Pontón comprométese co alcalde de Ribeira a traballar polas principais necesidades da vila

“Despois desta visita vexo un Goberno local que traballa de maneira unida, con capacidade e sentando as bases dunha Ribeira con futuro”, indicou

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá o Concello de Ribeira para manter unha visita institucional co seu alcalde, Luís Pérez Barral, e coñecer de primeira man os principais asuntos que preocupan ao Goberno municipal.

Tanto Pontón como Pérez repasaron os temas que máis preocupan á veciñanza e que teñen que ver coa acción do Goberno PP na Xunta: a atención sanitaria, o benestar social e o coidados das persoas, e o transporte, tanto no ámbito escolar como no ámbito de viaxeiros.

Ambos abordaron asuntos que dependen da Xunta e necesitan resposta; como a falta de persoal nos centros de saúde de Ribeira e Corrubedo; a residencia pública de maiores prevista nas Saíñas, a escola infantil para Aguiño ou o proxecto do Parque Empresarial do Barbanza co que acoller empresas e xerar dinamismo económico, así como resolver os problemas do transporte regular a escolar.

Ana Pontón trasladou o seu apoio e o respaldo de toda a organización ao rexedor e ao resto do equipo. A portavoz nacional do BNG comprometeuse a trasladar á Xunta todos estes problemas que precisan “unha solución inmediata” e pola que se compromete a traballar arreo.

Un Goberno local que constrúe unha Ribeira con futuro

Con esta visita institucional, Pontón quixo coñecer de primeira man os asuntos máis urxentes en Ribeira e trasladarlle ao alcalde Luís Pérez, todo o apoio do BNG ás demandas do concello. Ademais, describiu a Pérez e ao seu equipo como “un Goberno local que traballa de maneira unida, con capacidade, pensando para facer de Ribeira un concello mellor, e sentando as bases dunha Ribeira con máis futuro”.

“Non pode haber unha sanidade pública de segunda para a veciñanza de Ribeira, non pode haber promesas incumpridas en materia de benestar social coa veciñanza de Ribeira, e a veciñanza de Ribeira tampouco ten que padecer as deficiencias que existen hoxe en día en materia de transporte público na vila”, concluíu Pontón. Fronte a isto, volveu amosar o seu compromiso de “levar todos estes asuntos ao Parlamento galego para que o Goberno do PP actúe xa de xeito xusto e a favor de Ribeira”.

A visita finalizou co obsequio duns libros sobre a historia do municipio. Un deles dedicado ao artista Manuel Ayaso, fillo predilecto do municipio e falecido fai uns meses e outro sobre as heroínas de Sálvora e o afundimento do vapor Santa Isabel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.