O PP retrasa deliberadamente a apertura do centro de alzheimer de Ribeira

Ribeira conta dende hai máis de dous anos con un centro de alzheimer practicamente rematado, para 40 prazas. Tan só falta dotalo dun ascensor. Ía a ser o primeiro destas características que se puxera en marcha no país. Está situado no entrechán da R/ do Malecón núm. 24, (onde estaba antigamente o centro de saúde). Este local foi cedido por un período de 5 anos renovables pola entidade Caixa Galicia.

A dotación de accesibilidade, de entrada, parecía unha solución relativamente fácil. Sen embargo, converteuse nunha verdadeira carreira de obstáculos até hoxe. Durante todo este tempo, e pese ao empeño de Vicepresidencia para poñer este centro ao servizo de toda a cidadanía que o necesita, o goberno do PP de Ribeira estivo torpedeando a apertura do mesmo, ben por acción ou por omisión.

Dotación dun ascensor
Despois de analizar diversas posibilidades, a solución adoptada por Vicepresidencia para facer accesíbel o local, foi a colocación dun ascensor nun oco ao lado da porta lateral no que aínda a día de hoxe hai un transformador de Fenosa. Isto implicaba o traslado do mesmo a outro lugar e supoñía desviar unhas canalizacións de augas. Facíase, polo tanto, necesaria unha colaboración a catro bandas: Vicepresidencia, Concello de Ribeira, Fenosa e Caixa Galicia.

Pero a colaboración que inicialmente ofreceu o goberno do PP resultou ser, na práctica, un canto de serea. O compromiso brillou pola súa ausencia. Non fixo unha soa xestión para que o centro de alzheimer abrira as súas portas, máis ben todo o contrario. Pese a que se comprometeu a axilizar os trámites para a concesión dos permiso e licenzas necesarios, tan só o fixo de cara á galería. Na práctica, non lle importou que este fora un servizo socialmente moi demandado. Tan só puxo atrancos unha e outra vez.

Retraso na concesión da licenza e outros atrancos
Para calquera goberno responsábel, esta actuación tiña que ter prioridade máxima e, polo tanto, a concesión da licenza debería ser inmediata. Pero o Goberno do PP demostrou que non lle importan nin as persoas enfermas nin as súas familias. Doutro xeito, o goberno local debería ser o primeiro interesado en que a cidadanía do noso Concello dispuxera dun servizo tan importante como é este.

O importe da obra de traslado do transformador na vía pública foi valorada polo Concello en 18.663,04 euros, que se comprometeu a pagar Vicepresidencia. Pero aínda así o goberno do PP esixiulle a Fenosa unha fianza polo importe da obra, que esta se negou a abonar. Isto supuxo un novo retraso, sendo precisa a mediación de Vicepresidencia para solucionar este conflito e que o goberno lle “perdoara” a fianza.

Para rematar, chama a atención que despois de contar con todos os permisos en decembro de 2008 as obras, que as realiza Aquagest, non se iniciaran até o 16 de febreiro, cinco meses despois do compromiso de pago de Vicepresidencia.

Máis información:
2009-02-19-centro-de-alzheirmer-de-ribeira.pdf

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.