Pontón apoia as reivindicacións da ANPA do CEIP O Grupo de Ribeira para cubrir a praza de titoría vacante e reformar o centro

A portavoz nacional avanzou ás familias que o BNG esixirá no Parlamento que a Consellería de Educación cumpra a normativa sobre o cadro docente 

Ribeira, 10 de outubro, 2025.  A portavoz nacional, Ana Pontón, transmitiu ás familias do CEIP O Grupo de Ribeira o apoio ás súas reivindicacións, adiantándolles que o grupo nacionalista defenderá no Parlamento unha iniciativa para que Educación cumpra a normativa sobre o cadro docente e cubra de maneira inmediata a praza de titoría que deixou vacante neste centro de Infantil e Primaria.

Pontón escoitou as peticións das familias nunha reunión coa ANPA  á que asistiron tamén o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e a deputada da comarca,  Rosana Pérez, que se encargará de defender a iniciativa do BNG na que, acorde coas demandas das nais e pais, se reclamará tamén melloras no centro e, nomeadamente, a execución da reforma integral do edificio da vella comisaría de Policía, o arranxo da cuberta do edificio anexo de Educación Infantil e o pintado exterior do edificio principal.

Respecto ao cadro de persoal, o BNG considera urxente que se dote de titor ou titora para o curso de 3º B, que conta con 23 alumnos e alumnas, algúns deles con necesidades específicas de atención educativa (NEAE). Aínda que este é o alumando máis afectado pola falta de titor, a vacante afecta ao conxunto da matrícula deste centro, no que estudan máis de 400 nenos e nenas, dos que aproximadamente o 25 % está diagnosticado con NEAE.

Tal e como se recolle na iniciativa do Bloque,  na vez de cubrir esta praza, a Consellería de Educación propuxo á dirección do centro que 3º B fose co-titorizado por outro dos mestres do colexio  e que as materias lle fosen impartidas polo resto do profesorado. Ademais de polas familias, esta solución foi rexeitada pola dirección, que chegou a presentar a súa dimisión, pois restaría horas de proxectos, gardas, especialidades e outras tarefas ao resto do cadro docente, prexudicando o resto de cursos.

O BNG lembra, ademais,  que a Consellería non está a cumprir a legalidade, posto que a normativa establece que “cada grupo de alumnos e alumnas contará cunha persoa titora que se responsabilizará da atención e do seguimento personalizado do alumnado do grupo, así como da orientación da aprendizaxe e do apoio no seu proceso educativo”.

O catálogo do centro non se adapta á realidade, xa que contempla 12 unidades de Educación Primaria cando o centro ten trece”, apunta na súa iniciativa Rosana Pérez, que reclama ao Goberno do PP  que escoite e atenda as reivindicacións que a Asociación de Nais e País (ANPA) do CEIP O Grupo de Ribeira leva facendo desde hai tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.