PP e PSOE aproban un orzamento que consolida subida de impostos e non soluciona necesidades urxentes

O BNG presenta unha emenda á totalidade coa que mellorar as contas e darlle resposta a necesidades urxentes. A emenda rexeitouse por 11 votos do PP e PSOE contra os 10 de BNG, PBBI e SR. Os Orzamentos de 2021 aprobáronse cos 11 votos a favor de PP e PSOE e cos 10 en contra de BNG, PBBI e SR.

Pleno de Orzamentos 2021 celebrado o 20 de setembro. Intervención do BNG:

Ribeira conta a día de hoxe con 1.446 persoas no desemprego. A este dato temos que sumarlle as persoas que aínda se atopan nunha situación de ERTE e que non computan nas cifras do paro. Ademais destes dous datos, temos que ter en conta a alta temporalidade que existe no mercado de traballo actual, pois a maioría dos contratos de traballo que se fan, son temporais. Esta situación provoca unha alta precariedade laboral que impide manter unhas condicións de vida dignas e tamén provoca a existencia de traballadoras e traballadores que, malia teren emprego, non chegan a fin de mes.

Por outra banda, temos un sector comercial e hostaleiro que leva sufrindo nos últimos dous anos sucesivos feches, restricións, baixada nas vendas e no consumo e un incremento dos custes aos que teñen que facerlles fronte como é o escandaloso recibo da luz, por poñer un exemplo. Ou que dicir dos moitos mozos e mozas que e ven na obriga de emigrar a outras partes do Estado ou do estranxeiro para poder atopar unha oportunidade laboral en condicións dignas.

Esta é a situación xeral de Ribeira, unha situación que viven moitos veciños e veciñas do noso municipio. Moitas persoas pregúntanse, ante os titulares feitos nos últimos días por PP e PSOE, se estes Orzamentos van dar resposta ás demandas dun momento excepcional que nos deixa a crise sanitaria e a crise económica provocada polo coronavirus. Moitas persoas están a se preguntar se estes Orzamentos van reverter os recortes e privatizacións dos últimos anos, se van apostar por reforzar a economía e fomentar as grandes potencialidades que ten o noso municipio. En definitiva, se van facerlle fronte a todos os retos que ten Ribeira e que precisan de unidade e valentia?

Créame cando lle dicimos, señor Ruiz, que nosgustaría que a resposta a todas esas preguntas fose que SI, que estes orzamentos realmente van dar resposta aos retos que ten a Ribeira, que ten a Ribeira, porque honestamente cremos que é máis importante que nunca que os gobernos acerten polo ben das persoas.

Señor Ruiz, non cre vostede que nunha situación excepcional como a descrita sería imprescindible chegar ao maior consenso posible para aprobar os Orzamentos de Ribeira? Lamentablemente, vostede, excluíunos de calquera tipo de diálogo e de consenso. Diálogo e consenso, dúas palabras que son tan necesarias en política pero que moi poucas veces se poden chegar a ver.

O certo é que estes Orzamentos volver ser os da soberbia e da prepotencia dun alcalde que exclúe aos grupos da Corporación e á sociedade ribeirense da súa elaboración. Volven vostedes presentar unhas contas feitas á medida do Partido Popular que ano tras ano ven aquí, e sen ruborizarse, a dicir que farán os mesmos proxectos que anunciaron en anos anteriores. É alucinante que nin no medio dunha pandemia, vostedes deixan de facer propaganda. Ribeira merece máis que un comité de publicidade instalado na mentira e na propaganda.

Falta de participación social e nula vontade de diálogo

 Os Orzamentos de Ribeira para o ano 2021 son unhas contas sen participación social. As contas presentadas polos señores Ruiz e Vilas, mediante a sinatura dun pacto de goberno para o período 2021-2023, carecen da máis mínima vontade de chegar a acordos e consensos cos que mellorar a calidade de vida da cidadanía de Ribeira. Boa mostra disto, é como os grupos que integramos a Corporación Municipal tivemos que informarnos polos medios de comunicación dos detalles do acordo PP-PSOE e mesmo do día en que se ía celebrar o pleno de Orzamentos. Establecer as canles de participación suficientes para que todos os grupos políticos e todas as entidades sociais, culturais, deportivas e económicas do concello puidesen facer as súas achegas e decidir as partidas orzamentarias é sempre necesario. Máis se cabe cando o goberno local conta con tan só 9 de 21 representantes, cando menos até o momento.

