminar os aproveitamentos mineiros da zona e aumentar a erradicación das especies invasoras para o que piden a eliminación do 90% destas especies. Por último propoñemos a posta en valor do patrimonio cultural e etnográfico como muíños, mámoas a telleira, a mina de volframio ou o patrimonio inmaterial e lingüístico.

Documento completo: Alegacións do BNG ao Plan Reitor de Uso e Xestión e Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán

Un comentario en «Rexistradas case medio cento de alegacións do BNG ao PRUX do Parque Natural de Corrubedo»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.