O traballo do BNG e dos colectivos sociais fan cambiar as políticas do goberno ribeirense. Agora a xente será o primeiro

Ordenanza de Inclusión Social


Este texto intentará paliar os efectos da crise do sistema capitalista e consecuencia das políticas neoliberais amplificadas pola austeridade dos gobernos do PP na Xunta de Galiza e no Estado español. Os recortes de Feijóo e Rajoy son a orixe dos problemas.


O BNG denunciou como PP e PSOE se puxeron de acordo para reformar a Constitución española no seu artigo 135 para impoñer o pago da débeda antes que as necesidades das persoas. Tamén se criticou o aumento de desempregadas/os de longa duración, precariedade laboral e salarial por mor da reforma laboral ou a redución de prestacións fan que milleiros de persoas se atopen nunha mala situación social e económica.Concelleiros do grupo municipal do BNG. Pleno Municipal Ribeira.


O BNG sempre loitou e traballou polos dereitos e pola xustiza social, porque non acreditamos na beneficencia e na caridade como solucións, aínda que si na solidariedade por iso apostamos pola coordinación do Concello de Ribeira coas diversas ONG’s e colectivos (Cruz Vermella, Stop-Desafiuzamentos, Cáritas, etc).


A ordenanza recolle importantes melloras e todas as emendas feitas polo BNG como a tarxeta moedeiro no canto de bonos, axudas para necesidade básicas de emerxencia social, renda social municipal, ou solucións habitacionais de emerxencia entre outras.


O BNG estará vixiante a que se dote con suficiente orzamento a súa aplicación porque para nós ningunha obra é máis importante que a xente, polo que o BNG non apoiará ningunha gran obra se as necesidades da veciñanza de Ribeira non están cubertas.
Esta ordenanza foi elaborada entre todos os partidos, persoal técnico de servizos sociais e colectivos sociais aos que lle damos os nosos parabéns polo bo traballo de colaboración e redacción da ordenanza.
Aprobado por unanimidade.


Ordenanza Apoio Inclusión Social: Documento Completo


Regulamento de Participación Veciñal


A Corporación Municipal aprobou por unanimidade o Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ribeira. Este tema foi proposto no 2013 polo BNG sendo rexeitado polo PP, supoñemos que este cambio de postura se debe ao feito de non ter maioría absoluta. A participación da veciñanza na vida política foi un dos puntos fortes da campaña e do programa do BNG nas eleccións que agora se ve realizado. Malia ser un bo regulamento, o BNG conseguiu melloras importantes aprobando todas as súas emendas, como rebaixar do 15% ao 10% do censo o número necesario de sinaturas para presentar iniciativas veciñais e a blindaxe dos dereitos das asociacións e colectivos ribeirenses.
Aprobado por unanimidade.


Emendas do BNG aprobadas: Emendas ao proxecto de Regulamento de Participación Veciñal
Regulamento de participación veciñal: Documento completo


Ordenanza Fiscal para 2016


Imposto Vehículos Tracción Mecánica rebaixa dun 1%, Imposto Construcións e Obras rebaixa dun 3,85% quedará no 2,5%, Imposto Bens e Inmóbeis 0,4% do total (conxelado), Imposto Actividades Econóicas ficará conxelado.


O BNG é moi crítico co PP xa que o goberno vende como logro estas rebaixas cando no mandato anterior subiu preto dun 9% todas as taxas e impostos, coincidindo co peor momento da crise económica. Malia todo, o BNG estivo a favor destas rebaixas porque suporán unha pequena axuda ás economías da veciñanza ribeirense.


Haberá unha rebaixa do 50% na recollida de lixo e auga ás persoas que perciban a RISGA (paga duns 370€). Esta medida é ben acollida mais que chega tarde pois debería estar aplicándose desde hai anos.


No tema do mercado municipal, o estudo económico di que vai ter un custe de 39.705€ e unha recadación de 37.253€ polo que existirá un déficit de partida 2.452€.
O BNG propuxo que se dean facilidades para o pago podendo fraccionar o pago dos 100€/mes dos postos abertos e 120€/mes dos pechados, así mesmo puxemos especial énfase en que este novo proxecto de Mercado Municipal debe contar coa participación das praceiras e praceiros, para que sexa un mercado funcional e referente na bisbarra.
Votos a favor do BNG, PP, C’s e IPR. Abstención de PSOE


Moción en apoio aos mariñeiros galegos que traballaron en Noruega


Aqueles homes emigrados na década dos 50 do século pasado, curtidos dende nenos nos nosos mares, aprendidos por avós e pais, construíron a ben merecida fama que os mariñeiros galegos acadaron ao longo do tempo nas compañías marítimas de toda Europa, de xeito que a condición de galego era o mellor curriculum vitae que calquera podía presentar para “ter” praza nun daqueles barcos, que ofrecían mellores condicións de traballo.


