PP e PSOE aproban o sobrecusto e o proxecto modificado do novo auditorio

Resumo dos temas tratados no pleno ordinario de outubro de 2022

Sobrecusto e proxecto modificado do auditorio: O orzamento inicial para construír o auditorio ascendía a 2,5 millóns de euros pero durante a redacción do proxecto construtivo observáronse carencias que fixeron que ascendera a 3,6 millóns con todo incluído para entrar en funcionamento. Saíu a licitación por 4,2 millóns de euros e estamos na actualidade nos 4,4 millóns de euros aos que lle haberá que sumar o equipamento interior como a iluminación, as butacas, o equipo de son, etc. para que poida usarse. O goberno local perdeu toda a credibilidade porque demostrou que non soubo nin licitalo.

Durante o proceso puxeron desculpas de todo tipo: que houbo un erro no cálculo dos materiais, que as dez catas feitas antes da construción non detectaron que os problemas do subsolo para asentar o auditorio, que hai unha liña de media tensión que impedía colocar nun espazo céntrico, problemas coa inflación e cos prezos…

A nefasta xestión realizada polo Partido Popular fica patente con case calquera obra que se realiza no municipio, sendo incapaces de executar en tempo, forma e orzamento as obras que eles mesmos proxectan.

Obras como a Casa da Xuventude, Escola infantil, Pavillón de Palmeira, Mercado Municipal, Matadoiro Municipal, EDAR, Centro Social de Carreira. Todas estiveron paradas na metade da súa construción, todas sufriron modificacións, en ningunha se cumpriron os prazos e en todas se incrementaron os custos previstos incialmente.

No pleno trataron de achegar novos pretextos para que os grupos da Corporación Municipal votaramos a favor do proxecto modificado polo que se incrementa de maneira substancial esta infraestrutura pero desde o BNG non votamos a favor porque suporía unha enorme irresponsabilidade. Sería dar un cheque en branco ao goberno local para que siga malgastando os cartos públicos, tanto propios como doutras administracións que lembremos, todo o que se mete no auditorio non vai para outras cuestións que son prioritarias.

No BNG cremos que Ribeira pode ter infraestrutura cultural acorde ás actividades que se desenvolven na vila pero cremos excesivo que vaia custar cinco millóns de euros ou máis cando existen servizos básicas sen atender.

Os votos a favor de PP e PSOE permitiron aprobar o proxecto básico e de execución do novo auditorio a súa contratación e execución. PBBI, BNG e SR votamos en contra

Moción do BNG para rexeitar os recortes educativos e pedir o persoal suficiente nos centros educativos de Ribeira: o portavoz do BNG argumentou que a Consellaría de Educación confirmou os novos recortes educativos para o colexio de Palmeira e o IES Nº1 de Ribeira en pleno verán. Ámbolos dous centros xa viran reducidos os seus medios un ano antes ao se reducir dúas unidades educativas no centro de Palmeira e un recorte de 11 profesores no centro de Ribeira.

Os recortes supoñen, no colexio de Palmeira, peche dunha unidade educativa e na redución de horas para o profesional de Pedagoxía Terapéutica que terá que ser compartido con dous centros educativos máis. Pola súa banda, o IES Nº1, con 600 alumnos e alumnas, perdeu un profesor, o que implica que en tan só dous cursos verá minguado o seu cadro de persoal en 12 profesores e profesoras. Ademais o centro de educación secundaria precisaría un reforzo de profesionais especialista en atención á diversidade.

Ante esta situación o BNG rexistrou esta iniciativa no mes de agosto, así como outra no Parlamento, para esixirlle ao Goberno galego que rectifique a súa intención de seguir desmantelando o Ensino público galego.

A pesar de argumentar as consecuencias negativas que estes recortes provocan no alumnado, sobre todo a aquel que presenta algún tipo de necesidade educativa específica o PP non atendeu a razóns e rexeitou apoiar esta iniciativa. “O alumnado que teña necesidades educativas diagnosticadas non vai ser atendido como precisa, porque non hai suficientes profesionais de audición e linguaxe (AL) e pedagoxía terapéutica (PT).

Recortar unidades educativas e profesorado especialista está totalmente inxustificado porque se masifican aínda máis as aulas, dispara a proporción de alumnado por cada profesor e profesora e diminúe a calidade educativa.

