O pleno extraordinario celebrado onte en Ribeira aprobou, entre outros asuntos, incrementar o gasto do novo auditorio de Ribeira en 400.000 euros e estender o prazo para executar a obra até xuño de 2023.
Segundo informou o portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, o primeiro orzamento era de 2,5 millóns de euros incluíndo o equipamento, mais durante a redacción do proxecto construtivo detectáronse unhas carencias e pasou a 3,6 millóns, finalmente sácase a licitación por 4,2 millóns de euros sen o equipamento e sen a iluminación necesarias para o seu funcionamento.
O goberno local tratou de eximir a súa responsabilidade dicindo que o incremento está motivado por culpa duns cascallos, malia ter pagado por un estudo xeotécnico e por mor dunha liña de media tensión imposibilitou operar correctamente coa grúa malia verse a simple vista. “É evidente que hai unha mala xestión”.
Pérez Barral considera que estes argumentos son “desculpas de mal pagador” xa que os problemas non só se dan co novo auditorio, senón que se repiten desde hai anos en practicamente todas as obras que se proxectan desde o Concello de Ribeira. “O mercado municipal, a depuradora, o matadoiro, a casa da xuventude, o centro social de Carreira ou o pavillón de Palmeira son algunhas das que tiveron que sufrir, no medio da obra, modificacións con respecto ao proxecto inicial, incumpriron os prazos de finalización e todas dispararon o custo previstos incialmente”.
“PP e PSOE aprobaron seguir malgastanto cartos públicos en cemento e obras megalómanas mentres descoidan cuestións tan básicas como o mantemento de parques e espazos públicos ou se lle cobra o un ‘tarifazo’ excesivo ás familias co recibo do saneamento” reprochou Barral. “No BNG cremos que Ribeira pode ter infraestrutura cultural acorde ás actividades que se desenvolven na vila pero cremos excesivo que vaia custar cinco millóns de euros ou máis cando existen servizos básicas sen atender”.
Outros asuntos:
Suplemento de crédito 2/2022: O concelleiro, Luís Pérez, recriminou ao executivo local a maneira en que trae a pleno este tipo de investimentos, cun formato pechado, porque inclúen partidas moi cuestionables a carón doutras moi necesarias que fan imposíbel botar en contra. “Saben que hai partidas que non se aprobarían como a de destinar 136.000€ á polémica reforma de Aguiño se non as inclúen no mesmo paquete con outras tan necesarias como as subvencións a entidades deportivas, a creación de dúas vivendas de acollida ou a instalación de paneis solares en edificios públicos”. Non vai ser o BNG quen poña máis atrancos á parálise que vive o concello e aos problemas de xestión.
Investimentos aprobados: pavimentación da rúa perpendicular á Capela da Guía (8.100€), pavimentación dun treito da rúa Manzanares (12.500€), acondicionamento da praza en Teira (25.800€), pavimentado de pista en Martín (8.000€), casa de acollida en Carreira (140.900€), remodelación paseo marítimo Aguiño (136.000€), instalación de paneis solares en edificios públicos (110.000€), subvencións a entidades deportivas (60.000€) e transporte público a colexios concertados (20.000€).
Votos a favor de PP, BNG, PSOE e abstención de PBBI e SR
Crédito extraordinario 2/2022: Barral quixo destacar a proposta para crear un bono comercio-hostalaría realizada o ano pasado grazas a unha proposta do BNG que lle foi presentada á Asociación de Empresarios de Ribeira tivo unha acollida moi moi boa. Grazas a ela o efecto multiplicador que houbo na economía ribeirense foi moi positivo durante os meses de Nadal.
“Teño que dicirlles que para min é un orgullo que iniciativas que foron propostas polo grupo municipal do BNG permitiron e van permitir axudar a centos de familias, comercios e negocios de restauración do municipio nun momento de incertidume económica” asegurou.
“Vemos con moi bos ollos o aumento da achega que fai o Concello á Asociación de Empresarios porque sempre remarcamos que esta entidade está realizando un traballo fundamental para que Ribeira teña un comercio forte, dinámico e con moitísimo potencial. Queremos darlle os parabéns publicamente polo traballo que desenvolven porque están axudando a soster un sector que xera emprego na localidade e dá vida ás nosas rúas”.
Por outra banda, agardamos como auga de maio a materalización dese reforzo de iluminación nos pasos de peóns, cuestión que o BNG leva demandado en numerosas ocasións mediante iniciativas plenarias pero tamén propoñendo alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel.
Con respecto ás outras obras supoñen dotar de servizos básicos á poboación como é o acceso ao saneamento, mellora de pavimentos deteriorados ou reforzo da seguranza viaria, temas nos que sempre apoiamos por seren unha prioridade.
Saneamento no lugar de Agrelo 39.500€, saneamento en Salmón 18.000€, reforzo lumínico en pasos de peóns 30.000€, ampliación parque A Rochela 40.000€, bono comercio 300.000€, subvención ao Centro Recreativo de Artes 12.000€, subvención á Asoc. de empresarios/as de Ribeira, 40.000€, acondicionamento campo de fútbol de Carreira e pista Vilar-Vixán 48.000€, reforzo paseo marítimo Coroso 341.100€, mellora acceso parque periurbano San Roque 48.000€, pavimentación en Laxes 48.000€, pavimentado dun treito da rúa Galiza 46.000€, pavimentación rúa Canarias 36.200€, pavimentación dun tramo da avenida Miguel Rodríguez Bautista 48.100€, pavimentación de varios tramos da rúa Buenos Aires 25.000€ e pavimentado e renovación de servizos na rúa Curbelo 6.900€ e asistencia técncia para proxectos estatais de transformación e resiliencia 60.000€.
Votos a favor de PP, BNG, PSOE, abstención de PBBI e voto en contra de SR.