PP, IPR e non adscritos xustifican as declaracións discriminatorias de Eshter Patiño, edil de servizos sociais

O principal debate foi o da reprobación da concelleira de servizos sociais e igualdade que foi amparada pola alianza de PP, IPR e grupo de non adscritos.  Resumo dos temas tratados no pleno de setembro de 2018


- Reprobación da concelleira de servizos sociais e igualdade polas súas declaracións discriminatorias e machistas: A pesar de que as persoas que desempeñan cargos de representación pública ou teñen responsabilidades institucionais deben ter condutas e comportamentos exemplares ante a sociedade, ao seren imaxe de institucións que representan a toda a poboación, PP, IPR e as 3 edís non adscritas aliáronse para protexer a Esther Patiño da reprobación polas súas declaracións discriminatorias e machistas, baixo o pretexto de que é boa persoa.


Desde os grupos do BNG, PSOE e Ciudadanos entendemos que calquera persoa pode trabucarse no desempeño das súas responsabilidades públicas, mais o que non é admisíbel, é que se estean producindo discursos que restan importancia á loita contra a violencia de xénero ou mesmo incitan á discriminación de persoas que teñen mobilidade reducida.


A concelleira delegada de servizos sociais e igualdade María Esther Patiño Rey, declaraba en marzo de 2018 “Feliz día de la mujer, pedir pacificamente salarios igualitarios para trabajos equitativos y que se termine el maltrato tanto machista como feminista. Igualdad. Esta declaración demostra unha evidente falta de coñecemento dos fundamentos da loita feminista. O feminismo non é hembrismo, e as agresións machistas que sofren as mulleres galegas en todos os ámbitos da súa vida están moi lonxe, tanto cualitativa como cuantitativamente, das que sofren os homes. Así o recollen os informes oficiais desta materia. Entendemos que situar as problemáticas das mulleres ao mesmo nivel que as dos homes, implica unha baixa sensibilidade coas violencias que sofren as mulleres. O comentario fixo que nas masivas mobilizacións realizadas o Día Internacional da Muller se lle pedise a dimisión por parte do movemento feminista e dalgunhas forzas políticas con representación na Corporación Municipal de Ribeira.



Por outra banda, en agosto deste ano fixo unhas declaracións intolerábeis por parte da encargada de implementar políticas que favorezan a plena inclusión social e a accesibilidade universal. Ante unha queixa veciñal pola falta de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida na rúa Romero Ortiz de Ribeira, a concelleira declarou: “os das sillas de rodas sobralle por onde ir, sin ter que ir por esa calle”. Estas palabras causaron un profundo malestar na poboación ribeirense que pediu a súa dimisión ou destitución, petición que tamén secundaron os grupos do BNG e do PSOE, e esixíronse explicacións por parte de C’s.


A señora Patiño volve poñer en evidencia a súa total falta de empatía cara ás persoas, neste caso coas que teñen dificultades de mobilidade sexa permanente ou temporal. Consideramos que o Concello de Ribeira debe camiñar cara á accesibilidade universal para aplicar o dereito a ter un municipio no que todas as persoas teñan as maiores facilidades de movemento e os menores atrancos posibles.


Esta persoa non é a mellor representante para estar á fronte do departamento de servizos sociais, promoción social e igualdade do Concello de Ribeira. Para os grupos do BNG, PSOE e C’s, o alcalde de Ribeira é o responsábel último deste asunto, pois ao negarse a señora Patiño a dimitir, o señor Ruiz Rivas ampara este tipo de discursos cando a mantén no cargo a día de hoxe.


