O PP de Ribeira discrimina ás televisións de ámbito comarcal

O BNG de Ribeira denuncia que o goberno do PP de Ribeira contrata “a dedo”, por preto de 70.000€, a instalación dun reemisor de TDT no monte de San Alberte, “esquecendo” ás canles de ámbito Local e Comarcal.

Nunha resolución de xullo de 2006, o Goberno da Xunta autorizaba as canles de emisión de TDT no ámbito territorial de Galiza. Ademais das autorizacións para todo o territorio galego, déronse outras de “ámbito local/comarcal” nas que se incluían Telesalnés-Canal Rias Baixas (para Barbanza, Arousa e Muros Noia), Correo TV (Santiago e Barbanza), que xa están emitindo e outra (para o mesmo ámbito) que aínda non opera. Estas tres operadoras teñen licenza para emitir pola canle 27.

Recentemente o Goberno Municipal de Ribeira instala no monte San Alberte un reemisor orientado a zonas do concello que reciben moi deficiente o sinal de TDT. A sorpresa é que esta instalación non contempla, precisamente, as canles autorizadas para emitir no ámbito do noso concello.

Que interese ten o Goberno do PP de Ribeira por discriminar a Telesalnés e Correo TV? Estas dúas canles, pese a ter licencia autonómica para emitir, pola canle 27, no ámbito do concello de Ribeira, non poderán ser sintonizadas por miles de cidadáns e cidadás ao non estar incluídas no repetidor instalado polo Goberno municipal. Practicamente todas as demais cadeas de TV, tanto públicas como privadas, si poderán ser sintonizadas (iso si, cando o repetidor funcione correctamente, cousa que aínda non fai).

Desde o BNG criticamos o feito de que o Goberno do Partido Popular gastase dos cartos de todos e todas case 70.000€ nunha instalación para a que existen axudas públicas, que nin solicitou, (como reiteradamente demandou o BNG) desde hai máis de cinco anos. Tamén rexeitamos que se encargase esa instalación a unha empresa contratada “a dedo” (con informe contrario de Intervención) e, ademais, con decidida intención de “esquecer” ás canles de ámbito Local e Comarcal. De insulto á intelixencia e auténtica burla á cidadanía temos que cualificar as palabras da voceira do PP de que “...en Ribeira aínda non emite ningunha TV local” cando é de público coñecemento que o concello de Ribeira quedou no ámbito de cobertura das cadeas antes mencionadas e estas xa están emitindo en dixital xa hai meses.

O Goberno Municipal do PP deberá explicar cales son as verdadeiras razóns de este proceder discriminatorio que deixa a miles de cidadáns e cidadás de Ribeira sen poder sintonizar canles de TDT que prestan o seu servizo público informativo, cultural e de lecer no concello de Ribeira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.