O BNG, o PSOE e os edís non adscritos presentamos unha proposta conxunta para solicitar a revisión do proxecto do carril bici entre Ribeira e Palmeira, unha actuación incluída na Axenda Urbana de Ribeira e cun orzamento de licitación próximo aos 600.000 euros.
Dende o BNG consideramos necesario reconsiderar o trazado previsto para garantir unha infraestrutura ciclista segura, funcional e integrada coa mobilidade peonil e coa circulación viaria da estrada AC-305. O proxecto actual presenta importantes deficiencias en materia de seguridade, continuidade lineal ou accesibilidade, incumprindo varios dos principios recollidos na Guía de recomendacións para o deseño de infraestrutura ciclista do Ministerio de Transportes.
Entre os principais problemas destacamos que o carril bici cruza a estrada aos poucos metros de iniciar o percorrido en dirección Palmeira, obrigando ás persoas usuarias a realizar manobras perigosas nunha vía con tráfico intenso e velocidades elevadas.
Sumámonos á preocupación dalgún veciños e veciñas ante a redución e, nalgúns casos, desaparición das beirarrúas, un feito que vai obrigar ás persoas a compartir espazo coas bicicletas e deixaría vivendas con saída directa á vía ciclista. Isto é un risco que se debe reconsiderar posto que pode ser un perigo tanto para quen vai camiñando como para quen circula na bicicleta.
A construción do carril tamén suporá a eliminación dos aparcadoiros existentes na marxe esquerda, se imos sentido Ribeira-Palmeira, nun treito de 1,5 quilómetros. A supresión destas prazas terá una afección negativa entre a veciñanza, especialmente durante na contorna do cemiterio e tamén durante os meses de verán, cando aumenta notablemente a poboación e o número de visitantes.
No BNG cremos que levar o trazado pola marxe esquerda (se imos sentido Palmeira) non resolve correctamente a conexión cos principais puntos de interese da zona, como as praias de Coroso, Riazor, Pedras Negras ou Supinal, obrigando a realizar cruzamentos da estrada e xerando situacións pouco intuitivas e inseguras.
Por último, os grupos que presentamos esta proposta vemos oportuno que se faga unha correcta información á veciñanza sobre o proxecto do carril bici así como unha coordinación coas obras de humanización da AC-305 que desenvolve a Xunta de Galiza para evitar problemas de tráfico.
A proposta solicita ao goberno de Ribeira reconsiderar a configuración do proxecto e estudar alternativas que garantan unha infraestrutura ciclista continua, segura e compatible coa mobilidade peonil e co día a día da veciñanza.