Votos a favor da reprobación de BNG, PSOE e C’s e votos en contra de PP, IPR e 3 edís non adscritas


- Denuncia do BNG polo abandono dos centros sociais:  A obra do centro social de Carreira foi realizada polos obradoiros de emprego Vionta, Tahúme e Noro. Cando remataron estes obradoiros, o goberno cambiou a orientación da nova escola-taller provocando a paralización total dos traballos e ficando a obra a medio realizar. Malia que no pleno extraordinario do mes de xullo de 2016 aprobábase un investimento de 266.377€ para rematar as instalacións así como a urbanización exterior do centro, a inoperatividade do goberno é absoluta. A día de hoxe o remate segue sen executarse a cargo desa partida do orzamento e a instalación continúa deteriorándose.


Para o BNG o centro social de Carreira é o símbolo dainoperatividade e da mala xestión do señor Ruiz Rivas con respecto aos investimentos que teñen que ver coas parroquias, especialmente aqueles destinados a mellorar a vida cultural e social das veciñas e veciños.
O voceiro do Bloque, Xosé Vázquez Cobas, denunciou o completo abandono das parroquias, facendo fincapé na grave situación que padecen os centros sociais.


Vázquez Cobas explicou que o centro social de Corrubedo precisa dunha mellora integral, actuación moi demandada pola veciñanza e que foi defendida polo BNG a través de varias iniciativas.
Con respecto á parroquia de Castiñeiras nada se sabe dos investimentos necesarios para dotar dun verdadeiro centro social esta parroquia e tampouco ten horizonte de remate o propio centro social de Carreira.


O voceiro nacionalista rematou afirmando que “para o señor Ruiz o único que parece existir é o Malecón”, polo que afirmou que “o compromiso do BNG é con todos os veciños e veciñas e todos merecen igual atención”.


- O BNG solicita información pola baixa presión da auga: Veciños e veciñas das rúas Clara Campoamor e avenida da Coruña en Ribeira ou Celeiráns en Aguiño trasladáranlle ao BNG o seu malestar pola baixa presión no servizo de traída de auga no verán e durante días.


Para o Bloque, o goberno do Concello de Ribeira debería vixiar a calidade dos servizos que lles presta á veciñanza, para evitar as molestias como as ocasionadas ás persoas que viven nestas zonas. Segundo relataron os veciños e veciñas, a presión da auga é tan baixa que apenas dá para poder ducharse e mesmo hai caldeiras que non entran en funcionamento.


O edil Luís Pérez Barral argumentou que este é un servizo “fundamental” e debe ter un correcto funcionamento en todo momento, agás casos puntuais comprensíbeis como avarías ou rompeduras de tubaxes. Pérez Barral instou ao goberno a poñerse as pilas no que a calidade dos servizos se refire, para que se coide a súa prestación xa que hai moitas queixas. Neste sentido para o BNG, o goberno de Ruiz Rivas está descoidando os servizos fundamentais, como son o de limpeza e recollida de lixo, mantemento, a rede de sumidoiros ou o da traída de auga pois as queixas son constantes.


Ante esta situación o goberno explicou que se daba este problema nos tramos finais de liña ou en zonas elevadas. Segundo as explicacións, tamén se reforzará a traída de auga do Ulla. Pola parte do BNG seguiremos vixiantes para que os servizos e equipamentos se manteñan en perfecto estado.


- Solicitude do BNG para arranxar os semáforos do Malecón: A concelleira nacionalista Elvira Blanco expuxo que desde hai uns anos, o tráfico que atravesa a avenida do Malecón está regulado mediante semáforos ao longo de todo o perccorrido. O feito de que haxa semáforos é positivo, cremos desde o BNG, porque aumenta a seguridade viaria, tanto para vehículos como para as e os viandantes. Ademais contribúe a evitar atascos.


Porén, Blanco Pérez denunciou que “a falta de mantemento brilla pola súa ausencia e é habitual ver partes dos semáforos amarradas por cinta adhesiva ou fitas de plástico para evitar que se desprendan”. Para a nacionalista o PP abandona as súas obrigas de manter en bo estado estes elementos, aumentando o riscos innecesarios como o de atropelos.


