PP e IPR volven aliarse, desta vez, para seguir incumprindo a lei

IPR e PP alíanse unha vez máis para evitar mudanzas necesarias

- Incumprimento da lexislación con gasto de cartos públicos: o goberno do Concello de Ribeira leva incumprindo de maneira sistemática, durante décadas, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que fixa o marco para o uso oficial do galego en diversos ámbitos, contén tamén a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega. Do mesmo xeito, incumpre co establecido no Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente coas entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG, 25/03/2003) onde se recolle que o nome do municipio é “Ribeira”.

Por se todo iso fose pouco o PP decide dar un paso máis na súa insubmisión instalando dous letreiros co nome deturpado “Riveira” nas dúas rotondas de acceso á vila gastando 3.328,84€ de cartos públicos, como se non houbese outras prioridades no municipio. A instalación destes carteis podería ser constitutiva de delito de prevaricación e malversación pois a soberbia de Ruiz e do PP fixo que se gastaran cartos públicos conscientemente para incorrer no incumprimento da lei.


A iniciativa conxunta de BNG, PSOE e C’s e apoiada tamén polos edís non adscritos Asier Casais e María José Brión, tiña como fin obrigar ao goberno local a que respectase a lexislación vixente e non se gastasen cartos públicos en letreiros así para incumprir coa lei de maneira consciente.


Alianza PP-IPR


A pesar da argumentación rigorosa, das investigacións realizadas e dos informes académicos e xurídicos presentados que confirman que Ribeira é o lexítimo e tradicional nome do municipio; o PP, IPR e a edil non adscrita Dolores Elorduy aliáronse, unha vez máis, para que a insubmisión e o capricho do goberno local poida seguir adiante.


A unión de PP e IPR non é algo de estrañar, pois xa se ten producido en momentos fundamentais nos que podería darse un cambio nas políticas de Ribeira. A alianza PP-IPR xa aprobou no pasado a privatización o monitorado deportivo do concello cando podía ser persoal público ou o mantemento de rúas e honores a franquistas, entre outras moitas medidas.


Iniciativa completa enviada á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á Valedora do Pobo


- Iniciativa do BNG para manter as franxas forestais en bo estado: a iniciativa defendida polo voceiro Xosé Antonio Vázquez Cobas, inquiriu ao goberno local sobre que actuacións estaba realizando para dar cumprimento á normativa das franxas de seguridade e á Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia na que se estipulan 50 metros de seguridade. Desde o concello informouse que se vai contratar unha brigada e xa hai 2 tractores facendo tarefas de roza e corta de vexetación. Tamén se vai realizar unha campaña de información á veciñanza tal e como propoñía o BNG.


Para Vázquez Cobas, o Concello de Ribeira debería instar á Xunta a reformar o dispositivo enfocado cara un mando único e que o PLADIGA sexa operativo dende o 1º trimestre do ano para iniciar os traballos de prevención antes da temporada de incendios e non cando xa estamos na tempada de máximo risco. Desde o BNG apostamos por un novo modelo de monte que pase por unha moratoria do eucalipto recuperando, en primeiro lugar as 35 mil hectáreas  de plantacións ilegais. Temos que avanzar na concepción multifuncional do monte e contra o abandono do medio rural, defendeu o voceiro nacionalista. Dende o BNG seguiremos reclamando “un ordenamento do monte” cun estudo das zonas de plantacións e medidas operativas contra a propagación dos incendios.

- Iniciativa do BNG sobre a promoción do uso lingua galega: a proposta defendida polo concelleiro Luís Pérez Barral, contou co apoio de todos os membros da Corporación Municipal agás o edil de C’s. A iniciativa instaba ao Concello de Ribeira a potenciar o uso do galego en todos os ámbitos da súa competencia e instaba á Xunta de Galiza a restituír o orzamento en materia de normalización lingüística, así como a darlle cumprimento efectivo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego no 2004. Malia todo, un punto no que se pedía a derrogación do decretazo contra o galego non saíu adiante a pesar de que informes realizados pola Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega advirten dos seus efectos negativos.


- Iniciativa do BNG para control da vespa velutina: a iniciativa defendida polo edil Vázquez Cobas instaba ao Concello de Ribeira a loitar decididamente contra esta especie invasora. Estase constatando que a actividade da vespa velutina está causando efectos negativos na produción apícola, frutícola e na natureza en xeral ao ser un depredador da abella e outros insectos autóctonos. Dentro deste ámbito, especial mención merece os efectos sobre a polinización, tanto nas producións agrícolas como na flora silvestre, consecuencia da diminución das poboacións de insectos (principalmente abellas) que estas avespas depredan e a menor actividade de carrexo das abellas polinizadoras.

- Outros asuntos:
- Iniciativa do BNG sobre as podas agresivas a árbores do municipio. O PP parece que ten alerxia a que as árbores de Ribeira poidan ter un tamaño axeitado para dar sombra, polo que o Bloque presentou iniciativa para preguntar polos motivos. Desde o goberno local apuntan a que é por motivos de seguridade, mais isto vense facendo de xeito reiterado e indiscriminado en moitas árbores da localidade polo que seguiremos traballando para ver se isto é evitábel.

- Iniciativa do BNG para demandar melloras de sinalización no parque do Castro de Castiñeiras.
- Ampliación de concesión de terreos á asociación Amicos. Aprobado por unanimidade
- Ampliación concesión demanial sobre terreos municipais á gasolineira de Coroso. Aprobado por unanimidade
- Modificación regulamento venda ambulante. Aprobado por unanimidade
- Ordenanza fiscal taxa conservatorio para poder facilitar a devolución da matrícula en caso de traslado. Aprobado por unanimidade
- Solicitude para mellorar a limpeza na zona do Carreiro de Aguiño
- Solicitude para instalar iluminación do adro da igrexa de Aguiño
- Solicitude de acceso ao fondo de cooperación para rehabilitacións. Se conceden a subvención iría destinada á mellora no illamento da unidade de axuda a drogodepentes. Aprobado por unanimidade
- Proxecto de recuperación da servidume entre as praias de Castiñeiras e Os Mosqueiros. Nun futuro está prevista a continuación dun paseo marítimo que una cos existentes no Touro e Castiñeiras. Cómpre destacar o dito nun informe no que se advirte que a urbanización excesiva do borde litoral inflúe de xeito negativo ao medio natural e á calidade de vida das veciñas e veciños. Aprobado por unanimidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.