Plan Galego de Acuícultura. Máis Prestige?

O anuncio pola Consellería de Pesca da Xunta de Galiza, o pasado 30 de xuño, do Plan Acuícola de Galiza (PAG), provocou grande preocupación en todos os sectores sociais de Ribeira. Teñamos en conta que o PAG contempla no contorno do noso Concello as ampliacións das actuais plantas de rodaballo de Seráns e Couso ademáis dunha nova planta para a que se destinan 308 000 metros cadrados na Laxe Brava (Corgo) en Corrubedo.

Os centos de alegacións e milleiros de sinaturas presentadas non deixan lugar a dúbida do maioritario rexeitamento social a este Plan. Non é para menos. Como dicimos nas alegacións presentadas, non se pode aceptar a declaración de utilidade pública das instalacións previstas –o que permitiría a expropiación de terreos públicos e particulares para darllos a empresas privadas- porque non van supoñer nin un beneficio económico para a zona nin unha mellora ambiental evidente. Máis ben moi ao contrario. Caso de levarse a cabo as actuacións previstas polo PAG no concello de Ribeira suporían un moi grave impacto tanto para a calidade do noso patrimonio paisaxístico e natural como para as propias posibilidades de desenvolvemento económico sostible no futuro próximo. Ademais da innegable afectación á calidade do marisco e peixe desta costa, proxectos como a implantación pola Confraría de Pescadores de Aguiño dunha Reserva Mariña na zona ou a xa en estudo ampliación da Rede Natura veríanse moi afectados, se non impedidos, pola posta en marcha das actuacións previstas no PAG.

Vai facer cinco anos dunha catástrofe que, brutal, lixou a nosa costa cos efectos que todos e todas coñecemos e que o paso do tempo está a facer, paseniño, reversibles. Unha macro piscifactoría –poñamos por caso- de trescentos mil metros cadrados no Corgo suporía vertidos contaminantes difusos pero continuos e unha afectación paisaxística na práctica irreversible. Por eso o intencionadamente chamativo título deste comentario non é, en absoluto, desacertado. Sí o son desde logo as recentes declaracións do Presidente Touriño cando falou do “impacto cero destas instalacións”: desacertadas porque se apartan da realidade que nos mostran as xa existentes, desacertadas porque demostran moi pouca sensibilidade ambiental e desacertadas porque se aliñan contra a maioría social afectada e a favor dun poderoso sector privado que, ademais, vai recibir cuantiosos fondos públicos.

A Consellería de Pesca está a revisar as alegacións presentadas ao Plan Acuícola. Está a tempo de rectificar unha actuación que é, no que a Ribeira se refire, claramente continuista coa política do goberno anterior. Está a tempo de demostrar que hai un goberno progresista que promove políticas medioambientalmente sostibles, que defende o patrimonio común e que escoita á xente. Outra cousa non se entendería.

Xosé Luís Groveiro
Concelleiro do BNG de Ribeira

Un comentario en «Plan Galego de Acuícultura. Máis Prestige?»

  1. É difícil entender que nun entorno virxe e protexido coma o que temos a carón se pretendan instalar tanta piscifactoría. Parece como se a Conselleira de Pesca e o mesmísimo Presidente da Xunta perderan o norte.

    Coido que aínda non se decataron de que votamos, maioritariamente, un cambio de políticas, non un cambio de persoas para que fagan o mesmo que ían a facer outras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.