Pontón pide en Ribeira unha gran mobilización e sumar no BNG o voto de país

Convencida de que é posible abrir un tempo novo, pide superar as enquisas o 12X: “hai partido e saímos a ganalo para construír unha Galiza nova e con futuro”


En Ribeira compromete que o sector pesqueiro será prioridade estratéxica “porque somos un país altamente dependente da pesca e xera miles de empregos”


Rivas destaca a importancia de contar na Xunta cun goberno que defenda os servizos públicos


A candidata á Presidencia, Ana Pontón, salientou á onda de cambio galego que percibe arredor do BNG para pedir unha gran mobilización nas urnas de todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza e facer historia para que, por primeira vez, este país teña unha muller presidenta liderando un goberno coas mans libres para facer valer os intereses deste país e da súa xente.


Para conseguilo, Pontón fixo un chamamento á mobilización desa maioría social que quere deixar atrás once anos de decadencia e inmobilismo: “non se pode perder nin un só voto, que ningún voto do cambio galego se quede na casa, se nos mobilizamos haberá un cambio real que nos permita empezar a construír unha Galiza con futuro, na que poder vivir e traballar, con benestar social”.


No mitin de Ribeira, a candidata á Presidencia instou a sumar no Bloque “todo o voto de país, todo o voto inconformista, o voto da ilusión e da esperanza para que o 12 de xullo celebremos que deixamos atrás a decadencia da Galiza minguante legado do candidato do PP, para dar paso a un país próspero, moderno, produtivo, que sexa a envexa de Europa, da man do proxecto autocentrado, con ideas, solvente e con estratexia que representa o BNG”, alegou.


Nunha xornada abondosa en enquisas, Pontón apelou a superalas: “hai partido e saímos a ganalo, entre todos e todas seremos capaces de derrotar as enquisas, de derrotar á dereita de Feixóo candidato, se nos mobilizamos este 12 de xullo”, declarou convencida.


Tras ironizar sobre o feito de que o candidato do PP celebrase un acto sectorial de pesca en Santiago, ao lado dun estanque con patos, Pontón destacou en Ribeira que Galiza é unha potencia pesqueira e que, se ten o apoio dos e das galegas para liderar o país, este sector será unha prioridade estratéxica dun goberno BNG, empezando por poñer fin ao dislate de que as grandes decisións sobre “o noso mar e a nosa costa se tomen desde un despacho de Madrid”. Por contra, destacou a vontade de exercer as competencias sobre o litoral galego, impulsar o saneamento integral da rías, mellorar a cadea de comercialización dos produtos do mar para xerar máis valor engadido destacando a orixe do produto na venda ao consumidor.


No terreo das competencias, o BNG defende a transferencia da competencia sobre navegación marítima, inspección de buques e salvamento así como e dos portos de interese xeral. Tamén avanzou como liñas de traballo conseguir un reparto de cotas que deixe de discriminar á frota galega, reivindicará a supresión do “obsoleto” princio de estabalidade relativa, para que o actual sistema de cotas dea paso a outro que garanta a actividade económica e do emprego. “Somos unha potencia pesqueira e o meu compromiso é que liderar un goberno aliado dun sector que xera miles de empregos”, concluíu.


Confianza para facer realidade a Galiza soñada


Pontón deixou claro que co “proxecto solvente, serio, con ideas e autocentrado” que representa a súa candidatura outra Galiza é posible, e pediu a todos os galegos e galegas que se atrevan a dar o primeio paso para facer realidade esa Galiza “que soñamos”: encher as urnas de papeletas ao BNG.


Este é o momento de recuperar a ilusión por poñer un país novo en marcha. Este é o momento de votar diferente, de votar BNG, de facer historia, de que Galiza abra de verdade un tempo novo e gañemos un futuro diferente e mellor como país. Este é o momento de confiar e de votar polo cambio galego. E eu prométolles que non lles vou fallar, que un Goberno galego que eu encabece non lles vai fallar”, concluíu.


Xustiza social


Pola súa parte, o cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, fixo unha pechada defensa dos servizos públicos e dos servizos sociais, destacando o empeño do BNG por reverter todos os recortes e privatizacións destes once anos de Goberno da dereita. “Sempre dimos a batalla pola sanidade, pero se algo nos ensinou a COVID19 é que un sistema público de saúde é clave se queremos garantir a saúde da poboación”, recalcou, igual que é clave, dixo, “mudar o actual modelo de residencias privatizado polo PP para camiñar cara un un sistema no que se garanta o dereito das persoas maiores a unha vellez digna”.


O cambio galego significa tamén unha Galiza “con xustiza social” e neste sentido, Rivas destacou que o BNG vai desenvolver unha política de vivenda pública que permita facer realidade o dereito a unha vivenda digna, tanto entre a xente moza como entre as familias con menor renda nun país no que os salarios están entre os máis baixos do Estado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.