PP e extrema dereita acordan manter honras franquistas e blanquear o fascismo en Ribeira

Asuntos tratados na sesión plenaria celebrada o 29 de marzo de 2021

Proposición do BNG para restituír a memoria democrática en Ribeira: O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, levou esta proposta a pleno para erradicar a simboloxía e as honras da ditadura que aínda perduran no Concello de Ribeira. Vázquez criticou a sintonía da dereita ribeirense co conselleiro provincial da falanxe, Miguel Rodríguez Bautista, do que din “encontrar buenos recuerdos por el trabajo realizado”. Para o voceiro do BNG, nin Ruiz nin Mariño están á altura da democracia, sendo así, un día triste pois Ribeira volve ser noticia por manter honras a falanxistas grazas á dereita e ultradereita

Vázquez Cobas cualifica de aldraxe á democracia o resultado obtido na votación celebrada o luns na que se pretendía restablecer a memoria democrática no concello e que, PP e a súa escisión pola dereita, o PBBI, tombaron coa súa negativa. Cremos que a dereita e a extrema dereita uniron forzas para evitar que o Concello de Ribeira retire as rúas a franquistas declarados como Miguel Rodríguez Bautista e Diego Delicado e lle retire as honras e distincións a destacados falanxistas como Fernando Suárez Tangil e a José María Rivera de Aguilar, colaboradores da ditadura.

Vázquez defendeu, fronte ás posicións ultras da dereita, máis traballo do BNG para conquerir unha Ribeira libre de simboloxía franquista e que non honre aos benefactores dunha ditadura que reprimiu, exiliou e asasinou a millares de persoas. En referencia ás intervencións do alcalde, Ruíz Rivas, da tenente alcalde, Maria Sampedro, así como as do voceiro da ultradereita, Vicente Mariño, o portavoz do BNG denunciou que supoñen un branqueamento do fascismo e denotan complicidade cos actos atroces que esta ideoloxía cometeu: fusilamentos, paseos e represión.

O voceiro do BNG lembrou que distincións análogas foron retiradas en moitos outros concellos, tamén gobernados polo PP, como Burgos, Córdoba, Palencia ou Alacant. Xa que logo, afeoulles a súa posición ultra, que tan só pode xustificarse por unha deriva “fascistoide” da agrupación local popular. Para os nacionalistas isto é unha falta de respecto ás máis dun cento de vítimas da represión franquista no municipio de Ribeira: 20 persoas fusiladas, paseadas ou asasinadas nos campos de exterminio nazis; 67 procesadas; 39 presas e 38 detidas.

Por último, desde o BNG avanzamos que seguiremos traballando en actuacións de memoria histórica e temos o convencemento de que a razón está da nosa parte; o tempo, daranos a razón como xa ten acontecido noutras ocasións. Igualmente aproveitamos para recoñecer o traballo dos colectivos da memoria histórica, manifestando que seguimos á súa disposición para defender a democracia.

A iniciativa do BNG tivo o apoio de BNG, PSOE, SR e os votos en contra do PP e PBBI.

A seguir reproducimos a moción ao completo:

As demandas das asociacións de vítimas de xustiza, verdade e reparación non estarán suficientemente atendidas mentres a simboloxía franquista estea presente no espazo urbano. Mais aínda existen, hoxe en día, nomes de rúas, placas conmemorativas e nomeamentos de fillos adoptivos e predilectos que celebran a memoria de cargos franquistas en distintos lugares do país. Ante esta situación, a chamada Lei da Memoria Histórica e as recomendacións da ONU dos anos 2013 e 2014 emprazan as distintas administracións a retiraren toda a simboloxía que enxalza o franquismo. Moitas organizacións e grupos de persoas afectadas expoñen que, con esta simboloxía aínda en pé, seguen a considerarse vítimas de segunda categoría.