Vostedes rexeitaron negociar as contas pero desde o BNG volvemos tender a man para chegar a acordos que redunden no beneficio da sociedade ribeirense, como así fixemos outras veces, pero para iso precisamos un cambio de actitude por parte do goberno local e disposición para chegar a consensos. Por iso presentamos unha emenda á totalidade deste Orzamento nas que detallamos propostas en cuestións urxentes como: mellora do tráfico e do transporte público, reversión dos recortes e das privatizacións, reforzo do persoal e dos servizos públicos, aumento de zonas verdes, fomento da cultura e do deporte e redución de gastos innecesarios.

Velaquí teñen a man tendida do BNG que achega propostas para beneficio da veciñanza de Ribeira, votedes dirán se queren dialogar ou impoñer unhas contas feitas nun despacho e de costas á sociedade.

Orzamentos que non responden ás demandas sociais

Basta con ver o capítulo de investimentos dos Orzamentos presentado por PP e PSOE para ver que carecen de credibilidade pois prevén gastar cartos en cuestións superfluas como en crear o cuarto museo do mar na Barbanza – xa o ten Rianxo, Porto do Son e Noia -. Acaso cren que neste momento, a prioridade da sociedade ribeirense é crear o 4º museo do mar da comarca? Por favor, saian vostedes do despacho da alcaldía e verán que Ribeira precisa de máis emprego, máis aparcadoiros, mellores mantementos, reforzar os servizos públicos, etc e ter unha taxa de auga e saneamento que non sexa un atraco.

No proxecto de Orzamentos que presentan non se contempla absolutamente nin un só euro para resolver o caos de tráfico que o PP creou por culpa da redución de carrís, eliminación de aparcadoiros ou coa redución do transporte público, e total para que? Para seguir poñendo máis cemento, palmitos e herba de plástico. É moi triste. Lamentamos a oportunidade perdida que supón a reforma das Carolinas, cremos que debería ter sido aproveitada para facer un gran bulevar con espazos de sombra e zonas verdes nas que a veciñanza puidese estar, pasear e desfrutar. O seu goberno señor Ruiz vai no sentido contrario ao que están facendo as vilas e cidades de practicamente todo o mundo e vese nas Carolinas, no Malecón na que hai cemento por todas partes ou na tala de árbores que fixeron na avenida da Coruña.

Vostedes non deben ter problema para aparcar, porque do contrario, incluirían medidas para mellorar o firme, a limpeza e a seguridade dos aparcadorios disuasorios porque é imposible atopar un sitio onde deixar o coche. Señor alcalde, en Ribeira, segundo datos oficiais hai máis de 12.000 coches e a súa única política e quitar aparcadoiros?

Desde o BNG temos claro que hai que facer unha forte aposta por potenciar o transporte público pero tamén crear espazos axeitados onde deixar o coche e sobre todo, rescatar o aparcadoiro do Centenario para poñelo a disposición da veciñanza con prezos baixos. Estas medidas son necesarias porque hai moita xente que vén a Ribeira desde outras parroquias e concellos para traballar, mercar ou simplemente visitar a localidade.

Fíxense que están tan inseridos na súa propia realidade que nos Orzamentos que presentan tampouco fan unha aposta decidida polo mantemento pese o clamor social tan grande que existe neste tema. Desde o BNG cremos que no momento actual, de crise económica e sanitaria, as prioridades deberían ser mellorar as infraestruturas mediante o aumento significativo da partida destinada a manter infraestruturas tan básicas como os parques infantis, paseos marítimos, beirarrúas ou o mobiliario urbano. Fáganlle caso á veciñanza e manteñan en condicións as infraestruturas xa feitas.

Empéñanse en seguir facendo obras megalómanas como o novo auditorio que pasou de valer 2,5 millóns de euros con todo o mobiliario e equipamento necesario para o seu funcionamento, tivo que reformularse por unha xestión nefasta e agora xa vai custar 4,2 millóns de euros sen equipamento ningún.

