Pleno de Xaneiro: o BNG consegue acordos unánimes en varias mocións

No pleno ordinario de Xaneiro, o BNG conseguimos o apoio de tódolos grupos políticos para aprobar as seguintes mocións:


- Moción para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro: o compañeiro Antón Parada, defendeu que a nosa autora nacional e coñecida internacionalmente, debería ter un día destacado, pero de maneira inexplicable, a Consellaría de Cultura non recolle, para o ano 2014, o 24 de febreiro como Día de Rosalía no seu Calendario do Libro e da Lectura, tal como viña sendo habitual, un feito que queremos denunciar e que só se pode enmarcar no intento de ocultar a figura dunha Rosalía viva, radical, culta e comprometida que hoxe grandes sectores da poboación coñecen e admiran. Polo que pedimos:


1. Solicitar da Xunta de Galiza que recupere a incorporación do Día de Rosalía ao seu Calendario do Libro e da Lectura.


2. Realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello en que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.


3. Emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen o conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro. Entre estas actividades, procurar espazos para realizar graffitis, murais…


4. Desenvolver unha serie de actividades para promover o coñecemento de actualizacións da obra rosaliana a través da música, o teatro, a literatura ou a danza, así como seminarios, mesas redondas e/ou conferencias sobre a súa obra e figura.


Moción Completa: Moción declarar 24 Febreiro Día Rosalía de Castro


- Moción para garantir a subministración eléctrica a persoas sen recursos: 


O compañeiro Luís Pérez Barral, expuxo que en Ribeira hai máis de 2.000 desempregados/as e en Galiza hai máis de 650.000 persoas en situación de pobreza93.000 fogares con todos os seus membros no paro (12.000 máis que o ano pasado) e máis de 33.000 fogares sen ningún tipo de ingresos, a pobreza infantil no Estado español chega a 2.800.000 nenos e nenas por baixo do limiar da pobreza. Datos referidos ao Estado español demostran que, no ano 2012, 1,4 millóns de familias as que padeceron corte na subministración eléctrica.


A isto súmanselle os repagamentos na sanidade, a redución das prestacións por desemprego, a suba da enerxía (gas e electricidade), a redución dos Orzamentos do Estado e da Xunta ademais da reforma laboral que provoca que a maior parte dos contratos sexan temporais e/ou precarios.
O Concello de Ribeira debe impulsar mediante os servizos sociais públicos, medidas específicas para persoas en risco de exclusión social e con necesidades especiais para garantir o benestar, a saúde e calidade de vida nesta situación dramática que padecen.


Países europeos, como Francia, prohíben no inverno os cortes de luz a familias sen recursos que non teñen cartos para pagar o recibo. Alemaña paga a calefacción e o aluguer das persoas en paro de longa duración. Cataluña estuda prohibir os cortes de enerxía a familias na pobreza.
Lembremos que Galiza é excedentaria na produción de electricidade, así mentres padecemos custos sociais e medioambientais da xeración eléctrica, non obtemos beneficio desta condición.


Por iso, o grupo municipal do BNG, solicitou do Pleno da corporación municipal o seguinte acordo:


1. Que o Concello de Ribeira interveña presionando ás compañías para que non corten o subministro eléctrico nos casos de que familias deste municipio sen recursos vaian quedar sen el.


2. Estudar desde o departamento de Servizos Sociais posíbeis actuacións futuras para evitar que nos meses de máis frío se produzan cortes.


Instar á Xunta de Galiza ás seguintes cuestións:


 3. Realizar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, adopte medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos.


4. Demandar do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para o 2014.


5. Solicitar do Goberno do Estado español que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.


Moción Completa: Garantir subministración eléctrica a xente sen recursos


- Moción por un reparto igualitario dos fondos da Deputación da Coruña: esta moción foi defendida polo compañeiro Xosé Antonio Vázquez Cobas, quen defendeu a necesidade de que a Deputación da Coruña fixese un reparto máis igualitario dos cartos, xa que na actualidade estanse quitando cartos a pequenos e medianos concellos para dárlle-los aos grandes concellos da Coruña, Ferrol ou Santiago en mans do PP. Isto é un reparto desigual e partidista.


Moción completa: Moción DTC93 Mellor reparto dos cartos da Deputación


Outros asuntos:


Mercado municipal Ribeira BNG Ribeira

- Mercado Municipal: volveuse licitar a obra do mercado e a reformulación da obra. Desde o BNG defendeuse durante anos a necesidade de contar cunha instalación deste tipo e por iso volvemos apoiar este proxecto esencial para Ribeira, que conta cun dos portos de baixura máis importantes de Europa, pensamos que debemos ter un mercado onde poidamos vender e expoñer os nosos produtos do mar. Porén tamén tivemos críticas pola falta de planificación e control que mostrou ter o Partido Popular con esta importante obra.


- Memoria Histórica: unha moción presentada polos tres grupos da oposición (BNG, PSOE e IPR) aprobouse unanimemente para que se retiraran algunhas das placas das rúas con nomes referentes á ditadura franquista así como a necesidade de cumprir coa lei de memoria histórica.


- Pregunta do BNG sobre cal é o motivo de que non se estea a utilizar o local de ensaio para grupos musicais do municipio, ao que nos responderon que en menos de 30 días volverá abrirse para o seu uso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.