Pontón di que o BNG irá a máis na Barbanza

Ve a Feixóo “tocado” e augura un novo batacazo do PP o 26M. “Somos a mellor opción”, proclama



Miranda promete “volver levar as redes do xeito a Bruxelas se fixera falta para defender o sector pesqueiro nesta comarca”


Santiago de Compostela, 19 de Maio 2019.-Desde Ribeira, a portavoz nacional, Ana Pontón, apelou a sumar no BNG o voto de país e de todas as persoas que queren un cambio real nos concellos a partir do 26M, da man dun modelo transformador que mellora a vida da xente, como demostra nas vilas e cidades nas que goberna.


“Somos a mellor aposta e por iso pido concentrar no BNG todo o voto de país e todo o voto inconformista, das persoa que queremos que a fronte dos concellos haxa gobernos que se interesen pola vida das persoas, por ter espazos públicos de calidade, por xestionar ben o cada euro. En definitiva, concellos que signifiquen un avance para este país e, en Galiza, ese avance son os concellos liderados polo Bloque. A mellor aposta que podemos facer o 26”, proclamou.


Pontón declarouse convencida de que o 26M haberá “máis BNG” en todos os concellos do Barbanza, desde a consolidación do goberno que agora lidera Adolfo Muíños en Rianxo, pero tamén será imparable o avance en Ribeira, A Pobra e Boiro coas candidaturas que encabeza, Xosé Antón Vázquez Cobas, Ramiro Ouviña e Raquel Suárez.


“Fronte ao PP que representa o inmobilismo nesta comarca, fronte a decadencia da dereita está a opción do BNG, da man dun proxecto político unido, solvente e coa experiencia contrastada dun modelo municipal que funciona que, nesta comarca, ten  un exemplo claro en Rianxo”. “Estamos en condicións de dar un salto adiante, se nos mobilizamos, estou convencida de que imos subir como a espuma en todos os concellos da comarca”, recalcou.


A coincidencia co PP en Ribeira nesta xornada de campaña, fixo que Pontón tirase de ironía. “Non lles arrendo a ganancia, porque que os veña apadriñar Pablo  fracasado Casado é todo un síntoma do que lle espera ao PP, de fracaso en fracaso até o fracaso final” convencida de que o batacazo do 28A vaise repetir o próximo domingo, cuestión que ten “tocado” a Feixóo.


“A Feixóo tampouco o vexo o ben, parece da santa compaña, como alma en pena de mitin en mitin pedindo que todo o voto da dereita vaia para o PP, que disque só quere depender dos veciños. Que nos explique de quen depende o PP en Andalucía”, interpelou.


Convencida de que o BNG vai seguir a súa tendencia a alza tamén nas eleccións municipais e europeas, salientou que o avance que se logre nos concellos será a antesala do “tempo novo” que precisa Galiza, “que estamos en disposición de liderar” cando en poucos meses se celebren eleccións galegas.  “Unha razón máis para votar Bloque este 26M, porque non só abre a esperanza nos concellos senón tamén a de asinar o finiquito de Feixóo”, recalcou.


Mobilizarse até o último minuto


A dirixente nacionalista augurou un gran resultado das candidaturas do Bloque en todos os concellos da Barbanza, reforzando o apoio en Rianxo, -“onde queda demostrado o cambio real que supoñen os gobernos do BNG”-, pero tamén en Ribeira, na Pobra e Boiro.


“Queremos máis forza, máis BNG nos concellos e para iso hai que mobilizarse, falar con todas as persoas que coñecemos, petarlles no corazón e explicarlles o proxecto transformador que desenvolvemos onde gobernamos a favor das persoas. Mobilicémonos e teremos un gran resultado, mobilicémonos e seremos imparables”, recalcou no mitin, no que tamén participaron os candidatos da comarca.


Lealdade con Galiza en Bruxelas


En Ribeira a actual eurodeputada é candidata, Ana Miranda, fixo balance do traballo en Bruxelas en defensa dos intereses de Galiza, con especial mención ao sector pesqueiro e ao saneamento integral das rías ou contra megaproxectos mineiros contaminantes, que mesmo poderían ter unha afectación moi negativa para o sector do mar nesta comarca.


En concreto, a frota do xeito, con máis de 400 embarcacións no Barbanza foi un dos cabalos de batalla de Miranda, logrando modificar unha normativa comunitaria que tería liquidado esta modalidade de pescar artesanal que aporta unha renda adicional para moitos traballadores do mar.


Miranda pediu o voto para o BNG para volver ser, “aínda con máis forza” a voz de Galiza no Parlamento europeo, “que fale en defensa da frota galega, das mariscadoras, redeiras, conserveiras e de toda a xente que vive do mar nesta nación pesqueira”. “O meu compromiso, fronte ao desleixo das forzas estatais con este país, e que o escano do BNG volva ser o escano do pobo galego”, recalcou, “e se temos que volver a levar as redes do xeito a Bruxelas para defender o sector, farémolo”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.