Facéndose eco das queixas veciñais, o Bloque presentou unha iniciativa no Concello de Ribeira para que o goberno de Ruiz Rivas faga o seu traballo e arranxe os semáforos que se atopan en mal estado, co fin de que tanto vehículos como peóns teñan máis seguridade á hora de circular polo Malecón.
Trala denuncia presentada polo Bloque, o semáforo que hai diante da Cruz Vermella e da oficina de turismo, foi amañado.


- Solicitude do BNG para promocionar o galego no ámbito deportivo: O Concello de Ribeira a través da Concellería de Deportes organiza o vindeiro sábado 29 de setembro a XXI edición da Carreira Popular de Santa Uxíaque formará parte do VI Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, así como do III Circuíto de Carreiras Populares da Mancomunidade de Concellos de Arousa Norte.


A páxina web na que as persoas que desexen participar se inscriben ten como único idioma o castelán, impedindo exercer un dereito fundamental que é que as persoas que desexen ollar a información sobre a carreira ou inscribirse en galego poidan facelo.
O concelleiro Luís Pérez Barral, lembrou que a imposibilidade de termos unha opción de galego na web contraviría a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Do mesmo xeito o artigo 25 da devandita lei estipula que “o Goberno Galego e as Corporacións Locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras [...]”.


Pérez Barral tampouco deixou pasar a ocasión para lembrar o caso da deturpación do topónimo e declarou que “o goberno local xa ten coñecemento suficiente de que se está a incumprir o artigo 10 e varios decretos polos que se establece que a única forma legal, oficial e válida e Ribeira e non Riveira a raíz de numerosas inciativas do BNG”.


Por último, desde o Bloque, instou a que o Concello de Ribeira, realice accións de promoción do uso do galego neste eido, gañando ámbitos de uso e maior visibilización para a lingua galega no deporte. O BNG solicitou ademais que o Concello de Ribeira vixíe o cumprimento da Lei de normalización lingüística e salvagardar os dereitos da veciñanza cando teña que inscribirse, ver información e outros datos de interese sobre eventos deportivos ou culturais en web’s que non municipais para que sempre teñan opción de lingua galega.


- Outros asuntos:


- Solicitude do BNG para mellorar os aparcadoiros municipais, nos que se marquen as prazas de estacionamento para evitar problemas de mobilidade e evitar atrancos. – Adquisición dos terreos nos que se atopan os Campos de Saamil, por valor de 77.302€. O que se merca son 20.130m2. Aprobado por unanimidade
- Transferencias de crédito por valor de 60.000€. O goberno local cambia o destino dos cartos dunhas partidas para destinalo a outras. Entre as partidas que se reducen están as de transporte público á que se lle resta 25.000€ e outra de 35.000€ por persoal de praias. Aprobado cos votos a favor de PP, IPR e 1 edil non adscrita, en contra de BNG, PSOE, C’s e 2 abstencións de edís non adscritas.
- Modificación ordenanza de limpeza. Neste punto actualizáronse as obrigas de recoller as feces e disolución dos ouriños dos animais domésticos. As sancións serán de ata 100€ (leves), de 101 a 300€ (graves), de 301€ a 1000€ (moi graves). As faltas leves terán unha redución do 50% por pronto pagamento. Aprobado por unanimidade
- Convenio de comodato para xestionar durante 20 anos, o Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes. O custo desta xestión será de aproximadamente 60.000€/ano. A xestión será pública. Aprobado por unanimidade
- Modificación regulamento da Protección Civil para que poida integrarse na agrupación persoas empadroadas noutras localidades. Aprobado por unanimidade
- Aprobado por unanimidade mellorar o firme no lugar de Bretal, na Avenida da Coruña e na da Paz.
- Conta xeral do ano 2017. Aprobado cos votos a favor do PP, C’s, IPR e 1 edil non adscrita, abstención de BNG, PSOE e 2 edís non adscritas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.