A importancia da AP-9 para comunicar e vertebrar o territorio galego está fóra de toda cuestión. Esta autoestrada percorre de norte a sur a comunidade, de Ferrol a Tui e, ao longo dos seus 214,7 quilómetros de lonxitude transcorre por un total de 38 municipios, conectando cinco das sete principais cidades galegas. Esta é unha infraestrutura que dende a súa inauguración se volveu imprescindible para todos os galegos e galegas.
Os Concellos asinantes do presente documento propoñemos unha abordaxe municipalista e apartidista da liberalización da AP-9. Esta proposta nace dunha vontade de cambiar o enfoque actual e trasladar o debate aos Concellos, as administracións máis próximas á veciñanza, que non entenden de competencias nin de disputas entre institucións. Os Concellos estamos para solucionar os problemas e facilitar a vida da xente e, mediante o presente documento, respondemos ás demandas dos nosos veciños e veciñas.
Coa sinatura deste manifesto escenificamos unha fronte común para reclamar de novo o que consideramos xusto, que se desbloquee a situación actual da AP-9. Esta unión nace co firme convencemento de que é posible trazar un plan de liberalización calendarizado no tempo, que priorice os tramos que, despois dunha análise pormenorizada por parte da administración competente, se consideren de maior importancia para o interese xeral. Todo isto cun obxectivo final claro: a liberalización total da AP-9.
Este é un documento vivo e aberto, susceptible de cambios e que permite a adhesión de todos aqueles Concellos que compartan esta nova abordaxe para a liberalización da autoestrada AP-9.
O tramo Santiago-Padrón / Padrón-Santiago
A liberalización do tramo Padrón-Santiago é fundamental para a conversión dos espazos urbanos das cidades e das vilas. Esto facilita desenvolver obras de humanización e a creación de espazos públicos de calidade, zonas verdes e áreas de recreo para os cidadáns. A retirada do tráfico innecesario das zonas centrais mellora a seguridade viaria e a calidade do aire, facendo das nosas cidades lugares máis habitables e saudables. A humanización do Milladoiro é un claro exemplo de como se poden reconfigurar os espazos urbanos para a mellora da calidade de vida das persoas.
Por outra banda o eixo industrial da comarca da Barbanza articúlase na actualidade a través da AG-11, a denominada autovía do Barbanza, unha autovía autonómica de aproximadamente 40 quilómetros de lonxitude que une os municipios de Ribeira e Padrón pasando pola Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Dodro. A liberalización do tramo Padrón-Santiago permitiría darlle unha continuidade a esta infraestrutura estratéxica e vincularía ese eixo industrial citado co Eixo Atlántico, mellorando a competitividade das empresas situadas no territorio afectadas, como a pertencentes ao sector mar-industria, as cales teñen na actualidade un volume de negocio de máis de 2.500 millóns de facturación.
Proposta
A) Constitución dunha mesa de diálogo entre Ministerio de Transportes e os Concellos afectados directamente polas tarifas da AP-9 que teña como obxectivo final a gratuidade da mesma.
B) Que o Ministerio realice un estudo e determine un calendario para unha liberalización en fases da AP-9.
C) Que se teñan en conta as razóns anteriormente expostas e se analice a posibilidade de ampliar a zona libre de peaxes da área de Santiago ata Padrón, facilitando o enlace gratuíto da AP-9 e a AG-11.
Manifesto asinado polos alcaldes de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira.