O PP deixa en situación de desamparo aos afectados polo POL

O PP de Ribeira negouse a presentar recurso ante o Contencioso para defender os intereses dos veciños e veciñas afectadas polo Plan de Ordenación do Litoral, que o tiveron que facer a título persoal

O goberno de Ribeira, antepondo intereses partidarios, non se puxo a carón da veciñanza, como ten feito noutras ocasións. Caso, por exemplo, do recurso contencioso interposto contra a piscifactoría que o goberno Fraga quería facer a carón do Faro de Corrubedo ou contra a Lei de Costas. Mesmo como fixo o PP noutros concellos como é o caso da Illa da Arousa.

No Pleno Extraordinario celebrado onte no Concello de Ribeira, o PP votou en contra de presentar recurso ante o Contencioso ao POL, como reclamaba o BNG. A pesar de que foron rexeitadas a meirande parte das alegacións presentados polo Concello ao POL, aprobado definitivamente o pasado 23 de febreiro, o goberno do PP deixa en situación de desamparo aos veciños e veciñas afectados.

As alegacións do Concello non recolleron, pese á insistencia do BNG, ningunha alegación relativa ao Parque Natural. Con todo, tanto o Grupo Municipal do BNG como moitas persoas a título persoal presentaron alegacións. Isto significou que se recolleran pequenas melloras no documento definitivo, aínda que claramente insuficientes para o desenvolvemento sustentábel dos núcleos que están a carón do Parque. Non esquezamos que se o Parque é o que é hoxe, débese á xente que vive alí: non se pode botar fora!

Alegacións máis importantes rexeitadas:

Superficie incluída no POL.

Solicitamos que se reducira por considerar que tiña carácter expansivo. Mantense tal cal. Lembremos que afecta a 52 km2 dos 69 km2 que ten o concello, o que supón máis do 75% do termo municipal, afectando a chans situados a unha distancia da costa de até 3.000 m, superando con moito o límite de 500 m.

Ámbitos de recualificación
Hai que destacar que aínda que o POL non é de aplicación no chan de núcleo rural, aqueles núcleos que estean incluídos en Áreas de Recualificación, no momento da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deberán adaptarse. Veranse afectados por esta medida: os núcleos de Olveira, Reiriz, Bretal e Sirves e os de Areeiros e a Revolta, así como os comprendidos entre a Ameixida e Touro.

Corredores
Non se modificou o corredor do rego das Saíñas que afecta a un chan rústico apto para urbanizar existente en Coroso e a varias vivendas preto do acceso á vía rápida. Tamén están afectadas varias vivendas do núcleo de San Pedro de Palmeira. Isto supón ademais dun prexuízo grave para esas propiedades, un agravio comparativo.

Eliminación dos Espazos de Interese dos núcleos urbanos
Séguense mantendo en parte dos núcleos de Corrubedo e Aguiño. As alegacións presentadas (máis dun milleiro polos veciños e veciñas), permitiron acadar algunhas melloras. Con todo, tanto os novos desenvolvementos urbanísticos como a ampliación dos núcleos van a estar moi condicionados: o POL di que non clasifica o solo, pero condiciónao claramente.

Mellora Ambiental e Paisaxística
O POL mete nesta área todo o noso borde litoral, dificultando a ampliación dos núcleos. Ademais, nela permítense só de xeito excepcional os desenvolvementos urbanísticos. Estarían nesta área boa parte de Aguiño e Carreira, Corrubedo, Castiñeiras e parte de Palmeira, Olveira e Dean. Resaltar a situación que se produce no casco urbano de Ribeira, concretamente, na Avda. da Coruña. Toda a marxe dereita desta avenida dende Padín até a rotonda que enlaza co Paseo das Carolinas está en Ordenación (área na que se permiten os desenvolvementos urbanísticos). Lóxico, por outra parte xa que nos atopamos en pleno casco urbano de Ribeira. O que nos resulta chamativo é que a marxe esquerda desta avenida, máis lonxe do borde litoral e con edificacións máis antigas fora incluída en área de Mellora Ambiental e Paisaxística. Consideramos que isto representa un agravio comparativo claro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.