A Deputación da Coruña inicia o ano cun investimento histórico nos concellos da comarca de Barbanza través do Plan Único (POS+2025), que destina 10.816.565 euros á zona. Esta cifra supón un incremento do 72% respecto ao orzamento inicial do ano pasado, converténdose no maior investimento inicial desde a creación do plan en 2017.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, xunto á deputada de Plans, Cristina García Rey, visitou esta mañá o Concello de Ribeira, onde foron recibidos polo alcalde, Luís Pérez Barral, e os membros da corporación municipal para presentar o balance do POS+ nos concellos da comarca.
O Plan Único baséase en máis transparencia e obxectividade na asignación de recursos, porque o reparto de fondos non se efectúa de xeito discrecional, senón que se basea en criterios obxectivos empregados dende hai máis de dúas décadas no POS (poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal) que xeran un consenso importante entre os concellos; máis autonomía local, porque son os propios concellos, os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños, os que deciden cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos que achega a Deputación; e máis saneamento financeiro, porque o plan conta con mecanismos para que os concellos podan destinar parte dos fondos a pagar facturas pendentes, reducir a súa débeda ou financiar parte do seu gasto corrente.