A retirada de toda a simboloxía enaltecedora da ditadura franquista é unha das primeiras medidas reparadoras que cómpre adoptar. Así o entendeu o Parlamento de Galiza cando aprobaba por unanimidade o 18 de xullo de 2016 (Xunta gobernada polo PP) unha declaración institucional para “eliminar as denominacións e as referencias franquistas das rúas e edificios públicos”. A actuación das administración públicas, neste sentido, debe encamiñarse cara á procura da consideración xeral dos cidadáns, prestixiando a persoas ou institucións que promovan valores de diálogo, paz ou defensa da cultura como medio de convivencia entre os diferentes pobos.

Tendo en conta todo o exposto ata aquí, o feito de manter en Ribeira unha rúa dedicada a Miguel Rodríguez Bautista, alcalde franquista durante 18 anos, os máis duros e represivos da ditadura, cando  moitos compatriotas estaban encarcerados, fuxidos ou mesmo forzados ao exilio, non deixa de ser unha intolerable inxustiza e un despropósito democrático. Trátase dun alcalde posto a dedo polas autoridades franquistas. Un alcalde que asumiu, na súa integridade, a función de xefe do partido único fascista, responsable de miles de paseados entre os nosos compatriotas. Unha persoa que non só desempeñou, de bo grado, o posto de máxima autoridade franquista en Ribeira; senón que, ademais, buscou o ascenso social a través do partido fascista, converténdose ao longo de tres lexislaturas (1949-1959) nun procurador en Cortes, e que asumiu cargos en tódalas esferas (local, provincial e estatal reafirmando, deste xeito, o seu compromiso coa ditadura.

Mais aquí entra en xogo, tamén, a figura de Diego Delicado porque foi o devandito alcalde Miguel Rodríguez o que, por motivos persoais, moveu os fíos para conseguir que un personaxe coma el, sen ascendencia social ningunha con Ribeira, conseguise unha rúa na cidade, reafirmando, deste xeito, os lazos de interese persoal entre el e este cargo franquista, naquela altura presidente da Deputación Provincial. Os intereses persoais de ascenso social alimentábanse mutuamente. Por iso non é de estrañar que fose tamén Miguel Rodríguez quen se encargase de nomear fillo adoptivo ao conde Vallellano, Fernando Suárez de Tangil, o 19 de Xullo de 1952. Esta mesma distinción entregóuselle ao subsecretario José María Rivera de Aguilar, coa complicidade dunha ditadura l, que causou o terror e un atraso de décadas na sociedade española. Unha ditadura responsable de miles de mortos, detidos e desaparecidos, que trouxo tanta dor e miseria como teñen demostrado inxentes investigacións. Esta ditadura e os seus cargos utilizaban as institucións para dignificaren persoas que coa súa actuación eran responsables dunha volta atrás sen precedentes na España contemporánea. Arruinaron ética, social, política e economicamente ao país e aínda tivemos que ver como eran premiados publicamente.

En virtude de todo o exposto e ao amparo artigo 15, 1. da lei 52/2007, tamén coñecida como Lei de Memoria Histórica, que literalmente di “Las administraciones públicas en el ejercicio de sus competencias, tomaran las medidas oportunas para la retirada de escudos, insignias, placas y otros objetos o menciones conmemorativas de exaltación, personal o colectiva, de la sublevación militar de la Guerra Civil y de la represión de la Dictadura”.

Veciños e veciñas de Ribeira asasinadas pola ditadura:

