Reclamamos máis apoio á rede de escolas oficiais de idiomas de Galiza

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que solicita que se inste ao goberno do PP da Xunta de Galiza a que retire a circular 5/2009, por implicar un retroceso significativo na calidade do ensino dos idiomas na rede de escolas oficiais, entre elas na de Ribeira, empeorar as condicións de traballo do profesorado e reducir as posibilidades de aprendizaxe do alumnado que traballa

A circular 5/2009, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dependente da Consellaría de Educación da Xunta de Galiza, dita instrucións sobre o procedemento de admisión e matrícula e organización académica nas escolas oficiais de idiomas (EOI) para o curso 2009–2010, e supón un claro retroceso para o ensino público dos idiomas. Non se contou coas aportacións dos claustros nin da Mesa Sectorial de Educación para elaborar esta circular que significa na práctica unha perda de calidade educativa, xa que, implica a redución drástica de profesorado e a ampliación de carga lectiva dos profesionais. Deste xeito ponse en perigo a diversificación curricular e a calidade das ensinanzas especializadas de idiomas.

A rede de escolas oficiais de idiomas de Galiza está formada por 11 centros e 18 seccións delegadas, sendo o noso concello un dos beneficiarios. Dicir tamén que o cadro de profesorado é de aproximadamente 450 profesionais e o alumnado chega aos 31.000.

Tanto a traxectoria nas ensinanzas dos idiomas como a importancia das escolas de idiomas en Galiza é indiscutíbel. As EOI acababan de experimentar a substitución do antigo sistema de estudos polos novos currículos adaptados aos marcos europeos sobre as linguas. Este cambio implica a reorientación na ensinanza-aprendizaxe de idiomas e posta en marcha dun enfoque comunicativo, o deseño dunha nova planificación académica, un sistema novo de elaboración de probas de certificación unificadas en toda Galiza e a diversificación da oferta educativa. Ademais impártense os cursos ordinarios e á parte ofrécense cursos monográficos, CELGA, linguaxe administrativa, cursos de formación do profesorado ou cursos monográficos de inglés audiovisual, entre outros.

Con esta circular vaise reducir a calidade no ensino de linguas estranxeiras e se vai sobrecargar o horario do profesorado; pero o máis prexudicado vai ser o alumnado, porque se trata en gran medida de xente adulta que traballa e que, coa redución de grupos, vai ter menos posibilidades de atopar praza na franxa horaria que solicitaba, ademais de que o alumnado terá menos posibilidades de participar en obradoiros de lectura, escritura, teatro…, cuestións prioritarias na ensinanza dos idiomas.
Por todas estas razóns solicitamos que se inste ao Presidente da Xunta de Galiza, á Consellaría de Educación e á Dirección Xeral de Ensino, Formación Profesional e Innovación Educativa, a que retire a circular 5/2009, por implicar un retroceso significativo na calidade do ensino dos idiomas, empeorar as condicións de traballo do profesorado e reducir as posibilidades de aprendizaxe do alumnado que traballa

Iniciativa Municipal:
2009-12-17mocion-escola-idiomas.pdf

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.