Plan de mantemento para parques infantís e áreas de lecer, 1ª proposta do BNG

O BNG comprometeuse a levar adiante as demandas da veciñanza e por iso esta é a primeira, manter correctamente os equipamentos públicos



Ribeira e as súas parroquias contan cun bo número de parques infantís e áreas de lecer que presentan un estado de conservación insuficiente. Desde o BNG son concientes de que a veciñanza é moi crítica coa situación na que se atopan algúns destes equipamentos que, por mor do desleixo do goberno local o seu estado de conservación é malo, polo que a primeira medida que os nacionalistas presentarán vai no camiño de solucionar este problema.


Segundo o voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, “os parques e áreas de lecer deterióranse máis co paso dos anos sen que o PP adoptase as medidas oportunas para corrixir as deficiencias que calquera persoa atopar en elementos de xogo infantís tales como: elementos rotos, limo acumulado polo paso do tempo, suciedade, ferruxe, valos de madeira sen pintar nin vernizar, zonas de xogos sen acolchar e un longo etcétera”. Tamén nas áreas verdes hai unha falta de planificación na roza da vexetación, pois “é habitual atopar abundante vexetación que debería estar rozada para que a veciñanza poida desfrutar en condicións da área de lecer cando hai bo tempo” engadiu.


Segundo o nacionalista, o Concello de Ribeira é consciente destas eivas, pois “non é a primeira vez que o Bloque trae ao Pleno as deficiencias en zonas infantís e áreas de lecer”, senón que tamén o teñen feito veciños e veciñas a título individual e mesmo clubs deportivos, ou as asociacións veciñais como a Asociación de Veciños de Carreira, a Asociación Social e Cultural de Bandaorrío ou a Asociación de Veciños de Oleiros, entre outros colectivos.


Cobas argumentou a necesidade da proposta explicando que “cando o BNG se presentou ás eleccións, comprometémonos coa veciñanza a desenvolvermos un plan de conservación de parques, xardíns e instalacións deportivas do municipio. Os nacionalistas escolleron Bandaorrío, para presentar a proposta explicando que esta zona da cidade precisa unha atención especial debido ao seu deterioro e abandono. Neste sentido, anuncian que en breve manterán contactos coa asociación veciñal para levar máis medidas adiante que permitan revitalizar Bandaorrío.


Xogos inclusivos e maior seguridade


Desde o BNG consideran que este mantemento periódico debería realizalo a brigada de obras e servizos que o PP ocupa en facer letreiros ilegais deixando de lado cuestión máis importantes como é manter en bo estado o mobiliario urbano – papeleiras, bancos, mesas, varandas, etc – como a seguranza das crianzas e da veciñanza dos elementos de xogos. Alén do anterior, o BNG proporá que nos parques haxa indicacións de uso e variedade de xogos para as diferentes idades, así como zonas específicas por idades e actividades.


Desde o Bloque esixirán que o concello elabore un plan de mantemento periódico de parques infantís e áreas verdes nun prazo inferior a tres meses. Ademais, dito plan, deberá conter un calendario de accións de mantemento anual e proposta detallada de como se levará adiante.


Por outra banda instan a que o Concello conte con parques inclusivos e adaptados para crianzas con mobilidade reducida pois defenden que estas crianzas “teñen tamén dereito a xogar en igualdade”. Por último propoñen adoptar as medidas para mellorar a seguridade dos parques que están a carón das estradas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.