O portavoz do BNG mostrou a súa preocupación porque “Ribeira ten un alcalde que non cumpre co seu deber, pois está máis preocupado en obedecer os ditados do seu partido que en defender a veciñanza. Ribeira non merece un alcalde que claudica ante os ataques que o Partido Popular lle está a facer aos servizos públicos. No BNG seguiremos traballando, a carón da comunidade escolar, para tratar de evitar os recortes e buscar que haxa medios e profesorado suficiente para atender a todo o alumnado”.

A proposta foi aprobada cos votos a favor de BNG, PBBI, PSOE, SR e abstención de PP

Outros asuntos

A) Expedientes de xusto prezo para o proxecto de adecuación do rego Pedrín. Aprobado por unanimidade

B) Modificación da ordenanza fiscal do Imposto de Bens Inmobles.

A bonificación do Imposto de Bens Inmobles ao 50% durante un período de catro períodos, supón un paso positivo para que Ribeira avance na descarbonización e mellore o autoconsumo eléctrico en base a enerxías renovables. Desde o BNG levamos moitos anos defendendo medidas para incentivar o uso das enerxías renovables que nos fagan menos dependentes enerxeticamente e contribúan a reducir a contaminación e tamén os recibos dos fogares, algo mo importante, sobre todo agora mesmo no que os prezos da enerxía están disparados. Un bo exemplo foron as nosas propostas para que a depuradora minorase o seu consumo enerxéctico mediante paneis solares, un aforro que solicitamos que se trasladase aos recibos do saneamento dos contribuíntes.

Por outra banda, cremos que sería interesante favorecer a creación dunha empresa municipal para a produción de enerxía renovable que contribúa a reducir a factura enerxética do concello e tamén facilitando ter unha tarifa asequible a moitos fogares vulnerables. Avanzarmos no autoconsumo enerxético mediante as fontes de enerxía renovables é algo que debemos potenciar desde xa se queremos loitar contra o cambio climático. Agardamos que só sexa a primeira de moitas medidas que debemos tomar.

A pesar de todo iso, botamos en falta unha maior ambición do goberno local para establecer tramos no recibo da auga para permitir que aquelas familias que aforren auga, poidan ver minguada a contía que pagan pola prestación deste servizo. Tamén botamos en falta unha maior bonificación para familias numerosas polo que anunciamos que estudaremos a presentación de emendas a esta modificación.

Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

C) Modificación da ordenanza reguladora da taxa de ocupación de terreo público con mesas e cadeiras de terrazas.

Desde o BNG argumentamos que bonificar o cento por cento do imposto das terrazas supón unha boa medida para reducir os custos tan elevados que a día de hoxe o sector da hostalaría. Sen dúbida é unha medida que contribúe a non seguir engrosando a cantidade de gastos aos que teñen que facer fronte como os gastos enerxéticos que se incrementaron notablemente, a suba xeralizada dos produtos e por se fose pouco o sector padece roubos e a inseguridade que volve rexistrar o municipio.

Ademais, PP e PBBI, deciden quitarlle a festividade do Entroido para o ano 2023. Esa festividade supoñía uns ingresos que lle permiten á hostalaría capear os duros meses de inverno, máxime se temos en conta a grave crise económica que afrontamos cunha suba xeralizada de prezos, enerxía, etc como acabo de mencionar. A cousa non queda aí, senón que hai tan só uns días o goberno local suspendía todos os concertos durante 15 días para regular o procedemento para solicitalos algo que demostra que gobernan improvisando e a salto de mata.

En resumo, vemos positivo que se vaia bonificar o cento por cento deste taxa municipal que se lle cobra á hostalaría polas terrazas, mais cremos que hai que ir moito máis alá, organizando actividades, potencianos festexos e realizando accións que permitan dinamizar os sectores económicos de Ribeira e das súas parroquias.

Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e voto en contra de SR

D) Proposta para mellorar unha estrada en Laxes. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

E) Proposta para mellorar un camiño en Martín ata a rúa do Rabelo. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

F) Proposta para que Ribeira conte con puntos violeta e mellore o traballo de concienciación para erradicar a violencia machista. Aprobado por unanimidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.