Pleno Xullo: O soño de todo un concello feito realidade

Festa da Dorna, Festivo Local: A data do 27 de xullo de 2015 pasará a ser un día histórico para a cidade de Ribeira e a súa veciñanza. Tras máis de 20 anos de clamor popular, a Corporación Municipal aprobou “declarar a partir de 2016 e de xeito permanente, agás que sexa domingo, o 24 de xullo, Día da Dorna, festivo local”. Esta moción presentada polo BNG contou cos votos favorables de IPR, C’s, PSOE e cos votos en contra do PP.
Na exposición de motivos o voceiro Xosé Vázquez Cobas expresou que isto non era unha moción do BNG, era a petición de todo un pobo! xa que a Dorna é unha tradición desde hai 67 singraduras. Deu os parabéns a toda Festa da Dorna por faceren máis de 30 actividades con participación de máis de 70 peñas, 56 xogos en 24 emprazamentos diferentes, 12 charangas e gaiteiros, 18 concertos (o derradeiro deles con 8.000 persoas e con 40 artistas da bisbarra), centos de comercios implicados, etc.
A Festa da Dorna ten repercusión internacional, saíndo na TVG, teles comarcais, Radio Nacional de España, Cadena Ser, TV-Holandesa e nas redes sociais.Pleno Municipal Ribeira. BNG. Foto LaVozDeGalicia Cobas rexeitou a emenda do PP de facer unha comisión porque iso xa se aprobara en febreiro e non se cumpriu polo que entende que o partido que encabeza Manolo Ruiz só pretende enlear e dilatar o tema para non aprobalo nunca.


O debate xa se deu na sociedade, é un clamor, un sentimento e o espírito dorneiro afecta a todos e todas por igual, non entende de siglas nin ideoloxías, vai de pais a fillos e netos e non discrimina porque involucra a veciñanza, visitantes e turistas. O mellor que ten a Dorna é que é do pobo de Ribeira, de todos e todas sen distinción.


Moción Completa e acordosFesta da Dorna, 24 de xullo Festivo local.


Estado do parque García Bayón: a compañeira Pilar Sampedro reclamou diversas melloras para este parque e a praza da Concordia, xa que nos días de chuvia fórmanse embolsamentos de auga en diversas zonas.Parque Garcia Bayon Ribeira. BNG
Tamén propuxo que o goberno local regule a realización de 
grelladas para evitar posibles molestias á veciñanza da zona tal e como lle trasladaron o BNG.
Finalmente esixiu que Portos de Galiza e o Concello de Ribeira controlen as 
atraccións de feira que alí se instalan, para que se retiren despois dos eventos nos que se lle teña concedido permiso. Estas proposición foi aprobada por unanimidade.


Moción e acordos completosProposición Parque García Bayón.


Melloras para a rúa Rosalía de Castro: o compañeiro Luís Pérez explicou que diversas comerciantes da rúa trasladáronlle as deficiencias que existen. O casco urbano de Ribeira sufriu melloras nos últimos anos, como a ampliación de beirarrúas, plantación de árbores, nova iluminación ou melloras na rede de sumidoiros. Estas accións positivas tanto para a veciñanza como para o comercio non chegaron a unha das rúas máis grandes e comerciais do municipio, a rúa Rosalía de Castro.


Actualmente as beirarrúas estreitas impiden un paso fluído e o mal estado nalgúns puntos, fai que se produzan caídas. Alén disto, hai queixas pola falta de limpeza e non hai papeleiras.
Outro problema recorrente nesta rúa é a 
falla de estacionamento e de rotación dos vehículos ao longo do día, algo que dificulta a realización dos recados e das compras. No caso do firme da estrada é preciso que se pinte, xa que as marcas viarias son case imperceptibles e nalgúns casos provocan confusión.Rúa Rosalía de Castro Ribeira. BNG
Por último, habería que incrementar o número de 
contedores de cartón e todos os contedores de lixo deberían contar con algún tipo de elemento que minimizase o seu impacto visual.


Por todo isto, o BNG conseguiu o apoio de tódolos grupos para realizar as seguintes medidas:


1. Establecer zona azul na rúa Rosalía de Castro, cando menos nunha banda, similar á existente noutras rúas da vila tras abrir os aparcamentos gratuítos de Fafián e Avesadas.
2. Mellorar a 
sinalización horizontal e vertical das zonas de estacionamento pintando os aparcamentos de maneira individualizada e marcar debidamente as zonas de carga e descarga.
3. Instalar papeleiras ao longo da citada rúa.
4. En breve 
incrementar o número de colectores de papel.
5. Instalar algún elemento que 
minimice o impacto visual dos colectores do lixo.


Moción Completa e acordosMoción melloras en Rosalía de Castro.