Orzamentos fake e irreais

 Temos que desconfiar das cifras que se nos presentan pois, por moito que se tente vender como os orzamentos históricos, o único histórico que hai aquí é o beneplácito do PSOE a unhas contas feitas polo PP, á medida do PP. De que vale señor Vilas aprobar unhas contas millonarias que só se executarán nunha pequena parte? Por que hai proxectos que malia levar anos incluíndose en sucesivos orzamentos o Partido Popular non as executa? Á listaxe de incumprimentos dos acordos plenarios por parte do alcalde, hai que sumar innumerables obras que non se executan malia dispoñer de partidas orzamentarias asignadas en orzamentos pasados. Por poñer uns exemplos; Centro Social de Carreira leva desde 2012 incluíndose nos orzamentos pero a día de hoxe está sen rematar, a reforma da rúa Rosalía de Catro leva desde 2018 sen facerse incumprindo así o acordo chegado cos comerciantes para facer a obra ao completo e non por fases, mais vostede señor Ruiz, mentiu e ignorou a petición dos comerciantes. Outro exemplo é a sede para o club de remo agora renomeado como “centro de deportes náuticos” que leva desde 2018 e a día de hoxe non hai nin un só papel. Vostedes saben que o BNG sempre mostrou o seu compromiso e predisposición en facer un equipamento que considera urxente e vital pois as actuais instalacións, con goteiras, humidades, frío, sen vestiarios, auga quente, etc. non poden ser espazo onde facer esta modalidade de práctica deportiva. Desde o ano 2018 o BNG votou sempre a favor dos trámites para materializar a construción desta infraestrutura e cando se soubo que o matadoiro non se ía vender, o BNG fixo unha iniciativa para desbloquear os cartos e poder avanzar na construción do Club de Remo pero o PP bloqueou esta posibilidade coa súa negativa e o PSOE desculpábase dicindo que precisaba de informes técnicos. A falta de apoio por parte de PP e PSOE á iniciativa do BNG, está implicando o atraso de varios meses dunha obra que podería ter consignación orzamentaria no mes de xullo.

Resulta rechamante que PP e PSOE dicían a finais de xuño que non se podía aprobar a iniciativa do BNG para habilitar 600.000 euros para levantar a sede do Club de Remo porque, dicían vostedes, que non había localización definida pero si se poden incluír agora nos Orzamentos 700.000 euros para construír un edificio que aínda non se sabe onde se fará e do que tampouco hai proxecto técnico concreto.

Tanto o Club de Remo como a Biblioteca xa estaban previstos en Orzamentos pasados, polo que nos gustaría saber que fará o PSOE se, unha vez máis, o PP incumpre cos acordos, algo ao que xa nos ten habituados? Racharán o pacto ou seguirán salvando da reprobación a un alcalde que incumpre a lexislación e se salta todos e cada un dos acordos que aquí se aproban?

Polígono industrial

 Falemos agora do polígono industrial. En Ribeira levamos desde 2009 sen política industrial definida porque ao Partido Popular de Núñez Feijóo e de Ruiz Rivas vetaron a construción do proxecto que faría un polígono comarcal de un millón de metros cadrados que o BNG deseñara desde a Consellaría de Industria. Os intereses políticos de Feijóo e Ruiz para dicir que o BNG non fixera nada no goberno da Xunta, botaron ao traste un polígono completamente equipado que se ía situar nos terreos contiguos a Pedras Vermellas.

A consecuencia dese desquite político volveron pagala, unha vez máis, as veciñas e veciños que teñen que ver como cada vez máis empresas deciden instalarse fóra de Ribeira por carecer de chan industrial. É lamentable, que o goberno do Partido Popular queira vender como éxito que un concello teña que facer un polígono industrial pola desidia da Xunta. É inaudito que teña que ser o Concello e o tecido empresarial de Ribeira quen teñan que quitarlle as castañas do lume ao goberno do señor Núñez Feijóo que é quen ten as competencias en materia industrial.

Por outra banda, como ben dixemos, os Orzamentos de PP-PSOE son un exercicio de trileirismo político porque se ben é certo que o Concello ten que subscribir un crédito para avalar a súa construción, realmente serán os empresarios e empresarias que queiran instalarse van ser os que poñan os cartos necesarios para que sexa realidade (8 millóns de euros). A Xunta vai investir a incrible cantidade de 0€ na construción do polígono industrial de Ribeira, ese é o compromiso de Núñez Feijóo con Ribeira.

Execución – Incumprimentos constantes

 Temos que lembrar que do Orzamento 2020 tan só se executou un 54%, ou o que é o mesmo, o 46% dos cartos habilitados deixáronse sen gastar pola inoperancia do equipo presidido por vostede señor Ruiz. Esa baixa execución produciuse no ano da pandemia, cunha crise sanitaria e económica, ano no que a xente precisaba que o goberno local fixese todo o posíbel para axudar os ás persoas máis vulnerábeis e os sectores económicos máis damnificados.

Pretenden vendernos unhas contas fake para dicir que se chegan a cifras estratosféricas porque suman os fondos EDUSI que por certo, xa incluíran tamén nos Orzamentos de 2017, remanentes, créditos extraordinarios e préstamos para dar un titular xornalístico  baleiro de que se van investir en Ribeira 53,8 millóns de euros pero ao BNG non lle colan as súas trolas porque sabemos que o que finalmente se executará será o que vostedes queiran e cando queiran porque xa nos teñen acostumados a incumprir todo o que prometen.

