Posición do BNG diante da modificación do PXOM

Ordenación do Polígono da Barbanza

Dende o BNG consideramos unha necesidade urxente a revisión do actual Plan Xeral de Ordenación Municipal. Con todo, vemos con preocupación tanto algúns cambios de ordenación, como a inclusión dunha “bolsa de chan industrial entre a Carballa e a autovía”, en vez de apostar decididamente pola execución do Macropolígono.

Diante dos datos adiantados aos grupos Municipais sobre o Documento de Avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribeira, o BNG quer facer algunhas matizacións á información facilitada aos medios polo Goberno Municipal. Así, debemos indicar que na reunión do pasado martes 17 de xaneiro, compartimos a necesidade e urxencia da adaptación do actual PXOM ás nova normativas. Isto leva sendo unha vella reclamación do BNG de Ribeira e unha necesidade urxente no noso concello dada a actual inseguridade xurídica que xera o “desfase legal” do actual PXOM.

Tamén compartimos grande parte dos obxectivos xerais da reforma como a reordenación de áreas xa transformadas, a creación de pantallas e corredores verdes, a circunvalación, a aposta polo sector turístico e industrial e pesqueiro, a potenciación dos valores naturais…

Pero tamén fixemos as nosas matizacións ou reservas ao documento no sentido da preocupación, que o BNG comparte con moitos veciños e veciñas, sobre as modificacións de afectación dos terreos protexidos pola Rede Natura (Parque Natural) e demais normativas de protección como a Lei de Costas ou o Plan de Ordenación do Litoral.

Tamén vemos con preocupación a intención de incluír unha “bolsa de chan industrial” entre a Carballa e a autovía, en vez de apostar decididamente pola execución do Macropolígono previsto polo anterior goberno da Xunta.

Estamos diante da “exposición inicial” dun Documento de avance. O futuro Novo PXOM suporá, sen dúbida, perda de edificabilidade nalgunhas áreas, o que non debera supoñer perda patrimonial aplicando axeitadamente “fórmulas de compensación”. Iniciamos un proceso que durará meses. No seu momento teremos oportunidade, toda a cidadanía, de facer as aportacións necesarias para que Ribeira conte, por fin, cun Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal en beneficio e interese de todos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.