Posición do BNG de Ribeira a respecto da eliminación do IES Coroso

O BNG está a favor de que Ribeira conte cun centro Integrado de Formación Profesional, pero non de que iso sexa pretexto para deteriorar o ensino secundario público

Ribeira a 24 de xuño de 2011. A estas alturas non é preciso repetir que estamos a favor de que Ribeira conte cun centro Integrado de Formación Profesional. Pero esa non é a cuestión. A cuestión é si é preciso dar un duro golpe á calidade do ensino público (da ESO e Bacharelato) en Ribeira co pretexto de introducir melloras no ensino Profesional(*). No BNG entendemos que as melloras precisas na FP non precisan deteriorar o ensino secundario público.

O BNG quere deixar clara a súa fonda oposición á decisión da Xunta de Galicia de dar peche definitivo e fulminante aos estudos de ESO e Bacharelato no IES Coroso. Oposición tanto no fondo como na forma.

Opoñémonos no fondo porque se está a desmantelar un centro de ensino público dun xeito inxustificado e innecesario:

- Inxustificado porque nada impide que convivan nun mesmo centro ensinanzas de secundaria e profesional, máis en tempo de crise no que o aproveitamento de infraestruturas é imprescindible.

- Inxustificado desde o punto de vista da matrícula: tanto a matrícula actual como as previsións futuras anuncian un aumento de alumnado para os vindeiros anos no concello de Ribeira.

- Inxustificado porque o desprazamento de alumnado a outros centros vai provocar unha elevación ata máximos históricos nas ratios de alumnos por aula dos centros públicos co conseguinte deterioro da calidade do ensino. Ratios de 30 a 35 alumnos por aula, que se darán, suporán retroceder máis de 30 anos.

- Inxustificable a desaparición dun centro público mentres se sosteñen centros privados tamén con diñeiro público.

A nosa oposición na forma é tamén rotunda: a Consellería de Educación, que xa ten prevista a supresión polo menos desde principios de ano, agarda o paso das eleccións municipais para non prexudicar os intereses electorais dos candidatos populares, entre eles o actual alcalde de Ribeira. Nese tempo, os alumnos do IES Coroso vanse preinscribindo para os vindeiros cursos e os dos centros adscritos fano tamén, inocentemente, no IES que a propia Xunta ten decidido pechar. O dano moral ao alumnado e as súas familias e o prexuízo pedagóxico aos mesmos alumnos, centros e o propio sistema público de ensino é máis que evidente. Que sexa a propia Consellería quen perpetra tal acción é imperdoable.

Mención especial merece a actuación do actual alcalde de Ribeira polo seu papel tanto no fondo como na forma: como Portavoz do Grupo parlamentario popular no momento da toma da decisión era coñecedor e polo tanto co-responsable do peche. O xeito de actuar desde a alcaldía atendendo pais e alumnos e ofrecendo “mediación” e “xestión” diante da Consellería evidencia a súa capacidade de engano: gáñase tempo para que a Consellería publique a orde definitiva de supresión, xusto ao día seguinte, sen apenas oposición.

O BNG quere expresar o seu total apoio ao alumnado e ás súas familias así como a toda a cidadanía de Ribeira que defende maioritariamente un Ensino Público de Calidade, e anuncia que presentará, no primeiro Pleno da Corporación Municipal, unha iniciativa coa intención de restituír os niveis de calidade no ensino público de Ribeira.

(*) A oferta da Consellería para o vindeiro curso en Ribeira non contempla ningún novo ciclo de FP e si a supresión do ciclo de “Ponte” na Escola Náutica. En Coroso o de “Frío e calor” desdóbrase. Novos ciclos?: NADA (Consultar páxina da Xunta)

Un comentario en «Posición do BNG de Ribeira a respecto da eliminación do IES Coroso»

  1. Totalmente de acordo. E a todo iso hai q engadir o problema do transporte, polo “peculiar” q é en Ribeira o transporte escolar, e polo feito de q cara o Leliadoura non hai transporte público q puidese traer ao alumnado de bacharelato q sexa desviado aí de outras zonas do concello

Responder a marinela Cancelar la respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.