Valentín Betanzos Pérez, 24 anos, natural de Ribeira
Juan Blanco Santos, 36 anos, natural de Ribeira
José Callón Peón, 30 anos, natural de Ribeira
Andrés Cores Fernández, 22 anos, natural de Ribeira
Manuel Fernández Prada, 27 anos, natural de Ribeira
Manuel Fernández Sendón, 30 anos, natural de Ribeira
Manuel García Hermo, 37 anos, veciño de Ribeira
Antonio González Pérez, 25 anos, natural de Ribeira
José González Romay, 30 anos, veciño de Palmeira
Marcial Vicente Iglesias Rodríguez, 26 anos, veciño de Ribeira
Manuel Lijó Ageitos, 63 anos, veciño de Corrubedo
José Lijó Louro, 26 anos, veciño de Carreira
Juan Lijó Pérez, 26 anos, natural de Ribeira
Manuel Francisco Lijó Pérez, 34 anos, natural de Corrubedo
José Manuel Lustres Rivas, 48 anos, natural de Ribeira
Eugenio Rodríguez Bilbao, 32 anos, médico de Ribeira
José Romay Betanzos, 26 anos, veciño de Palmeira
Manuel Sayar Orellano, 30 anos, mariñeiro de Corrubedo
José Ramón Sieira González, 37 anos, veciño de Carreira
Julio Silva Vilas, 27 anos, veciño de Ribeira

O grupo municipal do BNG, insta ao Pleno da Corporación Municipal á adopción do seguinte ACORDO:

A) A retirada do nome da Avenida Miguel Rodríguez Bautista e cambio da nomenclatura da mesma pola de Avenida Heroínas de Sálvora, Xosé Neira Vilas ou calquera outro nome que suscite o consenso dos grupos que integran a Corporación Municipal.
B) A retirada do nome da Rúa Diego Delicado e cambio da nomenclatura da mesma pola de Praza de Vigo.
C) A anulación do acordo plenario de Ribeira con data de 19-VII-1952 de nomear fillo adoptivo a Fernando Suárez Tangil, conde de Vallellano.
D) A anulación do acordo plenario de Ribeira con data de 19-VII-1952 de nomear fillo adoptivo a José María Rivera de Aguilar.Deberán realizarse ditos acordos antes do 30 de xuño de 2021.

ANEXO DE DOCUMENTACIÓN HISTÓRICA

Miguel Rodríguez Bautista. (Valladolid 1901-1959)
Era Xefe Local da Falanxe. Designado alcalde na ditadura (1941 a 1959) o que leva tamén, ademais de ser o presidente do concello, desenvolver a xefatura da administración municipal e ser o Delegado do Goberno no termino. Foi conselleiro provincial da F.E.T – J.O.N.S. (Falange Tradicionalista y de las JONS) e procurador nas Cortes franquistas en tres lexislaturas (1949-1959). A falange, da que era un dirixente Rodríguez Bautista, xugou un papel fundamentral na sublevación fascista e na represión que provocou máis de 5.000 persoas asasinadas en Galiza.

O pleno do 19 de agosto de 1948 (Rodríguez Bautista era o alcalde) acordaba que “con motivo de haberle sido concedida al Sr. Alcalde D. Miguel Rodríguez Bautista la medalla de Cisneros por los relevantes servicios prestados a la causa Nacional, tributar al favorecido con tal distinción un homenage a que se ha hecho acreedor, por sus indiscutibles méritos y aciertos”. A Orde de Cisneros foi creada na ditadura por Decreto de 8-3-1944; concedía a maior distinción civil ao mérito político polos relevantes servizos á causa Nacional e a España, hai que traducilo, naturalmente , como servizos á ditadura. O Gran Maestre desta Orde e Xefe Supremo era o Xefe Nacional do Movemento, o falanxista José Luis Arrese.

Sendo alcalde Rodríguez Bautista o pleno do 19 de xullo de 1952 aprobaba os nomeamentos de Fillos adoptivos ao Conde de Vallellano (Ministro de Obras Públicas) e a José María Rivero de Aguilar (Subsecretario de Obras Públicas). No primeiro caso, como recolle a acta: “Recogiendo el sentir popular unánime y fervoroso”. Explicaba así os motivos: “Este acuerdo íntimo y entrañable lo considera Riveira de un valor espiritual y simbólico infinito, pues nunca olvidará las dos grandes obras que acaban de aprobarse: las de pavimentación de su principal vía de acceso por carretera a la Ciudad y la ampliación de su importante Puerto pesquero”. No segundo caso porque é “ejemplo vivo de los hijos ilustres de Galicia y siguiendo las inspiraciones del Excmo. Sr. Ministro está desarrollando dentro de su despacho una labor de inteligencia y pasión, llena de genio y entusiasmo”. Numerosos concellos retiraron xa as distincións honoríficas a estes dous franquistas.