Noruega non recoñece aos mariños galegos nin os anos que navegaron baixo a súa bandeira, o que impide que sexan computados en calquera cálculo a efectos de xubilación, nin os dereitos de pensión derivados dos impostos tributados ao longo daqueles anos, ata 1994.


O traballo da organización Longhope non é en solitario pois en marzo pasado o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a proposta do Bloque Nacionalista Galego, instando ao Goberno a interpoñer demanda contra Noruega por discriminar aos mariñeiros galegos no recoñecemento dos seus dereitos, ao non haber “xustificación obxectiva e razoábel” para a vulneración da prohibición de discriminación por nacionalidade na que incorreu Noruega.
Pouco antes, en febreiro, as deputadas do BNG no Congreso presentaran unha proposición non de lei. Esta proposición do BNG foi aprobada por unanimidade.


Moción Completa: Proposición en defensa das reclamacións dos mariñeiros galegos agrupados na asociacion Longhope.

Solicitudes do BNG


  • Esiximos explicacións pola devastación de árbores

Arrasar o noso patrimonio natural é algo que se vén producindo ultimamente nas obras nas obras que realiza ou manda realizar o Concello de Ribeira, mostrando unha total desconsideración pola riqueza natural que posuímos e non poñendo en marcha mecanismos que preserven as poucas zonas verdes urbanas coas que conta o municipio. Salgueiro Chorón cortado nas obras do río Ameneiro. BNG Ribera 


No comezo das Casas Baratas cara a zona do río Ameneiro, houbo a corta dun salgueiro chorón que tiña unha considerábel envergadura e tamaño. Esta árbore non causaba molestia ningunha para a realización do paseo e amaño do lavadoiro do río Ameneiro, malia isto, cortouse sen miramentos. Este feito incomodou á veciñanza da zona que se puxo en contacto co BNG para saber os motivos que levaron a cortar este lonxevo salgueiro chorón.
Aparcamento de Abesadas sen árbores. BNG Ribeira


Outro dos casos rechamantes tamén foi a corta brutal de todas as árbores autóctonas que había na zona do aparcadoiro das Avesadas, que no canto de se facer unha planificación da zona de estacionamento intentando integrar a maior parte das árbores, decidiuse eliminar a súa totalidade.
Finalmente tamén temos coñecemento de que había unhas árbores na praia de Río Azor que se cortaron hai uns meses, coas seguintes protestas dos veciños e veciñas de Palmeira.


Solicitude Completa: Preguntamos pola devastación ambiental na obras municipais. 2015.

  • Pedimos que se acondicionen os baños de AGADEA

O Concello de Ribeira cedeu o local da Aula Multimedia, no baixo da Cofraría de Ribeira, a asociación AGADEA (Asociación Galega de Axuda dos Enfermos de Alzehimer) que dá asistencia psicolóxica e moral ós familiares dos enfermos de Alzheimer e outras demencias similares, así como asesoralos nas materias legais, sociolóxicas e económicas.


Centro de Día precisaba, ante a crecente demanda, ampliar a oferta para os veciños e veciñas que están á espera de seren atendidos. Pasado o tempo comprobamos que non foi posíbel atender esta demanda porque os baños non están adaptados as súas necesidades. Cremos que é completamente intolerábel que o local que emprega a asociación careza duns baños adaptados ás necesidades dos usuarios/as. Comprobamos lamentabelmente, unha vez máis, como o goberno do Partido Popular é incapaz de satisfacer unha demanda moi necesaria para que este colectivo poida traballar e atender ás persoas usuarias con toda a comodidade e garantías.


Solicitude completa: Acondicionar local AGADEA. 2015


Outros temas tratados


- Ordenanza Regulamento do Viveiro de Empresas. Aprobado por unanimidade.


- Regulamento do Arquivo Municipal do Concello de Ribeira. Aprobado por unanimidade


- Centro usos múltiples de Palmeira (Hesta Curva). Só facultar ao goberno local a buscar financiamento para facer proxectos alí. Votos a favor do BNG, PP, IPR, e contra de PSOE e C’s


- Recuperación de oficio dun terreo de Aguiño. Un particular di ser propietario dun terreo que os documentos demostran que son municipais. Votos a favor de BNG, PP, IPR e abstención de C’s e PSOE


- Investigación de oficio duns terreos de Corrubedo. Comprobación da titularidade do terreo no que está campo de fútbol de Teira que reclama unha empresa. Aprobado por unanimiadade


- Actuacións de accesibilidade no cemiterio de Ribeira. Aprobado por unanimidade


- Medidas para potenciarmos o turismo do municipio. Aprobado por unanimidade


- Bonificación do ICIO á Xunta de Galiza para a rehabilitación da aldea de Sálvora. Aprobado por unanimidade


- O pleno rematou no punto 17 da orde do día dos 23 totais que había para debater.

2 comentarios en «O traballo do BNG e dos colectivos sociais fan cambiar as políticas do goberno ribeirense. Agora a xente será o primeiro»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.