Resumo dos temas máis relevantes tratados no pleno ordinario de abril de 2022
Proposta para avanzar na construción do club de remo: a iniciativa defendida polo portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, pretendía constituír unha comisión de seguimento conformada por cando menos as seguintes partes: alcalde, grupos políticos, representantes do club de remo, Portos de Galiza e confraría de Carreira e Aguiño.
O Club de Remo leva en activo desde o ano 2013 e desde aquel ano até a actualidade foron moitos os problemas que tiveron que afrontar incluíndo varias mudanzas de localización mais sempre foron aumentando o número de remeiras e remeiros. Nos últimos anos, non só se incrementou o número de persoas socias e remeiras – actualmente chega ás 200 persoas que teñen relación co club -, senón que tamén se están acadando importantes trofeos como o de Campioas da Liga Galega de traíñas e terceira posición xeral na Bandeira da Concha en 2018, primeiro posto na Bandeira de Campioas de España, subcampionato Galego, subcampionato de España, subcampionato da Deputación, Bandeira Teresa Herrera e a clasificación como único equipo Galego na Bandeira da Concha coa sétima posición. Este mesmo ano o equipo de xuveniles feminino foi proclamado como campioas galegas e xa teñen praza asegurada para ir a Pasaia ou as alevinas acadaron a quinta posición en Galiza.
A pesar do importante palmarés, Ribeira non conta cunhas instalacións axeitadas para desenvolver a práctica deportiva de remo obrigando ao club a estar emprazado nunhas instalacións moi deficientes con goteiras, humidades, frío, inexistencia de vestiarios, auga quente, espazos de estudos, etc.
O Centro de Deportes Náuticos ía ser financiado coa venda do matadoiro municipal, cuestión que foi obxecto de debate en múltiples ocasións e confirmada por parte do goberno local a través do alcalde e da tenente de alcaldía en diferentes sesións plenarias. Así pois, o tema foi tratado en pleno en diversas ocasións – novembro do 2018, febreiro e novembro do 2019 e xaneiro do 2020 – sen que a día de hoxe se fixera nada.
Alén das veces que foi a Pleno, en maio de 2019, o goberno municipal presentaba publicamente a nova sede do Club de Remo. Unha instalación de 1 500 metros cadrados que se construiría a carón da lonxa de Aguiño e que era “versátil e esteticamente bonita” segundo manifestaba nos medios de comunicación o alcalde. Ademais disto, o señor Ruiz aseguraba que en setembro ía procederse a facer a poxa, licitar as obras a finais do ano 2019, en xaneiro de 2020 comezarían os traballos e en xuño ou xullo de 2020 estaría finalizado o edificio.
A día de hoxe non hai emprazamento, nin proxecto, nin se está realizando ningún trámite para que o club de remo conte cunhas instalacións axeitadas para a práctica deportiva. É evidente que o goberno local é incapaz de avanzar, e por riba, tampouco acepta iniciativas como a que presentaba o BNG en maio do ano 2020 para habilitar un crédito extraordinario co que facer posíbel a súa construción.
Esta proposta trataba de darlle unha solución definitiva ás demandas e necesidades que presenta o Club de Remo, mediante a creación dunha comisión de seguimento na que estean representados os membros do Club de Remo, da Corporación Municipal, Portos de Galiza e Confraría de Carreira e Aguiño.
Devandita comisión tería permitido testar as actuacións que o goberno local está realizando para cumprir cos acordos que suscitaron un amplo consenso dos grupos que integran a Corporación Municipal de Ribeira e materializar o Centro de Deportes Náuticos na parroquia de Aguiño.
A proposta foi apoiada por BNG, PBBI e SR e tivo os votos en contra de PP e PSOE
Proposta do BNG para mellorar a seguridade, accesibilidade e iluminación dos pasos de peóns: a iniciativa presentada polo BNG pretende darlle solución ao grave problema que hai coa inseguridade de moitos pasos de peóns. Cómpre destacar que nos últimos meses rexistráronse atropelos e provocando feridas de diversa consideración ás persoas que cruzaban. Malia esta situación, o goberno local non fixo nada para mellorar a seguridade viaria.
Non é a primeira vez que o BNG presenta iniciativas encamiñadas a garantir a seguranza viaria, a calmar o tráfico ou a promover unha mobilidade máis segura, respectuosa co medio e amábel para as persoas. Neste sentido, o portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, destacou as alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS), para elaborar un plan de mellora da seguridade nos pasos de peóns con máis tránsito co que poder detectar aqueles pasos de peóns nos que poden producirse situacións de risco e implementar as medidas oportunas para mellorar a seguridade das viandantes e das persoas condutoras. Alén desa medida, nos últimos anos teñen feito propostas para un correcto mantemento do pavimento en varias estradas parroquiais e iniciativas para o calmado do tráfico que redundarían nunha maior da seguranza viaria.