Acondicionamento do local de ensaio: o compañeiro Antón Parada na súa argumentación explicou que Ribeira destaca por ser unha das vilas da comarca que sen outro tipo de axuda institucional posúe un elevado número de grupos musicais, grupos que non teñen a oportunidade de tocar con frecuencia, porque o Goberno Municipal adoita contratar espectáculos musicais foráneos, que cobran cachés desorbitados, no canto de promocionar grupos do concello e da comarca.


Xa hai bastante tempo que os grupos locais manifestaron –durante unhas xornadas combativas- a necesidade de dispor dun local de ensaio con infraestruturas específicas, infraestrutura que puido ser financiada sen ningún custo para o Concello de Ribeira durante o Goberno BNG-PSOE. Unicamente era necesaria a cesión duns terreos, mais a negativa do goberno municipal do PP imposibilitou a realización de dita obra, que con posterioridade supuxo un gasto para as arcas municipais que puido ser evitable.


Pois ben, a deixadez por parte da Administración Local en materia de coidados dos locais, tanto da propia instalación coma do equipo técnico preciso para a correcta actividade e funcionamento do local, imposibilita o uso actual polos grupos musicais do Concello.


Esta carencia do servizo tradúcese, evidentemente nunha deriva dos colectivos musicais cara outros lugares, que teñen que procurarse por eles mesmos alternativas para ensaiar, alugando ou adecentando locais privados. Isto supón unha liña de volta atrás, a aquela autoxestión que xurdira na década dos 80.


É por todo isto que, tras unha xuntanza con artistas ribeirenses o grupo Municipal do BNG-AA solicitou e aprobou por unanimidade os seguintes acordos:
1. Que o Goberno Municipal comprométese a dotar dun espazo propio que solvente os problemas de saturación, xa que as instalacións actuais non poden satisfacer a demanda de todos os grupos existentes.
2. Entrementres, non se faga un espazo novo, se contemple para o Orzamento de 2016 unha partida para a reforma do local e a dotación dun rider (equipo técnico), así como moblería con sistemas de seguridade para poder gardar o material de cada grupo.


Moción Completa e acordosProposición sobre os locais de ensaio.


Solicitudes:Colocación de muro na praia da Corna da finca do antigo cine Millán.
- Limpeza de beirarrúas e retirada de cascallos no Vilar.
Recolocación dunha marquesiña no cruce do Vilar en Aguiño.


Outros asuntos:
- Modificación orzamentaria 
(pagos de facturas de electricidade). Favor PP C’s e IPR, Abst BNG e PSOE – Recoñecemento extraxudicial de creto (material pavillón Palmeira, arneses para ecoparque de San Roque, rego na zona da antiga fábrica de Castiñeiras, medallas carreiras populares e outros gastos menores). Favor PP, abst. BNG e IPR e contra de PSOE e C’s
A modificación e o recoñecemento suman 311.158€

- Aprobado por unanimidade establecer medidas que eviten o deterioro do porto fenicio da Cobasa
- Aprobado por unanimidade crear medidas que favorezan a transparencia municipal
- Aprobado por unanimidade levar ao pleno de maio unha nova ordenanza de Inclusión Social
- Aprobado por unanimidade incluír a illa de Sálvora como lugar especial de observación de estrelas
- Aprobado por unanimidade demandar do Estado español medidas que potencien o sector das orquestras e das festas de Galiza

3 comentarios en «Pleno Xullo: O soño de todo un concello feito realidade»

  1. Osea… pasamos de cambiar un festivo que kere toda RIBEIRA x un que pide un grupo de xente? xuntamos 2 festivos o 24 co 25 das letras galegas.

    Mais que beneficio esto solo é un suma votos para a alcaldía

  2. Boas Toño, o aprobado foi declararmos festividade local para o 24 de xullo, día grande da Festa da Dorna. O outro festivo aínda non se decidiu, terá que falarse chegado o momento pero desde o BNG apostaremos polo festivo de entroido.

    Pasabaxaki, a festividade local para o 24 de xullo era unha petición multitudinaria e maioritaria de todo o concello, se é bo ou malo xa se verá co tempo e coa implicación da xente. O 25 de xullo, Día da Patria Galega ou Día Nacional de Galicia será sempre festivo.

    A nosa proposta segue sendo esta:

    1 a) Que as festas de Sta. Uxía se celebren sempre a fin de semana seguinte ao seu día oficial para que poidan ser máis desfrutadas e participadas pola veciñanza de Ribeira.
    1. b) Que os actos acaídos (relixiosos e institucionais) se celebren no seu día propio sen que sexa declarado festivo local.
    2. Que o concello de Ribeira declare, a partir de 2016 e para sempre, o 24 de xullo, Día da Dorna, Festivo local.

Responder a Toño Cancelar la respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.