Reclamamos que se depure con todas as garantías

O BNG demanda que a necesaria e urxente depuración das augas residuais se faga con todas as garantías e que se respecte o acordo de mínimos unanimemente acadado por todos os Grupos Municipais no Pleno do 30 de xullo de 2007, que recolle as demandas veciñais

É unha vella demanda do BNG, e para nós algo prioritario, que Ribeira conte co necesario saneamento integral das súas augas residuais. Agora ben, tamén entendemos que non se pode facer de calquera xeito.

Tivemos coñecemento pola prensa que o alcalde e a responsábel de Augas de Galicia acordaron un emprazamento para a EDAR de Ribeira no Polígono de Couso, en Aguiño. Descoñecemos os termos do acordo acadado, pois o alcalde non tivo a delicadeza de informar persoalmente aos representantes dos grupos municipais democraticamente elixidos dun tema de tanta importancia para o Concello, por certo, algo cada vez máis frecuente. Iso si, lamentamos que non tivera a mesma vontade política co anterior goberno da Xunta, ao que sempre lle puxo trabas, tanto neste tema coma noutros moitos, sirvan como exemplo, o Polígono da Barbanza ou o Centro de Alzheimer de Ribeira.

En todo caso, agardamos que este acordo faga valer o acadado por unanimidade no Pleno do 30 de xullo do 2007. Cabe lembrar que todos os Grupos políticos con representación no Concello de Ribeira, incluído o PP, votaron a favor dunha iniciativa do BNG que recolle as demandas veciñais, e que nós presentamos en Pleno en base a un compromiso acadado nunha xuntanza organizada pola Comisión Veciñal de Aguiño, hoxe Asociación Sagres, o 19 de xullo do 2007, na que participamos xunto coas Voceiras do PP e IPdeR e co Voceiro do PSOE.

O acordo adoptado por unanimidade foi o seguinte:

1. Que o proxecto da EDAR de Ribeira se someta aos trámites de Avaliación de Impacto Ambiental e de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade.

2. Que se solicite da Xunta de Galicia unha depuradora específica para o Polígono Industrial de Xarás.

3. Que, en todo caso, o emisario se prolongue até augas profundas, fóra da enseada, en augas con correntes oceánicas, onde se asegure o mínimo impacto e unha rápida dilución e difusión no medio receptor.

4. Que o incremento na intensidade de uso do espazo destinado á planta depuradora vaia acompañado das preceptivas medidas compensatorias.

Se tanto a veciñanza como todos os Grupos Municipais foron capaces de chegar a este acordo de mínimos, non se entendería agora posturas contrarias por parte do alcalde de Ribeira. Non podemos esquecer que a zona onde pretende ubicarse a EDAR é a carón do Parque Nacional da Illas Atlánticas, do Parque Natural, da Rede Natura, dunha área costeira de grande riqueza pesqueira e marisqueira e a carón da boca da Ría da Arousa, unha das máis produtivas do mundo. Estamos falando dun espazo dos máis singulares de Europa e que conta cun alto grao de protección, polo tanto, todas as medidas que se adopten para non poñer en perigo toda esta riqueza son poucas.

Agardamos, pois, que o acordo acadado entre o máximo responsábel do Goberno Municipal e á representante do Goberno Galego respecte o acordo de mínimos unanimemente acadado, para que a necesaria e urxente depuración das augas residuais se faga con todas as garantías.

Máis información…

Nova no País:
Desbloqueada la polémica depuradora de Ribeira

Iniciativa Municipal:
2009-05-28edarribeira.pdf

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.