O equipo Mega Builder Team de robótica de Ribeira foi recibido polo goberno local no Concello despois de que o pasado 22 de febreiro se clasificara na competición autonómica da “First Lego League” celebrada en Ferrol.
O rexedor interesouse sobre o sistema de clasificación, o adestramento ou as probas ás que se enfrontan; tamén quixo resaltar, “que é un orgullo para toda Ribeira ter rapaces e rapazas menores de idade que son capaces non só de aprender programación, robótica ou informática, senón que tamén comparten valores tan importantes como o compañeirismo, axudándose uns a outros”. Por outra banda puxo en valor “que eses rapaces que no seu día estiveron no equipo de competición, agora que van crecendo pasan a ser adestradores deses compañeiros que veñen atrás; todo un exemplo”. Finalmente desexoulles sorte para o campionato estatal.