Diego Delicado Marañón. (Málaga en 1884-1964)
Trasladouse á Coruña como funcionario de facenda. Foi Xefe de Aduanas durante a Ditadura de Primo de Rivera. Foi presidente da Deputación da Coruña (27-3-1950 a 25-1-1961) e procurador nas Cortes franquistas. Pertencía á corporación municipal da Coruña participando na súa política represiva de depuración dos traballadores do concello. No pleno de 30 de decembro de 1938 propón, e é aprobado, que a rúa do Socorro pase a chamarse Juan Canalejo, fundador en 1933 da Falange coruñesa. Diego Delicado xustificaba así a súa proposta: “ En atención a las persecuciones sufridas y méritos contraídos por el fundador de la Falange en esta capital, cuyo nombre no puede ser olvidado por ningún coruñés entusiasta del Glorioso Movimiento ,que debe ir en la memoria de todos, inmediatamente despues del inmortal José Antonio Primo de Rivera”.

A iniciativa do Claustro de profesores e profesoras do IES Diego Delicado, o consello Escolar dese instituto coruñés solicitaba o cambio de nome , petición que foi aceptada pola consellería de Educación, sendo Manuel Fraga presidente da Xunta. Hoxe chamase IES Urbano Lugrís.

Fernando Súarez de Tangil y Angulo. (Madrid 1886-1964)
Coñecido como Conde de Vallellano. Alcalde de Madrid na Ditadura de Primo de Rivera (1924-1927). Despois da súa implicación no fracasado golpe de Estado do xeneral Sanjurjo en agosto de 1932, instálase en París. Nas eleccións de 1933 e 1936 é elixido deputado por Palencia. Trasládase a Portugal, en coordinación co xeneral Mola, nos días previos á sublevación do 18 de xullo de 1936, regresando para dirixir a Crus Roja franquista (1936-1940). Ministro de Obras Publicas (1951-1957), presidente do Consello de Estado (1958), procurado nas Cortes franquistas desde 1951 até a súa morte. Cidades como Tarragona e Burgos (alcaldía do PP, retiroulle o título de Fillo Adoptivo por unanimidade o 6-10-2017); Palencia e Alacante por sentenza xudicial, retiráronlle as distincións; Córdoba eliminaba o seu nome dunha das principais avenidas da cidade.

José María Rivero de Aguilar Otero. Era un militar golpista, participou co exercito de Franco na sublevación de 1936, ocupando a Xefatura do Servizo Nacional de Ferrocarrís, ascende a comandante en 1936 e a tenente coronel en 1937. O xeneral Mola encargalle a organización militar dos ferrocarrís. Condecorado coa Cruz de Mérito da Orde da Aguia do exercito alemán. Director da RENFE (1944). Subsecretario do Ministerio de Obras Públicas (1951-1955). Era irmán de Ramón Rivero de Aguilar, fiscal que acusou a Alexandre Bóveda, asasinado polo franquismos ea outros moitos demócratas e republicanos en xuízos militares en toda Galiza.

Home da máxima confianza do Conde de Vallellano, todopoderoso Ministro de Obras Públicas de Franco, recibe todas as prebendas e honores propios dun tempo de adulación extrema e, o máis importante, escollidos cargos en consellos de administración de empresas públicas e privadas. Unha acumulación de poder que durante eses anos o vai situar como o home máis poderoso de Galiza, fóra do propio ditador. Nos primeiros quince anos do franquismo José María Rivero de Aguilar converteu o Faramello, na parroquia de Ribasar, concello de Rois, nunha sorte de Meirás bis, e en toda unha corte dos milagres do réxime. Nel chegou a reunir en agosto de 1950 o consello de administración da Renfe e nos seus xardíns e salóns recibiu ao propio xeneral Franco con todo o seu séquito en dúas ocasións. (1945 e 1953). Relacionado con turbias tramas de corrupción no 1955 deixou o ministerio e os poucos meses da destitución, caído en desgraza, tocoulle o premio gardo da lotería…seis millóns de pesetas da época…!