Saben o que é histórico nestes Orzamentos? o histórico nestes Orzamentos son dous asuntos:

  • O saqueo de máis de 4,6 millóns de euros aos petos dos veciños coa taxa de auga, saneamento, lixo e sumidoiros.

  • A falta de política industrial da Xunta,. O PP nos últimos 30 anos non fixo un só metro cadrado de chan industrial a pesar do crecemento económico do concello. A fuga de moitas empresas obrigou ao Concello a asumir a construción do polígono que pagarán os empresarios (8 millóns de euros) malia que a competencia é da Xunta de Galiza.

Consolida a brutal subida de impostos á cidadanía de Ribeira

O proxecto de Orzamentos 2021 no seu apartado de ingresos consolida o tarifazo que supuxo establecer o modelo de saneamento elixido de maneira unilateral polo Partido Popular e que sempre contou co voto en contra do BNG, porque implicou unha suba de 72 euros ao ano nos recibos que teñen que pagar todos os veciños e veciñas de Ribeira. Por iso, na emenda á totalidade que presentamos achegamos propostas como as de habilitar unha partida orzamentaria para reducir a taxa de auga e saneamento e establecer un prezo en liña co que se viña pagando antes do tarifazo do PP. Ese tarifazo leva a que Ribeira sexa un dos concellos da contorna que máis caro ten o recibo do saneamento, e volvo repetir, a veciñanza non ten culpa das malas decisións adoptadas polos sucesivos gobernos do PP e polo tanto non debe pagar as consecuencias de termos un sistema de depuración caro e ineficiente.

Vostedes están facendo caixa mediante unhas taxas escandalosas que se lle aplican á venciñanza e ás empresas nun momento económico moi malo. O PP e PSOE prevén ingresar 4.650.000 euros en concepto de auga, saneamento, lixo e sumidoiros que sairán dos petos dos veciños e veciñas pero só ingresarán 265.000 euros por todo o terreo e espazo que usan as compañías eléctricas e telefónicas, e iso é un abuso. Desde o BNG esiximos que se contemplen partidas para que a veciñanza volva pagar un prezo razoable polas prestación dos servizos públicos básicos como son a auga e o saneamento.

Un orzamento que aumenta as privatizacións e os recortes

 E que dicir se falamos de privatizacións e recortes, nisto si que son vostedes un goberno magnífico e dilixente. O Partido Popular consolida nestas contas as privatizacións de servizos públicos esenciais e que deberan ter unha xestión pública.

Falamos de que as contas pactadas por PP e PSOE consolidan a privatización da xestión das depuradoras Couso e de Corrubedo, facendo que o recibo que teñen que pagar todos os veciños e veciñas se encareza de maneira desorbitada. Por se iso fose pouco, teñen vostedes a cara de dicirnos que nos van baixar o recibo? Unha de dúas ou os membros do goberno de Ribeira teñen a auga enganchada e non pagan por ela ou nos queren tomar por parvos. Isto é como o tema da luz, súbennos 100€ o prezo e despois teñen a santa cara de anunciar como baixan 5€ así que por favor deixen de dicir mentiras e póñanse a traballar para que a veciñanza non pague as consecuencias dun proxecto de depuración aprobado en solitario polo Partido Popular que nos trouxo a ter un dos recibos máis caros de toda a contorna.

A escola infantil municipal mantén un ano máis a súa xestión privatizada e tamén se designan fondos para pagar a privatización do monitorado deportivo da Fieiteira que sería 360.000 euros máis barato prestar o servizo de maneira pública directa.

E que me din se falamos do aparcadoiro do Centenario? Como xa dixemos antes en Ribeira hai un déficit moi importante de prazas de estacionamento e vostedes no canto de contemplar medidas para rescatar o aparcadoiro do Centenario manteñen a súa idea de volver entregarllo a unha empresa privada. Volven caer dúas veces na mesma pedra. Desde o BNG propoñemos na emenda á totalidade a súa recuperación e xestión directa para que poida abrirse ao público con prezos asequibles, bonificacións para quen merque no comercio local.

Remate

 En resumo, estamos ante uns orzamentos irreais, que non responden ás demandas da veciñanza, consolidan as privatizacións de servizos básicos que deberan ter unha xestión pública directa e mesmo aplican subidas importantes de impostos e taxas á veciñanza nun momento de crise económica no que se necesita axudar a familias e empresas. Malia que se nos excluíu de calquera negociación, o BNG non vai adoptar nunca unha posición de obstrucionismo e por iso fixemos unha emenda á totalidade coa que tendemos a man para chegar a acordos que redunden no beneficio dos veciños e veciñas de Ribeira. Vostedes dirán se queren collela ou rexeitala.

