Pleno de setembro 2013: mercado, bombeiros, lumes, aborto…

No pleno de setembro debatéronse os seguintes asuntos:

- Moción en relación á reforma do aborto: a concelleira Dores Vidal buscaba que o Concello de Ribeira se posicionara en contra da moficiación da lei do aborto debido a que vai deixar á meirande parte das mulleres embarazadas fóra do sistema público de saúde no caso de non querer continuar co embarazo. Deste xeito, se unha muller quere abortar deberá ir a un centro privado e pagar. Con esta moción pretendemos defender o dereito da muller a decidir se continuar co seu embarazo ou non de xeito libre e seguro e, fixemos mención á Organización Mundial da Saúde: “as leis penais que sancionan e restrinxen o aborto inducido son exemplos de barreiras inaceptables para a realización do dereito das mulleres á saúde”.
Moción completa e acordos que se pedían: Moción reforma Lei do aborto


- Moción en apoio ás persoas que reciben pensións de Estados estranxeiros: o concelleiro Antón Parada expuxo a dramática situación que atravesan centos e centos de afectados/as que aínda por riba de vérense na obriga a emigrar para poder manter ás súas familias agora, unha vez de volta no País, Facenda trátaos como defraudadores/as e reclámalle cantidades de cartos impensables! Hai que dicir que nunca non foran informados/as e, polo tanto, non existe intencionalidade de agochar a tributación desas pensións. Con esta moción buscamos que o Concello asesore aos afectados/as e que se lle reclame ao Goberno central que anule as sancións e que se faga unha campaña informativa de que hai que facer nestes casos.
Moción completa e acordos que se pedían: Moción apoio pensionistas estranxeiro


- Moción en apoio ás demandas do colectivo de bombeiros, extinción de lumes e emerxencias: o concelleiro Luís Pérez, defendeu a proposición porque ao entender do BNG  os servizos de emerxencias, teñen que estar en mans públicas e non ser xestionados por empresas. Mais esta situación non se cumple en Galiza xa que, salvo as grandes cidades, os bombeiros dependen de empresas privadas. Na provincia da Coruña, este servizo préstase desde hai máis de 9 anos pola empresa VEICAR S. L. Esta empresa aproveita a reforma laboral para recortarlles dereitos laborais a traballadores do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento. Algúns dos recortes que sufren é a redución de salario dun 25% no caso de baixa laboral ou a escaseza de profesionais ao traballaren na actualidade en grupos de 3 cando o recomendable é que non sexan menos de 5 persoas. Outra causa do conflito entre a empresa e os traballadores é a eliminación das gardas de 24 horas polas gardas de 6 ou 8 horas distribuídas irracionalmente imposibilitando o traballo en equipo e a conciliación familiar-laboral.
Moción Completa e acordos que se pedían: Moción Bombeiros e emerxencias



- Moción en relación aos lumes forestais: o concelleiro Luís Pérez incidiu na necesiade de que haxa unha boa planificación e ordenación do territorio alén de políticas de fomento da agricultura, silvicultura e a gandaría. Estas medidas ao seu entender reducirían de xeito significativo as consecuencias e a extensións dos lumes forestais. Criticou tamén as medidas da Xunta como a redución de franxas de protección, reduce a prevención ou como favorece as extensións monocultivo.
Aínda que o alcalde de Ribeira,
Manuel Ruíz Rivas cre que o monte vai arder igual límpese ou non, hai mostras de como a posta en valor do monte reduce os incendios e a superficie calcinada. Ademais de pedir unha boa planificación esiximos que haxa un plan de prevención local que atenda a puntos críticos como poden ser o Hospital da Barbanza ou o Polígono Industrial e que se esixa a limpeza das fincas. A pesar dos argumentos,  ao alcade parece que lle chega con pedir perdón, en vez de tomar medidas no asunto.


Moción Completa e acordos que se pedían: Moción lumes forestais


- Outros asuntos debatidos:


* Mercado Municipal: o BNG votou a favor das xestións de modificación do proxecto do mercado municipal por entendermos que é unha obra importante e algo necesario para a nosa cidade. Así e todo tamén fixemos unha crítica contra o equipo de goberno por levar unha mala xestión e unha planificación chapuceira deste proxecto que debería contar cunha maior dedicación e atención. Estas modificacións farán que as obras estean paralizadas durante 7 meses.
* Moción contra Resistencia Galega: desde o BNG dixemos en varias ocasións alto e claro que condenamos todo tipo de terrorismo non só un, senón todo o de Estado tamén (cargas policiais, desafiuzamentos, recortes sociais, etc), o terrorismo financeiro (roubos coma os das preferentes por exemplo), as guerras ás que nos levan, etc iso tamén é terrorismo. Alén diso o PP fai apoloxía do fascismo e da violencia e os seus cargos seguen aí (véxase alcaldes, deputad@s e membros de Novas Xeracións).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.