 

Proposición  BNG sobre a AP-9: o voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, defendeu que a autoestrada do atlántico, é a principal arteria de comunicación de Galiza, unha vía estratéxica que cruza o país de norte a sur, articulando un territorio no que se asenta máis do 70% da poboación e a meirande parte da actividade económica do país e tamén da bisbarra da Barbanza.

A pesar da súa importancia estratéxica, esta infraestrutura ten unhas tarifas desorbitadas que teñen que soportar a diario arredor de 22.000 galegos e galegas. Esta peaxe abusiva  é un verdadeiro lastre para a economía das persoas e das empresas galegas e da Barbanza

A historia da AP9 é a a crónica dunha discriminación con Galiza, que nos ten costado miles de millóns de euros en peaxes. Cómpre lembrar que a concesión desta autoestrada remataba en 2013, e que, se aínda temos que seguir pagando polo seu uso, é porque esta foi ampliada por parte dos distintos gobernos do Estado – dez anos polo goberno de Felipe González en 1994 e 25 anos por parte do goberno de José María Aznar en 2000 -. A maiores, en 2003, o goberno de Aznar vendería co beneplácito da Xunta – da que era conselleiro de Ordenación do Territorio, o actual Presidente, Núñez Feixóo -, a autoestrada por un prezo ridículo.

Como consecuencia destas decisións políticas, hoxe Galiza conta non só cunha das autoestradas máis caras do Estado senón tamén coa concesión máis longa posíbel, 75 anos, até 2048. Así, mentres na Galiza pagamos as peaxes máis caras, a práctica totalidade das  autoestradas do Estado ou son de balde ou o serán en breve. O que supón un forte impacto económico para as arcas de miles de traballadores e traballadoras e un lastre á competitividade das nosas empresas é, á súa vez, un suculento negocio para a empresa concesionaria, que en 2019 recadou 153 millóns de euros, uns 420.000 euros diarios.

A loita social e institucional para poñer fin a este abuso vén de lonxe. En abril de 2016, o Parlamento de Galiza aproba por unanimidade, a instancias do BNG, a Lei para a transferencia da AP9 a Galiza, que sería vetada pola Mesa do Congreso o 13 de decembro dese mesmo ano. O mesmo veto tería o novo proxecto de Lei impulsado polo BNG a comezos de 2017  e aprobado polo parlamento galego en maio de 2017.

Quedaba claro que se trataba dun veto político, disfrazado de razóns técnicas e orzamentarias. E para deixalo máis evidente, ao tempo que se vetaba a transferencia e o rescate da AP9, o goberno do Estado aprobaba a principios do 2018 o rescate de 8 autoestradas de peaxe ruinosas, entre elas as radiais madrileñas. Unha decisión que tería un custo para as arcas do Estado de máis de 4.000 millóns de euros. Non había diñeiro público para rescatar a AP9, mais si o había para salvar ás construtoras e á banca que construiron e xestionaron autoestradas ruinosas.

Por fin, o 2 de febreiro do presente ano o Congreso aproba, por ampla maioría, a toma en consideración da Lei de Transferencia de Titularidade e Competencias da Autoestrada AP9. Desde o BNG consideramos que a transferencia é un primeiro paso para acabar cunha discriminación histórica, e é necesario que se realice libre de cargas, que sexa rescatada polo Estado de igual maneira que se rescataron no seu día as radiais madrileñas.

Vázquez defendeu a necesidade de transferir a AP-9 a Galiza á maior brevidade e aplicar de maneira inmediata as rebaixas das peaxes dando cumprimento ao acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE no Congreso.

