Reunión en Aguiño (EDAR)

2007-06-11-reunion-edar-aguino2.JPG 2007-06-11-reunion-edar-aguino.JPG 2007-06-11-reunion-edar-aguino3.JPG


No Pleno ordinario da Corporación Municipal de Ribeira, de 29 de xaneiro, acordarase por unanimidade ceder os terreos para a instalar a EDAR, pero sen indicar onde. A decisión de colocala en Pinisqueira tomouna o Goberno do PP en solitario, ou polo menos sen contar nin con nós, nin coa cidadanía de Aguiño. En base a esa decisión a Consellería de Medio Ambiente elaborou un anteproxecto que está a exposición pública dende o 24 de maio, fecha en que se publicou no DOG, e disponse dun mes para presentar alegacións.

Agora, despois das protestas da cidadanía e da recollida de sinaturas, o Goberno Municipal pretende presentar unha alegación para cambiar a ubicación da EDAR de Pinisqueira para o Polígono de Couso, preto de onde está unha empresa de fariña de peixe. Para iso, convocou un Pleno extraordinario para o vindeiro mércores, día 13 de xuño. Pero, novamente, sen contar coa cidadanía. Onte comprobamos que a xente non estaba informada. De feito a reunión organizada por nós onte é a primeira que se fixo para falar do tema.

A nós parécenos que este é un procedemento de actuación inadecuado por parte de quen nos goberna. O lóxico sería facer previamente un estudio técnico para buscar o mellor sistema (pensouse en pequenas depuradoras en cada parroquia?) e a mellor localización según criterios medioambientais, paisaxísticos, de afección ao medio… Hai que ter en conta que todo o contorno onde se pretende ubicar a estación depuradora é unha zona de lecer, de espazos protexidos, rica en produción marisqueira, con vivendas cerca e con un Aguiño en expansión. Polo tanto, buscar a situación máis acaida para a EDAR entendemos que require un estudo máis pormenorizado e, en todo caso, a súa localización debe facerse en base a criterios técnicos, non a criterios políticos ou simplemente ao chou. Ninguén discute que o saneamento integral é fundamental para o desenvolvemento sustentábel dun pobo. E, polo tanto, a depuración das augas residuais é necesaria para Ribeira. Pero haberá que buscar o mellor sistema e a mellor ubicación.

O seguinte que o nós faríamos sería informar á cidadanía. Explicarlle, en base aos estudios feitos, cal é o mellor sistema e a situación máis idónea. Se o Goberno informara debidamente e se comprometera a facer un mantemento correcto da EDAR para evitar molestias á poboación, a xente entenderíao perfectamente e poderíase chegar a un consenso.

É neste momento, despois de acadado o consenso, cando se porían a dispor da Consellería de Medio Ambiente os terreos necesarios, nunca antes. Así, dende logo, é como nós o vemos e como o faríamos. A cidadanía quer que se conte con ela, sobre todo para as cousas que inflúen de maneira decisiva nas súas vidas. En todo caso, nós si que nos comprometemos a facer un seguimento deste tema e a reunirnos cos veciños de Aguiño para darlle a información que precisen.

DOG:
2007-06-06-depuradora-aguino.pdf

2 Comments on “Reunión en Aguiño (EDAR)”

  1. Eu estiven nesta reunión en Aguiño e antes de nada quero agradecervos que estiverades alí. Fostes os únicos que viñestes a falar con nós.

    Non entendo por qué razón teñen que traer todo para Aguiño. Tiñan razón algúns dos asistentes cando decían que estan convertendo a Aguiño nun basurero. Primeiro a fábrica do cheiro, que non tiña que cheirar, pero cheira. Ahora a depuradora, que tampouco tería que cheirar, pero seguro que cheirará... que será o próximo?

    Ainda que tampouco me extraña, coa representante que temos en Aguiño do Goberno. A verdade é que sentín vergoña allea polo seu comportamento na reunión. Así nos vai!!

  2. Nós tamén estivemos na reunión. E a conclusión que sacamos é que se están tratando os temas que lles afectan directamente os cidadáns ás súas costas. Non entendemos moi ben por que están levando para Aguiño o que ninguén quere, acabaremos tendo en vez dun lugar onde vivir, nun vertedoiro poco habitábel e un ceminterio de hormigón. Especulación urbanística e lixo.
    Entendemos que se non hai outro lugar onde levar a EDAR (en base a aspectos ténicos e non partidistas) que o pobo de Aguiño teña outras compensacións, como zonas verdes habilitadas e coidadas, praias limpas para os cidadans e non só para os turistas, papeleiras, zonas de xogo para os nenos e nenas, en definitiva un lugar digno onde vivir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.