Pérez Barral recriminou a parálise do goberno local “que só actúa cando se lle presiona”, xa que tras ser rexistrada a iniciativa do BNG o pasado luns, o alcalde mandou a brigada de obras pintas os pasos de peóns que estaban nun estado de mantemento moi deficiente. “Bastaba con dar unha volta polo centro urbano de Ribeira ou das parroquias para comprobar que hai pasos de peóns que apenas conservan a pintura (rúa Lepanto, rúa Rafael Dieste, Mariño de Rivera, rúa Canarias, rúa de Galiza, Deán, avenida da Coruña, etc.). Por se fose pouco, a deficiente iluminación dalgúns pasos de peóns implica que polas noites ou cando as condicións meteorolóxicas son adversas, a visibilidade é practicamente nula.
No BNG imos máis alá e solicitamos que se realice un plan de seguridade e accesibilidade viaria con medidas como o calmado de tráfico que xa se adoptaron con éxito en concellos gobernados polo BNG ofrecendo datos moi positivos cunha baixada de accidentes e de atropelos. En Ribeira deberíanse iluminar correctamente os pasos de peóns, pintalos ben e pór en marcha medidas de calmado de tráfico naquelas zonas nas que se rexistran velocidades inadecuadas e perigosas para a seguranza viaria. “O calmado de tráfico supón beneficios claros tales como; redución do risco de morte por atropelo pasando do 50% a 50km/h ao 10% se a velocidade é de 30km/h ou a redución de ruído e da contaminación producida polos vehículos”.
Aprobada por unanimidade
Cruz Rivadulla Márquez, nova concelleira do BNG en Ribeira
Cruz é veciña de Oleiros, licenciada en Química e foi profesora de Educación Secundaria de moitas xeracións de rapaces e rapazas. Actualmente está xubilada e colabora con distintas organizacións sociais como Renacer, Unicef ou cos Servizos Sociais de Ribeira.
Cruz substitúe a Xosé Vázquez Cobas que deixou a portavocía pero segue traballando arreo como membro do Bloque. Estamos seguros que fará un gran traballo. Pola súa banda, Rivadulla Márquez agradeceu a confianza que depositaron os compañeiros e compañeiras do BNG e asegura estar moi ilusionada e a disposición da veciñanza para construír a Ribeira en grande que se pode acadar co BNG.
Proposta do BNG en apoio ao pobo saharauí: diante da decisión unilateral do Goberno español de asumir a postura de Marrocos de non respectar o dereito de autodeterminación do pobo saharauí, o BNG mostrou o seu total rexeitamento á mesma. Esta decisión supón a asunción da posición e discurso da ditadura marroquí sobre o Sahara Occidental, aceptando o seu plan de autonomía, e que na práctica significa a anexión por Marrocos do territorio saharauí.
Consideramos a postura do Goberno español unha traizón ao pobo saharauí, xa que se prega aos intereses do rei de Marrocos e vai en contra de tódolos acordos adoptados até o momento polas institucións internacionais, que unanimemente se teñen pronunciado a favor do dereito do pobo saharauí a exercer o seu dereito de autodeterminación, por medio dun referendo entre a súa poboación.
A iniciativa do BNG acadou o voto unánime da Corporación Municipal para instar ao Goberno estatal a que apoie as resolucións da ONU para acadar unha solución duradeira e de paz para o Sáhara Occidental.
Outros asuntos
Aprobación do convenio de colaboración entre Ribeira e Porto do Son para executar o obradoiro de emprego Tahume VIII dedicado a operacións básicas de cociña con 12 prazas e montaxe de artes e aparellos de pesca con 8 prazas. Aprobado por unanimidade
Corrección do erro dos planos 2.15 do solo urbanizábel das Avesadas SUZ 3. Foi un erro material sobre a cualificación duns terreos que ha sitos por detrás da praza do Centenario e polos xulgados nos que se detallaban como rústicos uns terreos que realmente deben ser urbanizábeis. Aprobado por unanimidade.
Propostas para mellorar a accesibilidade na rúa Cristobal Colón. Aprobado por unanimidade
Propostas para mellorar o mantemento e accesibilidade do paseo de Artes. Aprobado por unanimidade
Proposta para mellorar o campo de fútbol da Tasca en Aguiño. Aprobado
Proposta para mellorar o firme da rúa Manzanares e o parque de Pedra Pateira. Aprobado por unanimidade