A moción do BNG sobre a AP-9 foi aprobada por unanimidade

 

Outros asuntos:

Modificación da taxa de saneamento. O Concello de Ribeira aplicoulle á veciñanza nun ano marcado pola emerxencia sanitaria e polo deterioro da economía e nun aumento do desemprego. Agora o goberno local levou a pleno a proposta de modificar a taxa de saneamento ás industrias de fabricación de xeo ante a elevada taxa que están pagando. O tarifazo é consecuencia directa do proxecto deseñado, aprobado e executado por polo Partido Popular na última década. Unha decisión que foi respaldada e apoiada naquel momento por membros que hoxe integran o PBBI pois eran destacados membros do Partido Popular e apoiaban sen miramentos todas e cada unha das decisións nas que se dicidiu construír este sistema que hoxe implica un custe insostíbel por ter que bombear os residuos urbanos desde Palmeira até Couso.
Desde o BNG somos realistas e entendemos que se debe pagar polo saneamento e pola auga como servizos esenciais mais ten que ser unha contía asumíbel. O Bloque non apoiou este modelo de depuración por consideralo nefasto para as arcas públicas e para as economías das veciñas e veciños e das empresas. Por coherencia, e en liña ao xa votado noutras ocasións, o BNG non vai apoiar nin este sistema de depuración, nin esta taxa que consideramos abusiva porque debe rebaixarse de maneira xeral.
Votos a favor de PP, PSOE, SR e votos en contra de BNG, PBBI

Licitación novo auditorio. O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, recriminou a nefasta xestión feita polo Partido Popular provocando inseguridade e a desconfianza do Bloque pois o auditorio comezou cun orzamento de 2,5 millóns de euros con todo o mobiliario e equipamento necesario para o seu funcionamento, pasou a 3,6 e despois saíu a adxudicación por 4,2 millóns de euros sen equipamento e licitarase por 3,9 millóns de euros sen equipamento ao baixar 250.000€ a empresa adxudicataria UTE Xestión Ambiental de Contratas e Prace Servizos e Obras. Con esta xestion, o goberno perde toda credibilidade, unha vez máis, para xestionar grandes proxectos posto que nin tan sequera son capaces de orzamentalo, como ben testemuñan os modificacións do orzamento, chegando a duplicarse. Cremos que sería unha absoluta irresponsabilidade permitirlles seguir adiante con estes feitos. Vázquez tamén criticou que o señor Ruiz Rivas lle retirase as competencias ao Pleno para resolver todo a Xunta de Goberno Local, na que só están os membros do PP.

O BNG votou smpre a favor de dotar a Ribeira dunha infraestrutura cultural acorde ás actividades que se desenvolven na vila porque críamos necesario dotar a Ribeira dun equipamento cultural acorde ás necesidades do tecido cultural e asociativo mais o goberno local mostra a súa incapacidade para xestionar responsabelmente e así o ten demostrado outras veces. Cobas fixo un respaso por obras que sempre tiveron problemas e críticas por parte do Bloque como foron a casa da xuventude con anos de parálise, inundacións e humidades, viuse tamén co mercado municipal que tivo que saír licitado dúas veces e presenta múltiples carencias, pasou coa EDAR cuxo funcionamento presentou problemas e agora se lle fai pagar un tarifazo á veciñanza malia o traballo e alegacións do BNG por evitalo e agora pasou co auditorio “a mala xestión e a incapacidade para gobernar é a marca do PP en Ribeira”.
A licitación do auditorio tivo os votos a favor de PP, PSOE, abstención de PBBI e en contra de BNG, SR

Expediente de crédito extraordinario. Aprobouse subscribir un convenio coa Xunta para destinar un máximo de 400.000€ de fondos municipais aos que se achegan outros 600.000€ que destina a Xunta de Galiza para ampliar o Complexo deportivo da Feiteira para instalar un módulo cuberto de atletismo.
Votos a favor de PP, BNG, abstención de PSOE, SR e en contra de PBBI

Trámites de ocupación de terreos para realización do proxecto da senda fluvial do río Pedrín.
Votos a favor de PP, PSOE, BNG, PBBI e abstención de SR

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.