EMENDA Á TOTALIDADE DO BNG

O proxecto de Orzamentos 2021 para Ribeira debería conter, ademais, cando menos as seguintes propostas que facemos desde o BNG:

Servizos públicos básicos

  • Habilitar partida orzamentaria para reducir a taxa de auga e saneamento para establecer un prezo en liña co que se viña pagando antes do tarifazo aplicado polo Partido Popular.

  • Designar unha persoa responsábel encargada para reforzar os mantementos e garantir o bo estado das infraestruturas.

  • Designar unha partida orzamentaria dun mínimo de 150.000 euros por cada parroquia cuxo destino sexa decidido por participación veciñal.

Reforzo do persoal público

  • Contratación dun mínimo de 10 policías locais cos que achegarse á proporción que marca a lexislación.

  • Aumento da dotación orzamentaria para crear catro novas prazas na brigada destinada ao mantemento de infraestruturas e equipamentos públicos.

  • Aumento da partida orzamentaria para pasar da xornada parcial á xornada completa para todo o profesorado do Conservatorio profesional de música ‘Enrique Paisal’.

Zonas verdes e parques

  • Aumento dun 90% dos fondos consignados para a posta en marcha dun plan para reverdecer Ribeira.

  • Habilitación dunha partida orzamentaria para a realización dunha cuberta en alomenos dous parques infantís do municipio.

Mantemento e urbanismo

  • Incremento en 300.000 euros da partida destinada ao mantemento de parques, paseos, beirarrúas e mobiliario urbano.

  • Incremento dun 80% da partida destinada para a constitución da ARI e promoción da rehabilitación nas Áreas de Rehabilitación Integral.

Tráfico e aparcadoiros

  • Plan de mellora do tráfico rodado e fomento do transporte público.

  • Creación dunha partida duns 100.000€ para mellorar a iluminación e a seguridade nos pasos de peóns máis transitados do municipio.

  • Creación dunha partida orzamentaria para mellorar o firme, iluminación e seguridade dos aparcadoiros públicos disuasorios.

  • Creación dunha partida orzamentaria para rescatar o aparcadoiro do Centenario, garantindo a súa xestión pública e poñendo uns prezos asequíbeis.

  • Habilitar partida orzamentaria para desenvolver o estudo técnico de conversión da CP-7301 nunha estrada de circunvalación.

  • Habilitar partida orzamentaria para cofinanciar o transporte do estudantado universitario e de formación profesional que curse ensinanzas oficiais que non se impartan en Ribeira.

Cultura e deporte

  • Incremento do 33% das subvencións para asociacións culturais sen fins de lucro.

  • Incremento do 34% das subvencións a clubs e entidades deportivas para chegar á cantidade de 120.000 euros.

Economía e política social

  • Subscrición dun convenio de colaboración coa Asociación Empresarial de Ribeira por importe de 30.000 euros coa que facilitar o financiamento das súas actividades.

  • Incremento dun 47% a contía destinada á Festa da Dorna pasando de 17.000 ao entorno dos 25.000 euros.

  • Incremento de cadanseus 2.000 euros á contía destinada ás asociacións AMBAR, AMICOSA CREBA, FAIBENRENACER.

  • Creación dunha liña de subvencións para o fomento das enerxías renovábeis destinada a particulares residentes na localidade e a pequenas e medianas empresas con sede en Ribeira.

  • Habilitar nas Bases de execución do orzamento a posibilidade de solicitar o anticipo do 50% da contía das subvencións concedidas.

Redución de gastos superfluos

  • Eliminación dos fondos consignados para a creación do Museo do Mar por non ser unha prioridade neste momento.

  • Redución dos fondos consignados a “protocolo, publicidade e propaganda de órganos de goberno”.

 

Por todo o anteriormente exposto e en base a:

  • Lei reguladora de facendas locais.

  • Real Decreto 500/1990 polo que se desenvolve o capítulo primeiro do título sexto da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, en materia de orzamentos.

  • Regulamento orgánico municipal do Concello de Ribeira.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Ribeira presenta esta emenda á totalidade do Orzamento 2021 e solicita a devolución do Orzamentos 2021 para que elabore unhas novas contas que inclúan as peticións arriba expostas e sexan consensuados polos grupos da Corporación Municipal e outras entidades do municipio.

Vídeo defensa da emenda á totalidade do BNG aos Orzamentos 2021



Vídeo posicionamento sobre o Orzamento 2021


2 comentarios en «PP e PSOE aproban un orzamento que consolida subida de impostos e non soluciona necesidades urxentes»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.