O PP, cada vez máis só, trata de aprobar os Orzamentos sen diálogo ningún

Os Orzamentos de 2023 foron debatidos no pleno extraordinario urxente celebrado o 18 de abril de 2023. A continuación reproducimos a intervención do BNG feita polo portavoz Luís Pérez Barral.

Boa tarde concelleiras, concelleiros, veciñanza: benvidos á campaña electoral que acaba de dar por inaugurada o señor Ruiz Rivas co seu discurso grandilocuente.

Esta é a terceira vez en 4 meses que o goberno local trae as contas a Pleno e será, previsibelmente, a terceira vez que saian rexeitadas. Isto demostra que vostede, señor Ruiz, é como eses estudantes que tratan de aprobar a materia repasando a lección xusto antes de entrar ao exame.

O certo é que estas contas distan moito de ser as que precisa a veciñanza de Ribeira para saír desta grave crise económica e afrontar os retos de futuro. Xa que logo, son as contas da soberbia que só serven para levarnos ao pasado.

Estes Orzamentos evidencian que estamos ante un goberno solitario que trata de impoñer o seu criterio como o único válido, un goberno esgotado carente de proxecto e ante un goberno empeñado en seguir dilapidando cartos en grandes obras que acaban multiplicando o seu prezo no canto de atender as demandas veciñais.

Hoxe vense dous modelos claramente diferenciados, o do Partido Popular que tira para diante sen contar con ninguén e o modelo do BNG que suscita acordos e lle tende a man aos grupos da Corporación Municipal, ás entidades e aos colectivos do municipio para construír unhas contas en positivo.

 

Falta de diálogo

 Estou certamente preocupado pola situación que hoxe vive Ribeira, dígoo con total sinceridade. A día de hoxe, o Concello de Ribeira ten á fronte un goberno incapaz de dialogar e de chegar a acordos que permitan aprobar os proxectos positivos para o municipio.

Dicimos que estes Orzamentos non contaron coa debida participación porque non só manteñen a negativa a negociar cos grupos da Corporación, senón que impiden calquera tipo de participación suficiente para que entidades sociais, culturais, deportivas e económicas do concello poidan facer as súas achegas e construír uns Orzamentos que representen á maioría social.

Rexeitan negociar a pesar de gobernar en minoría e a pesar da man tendida que lle brindamos desde o BNG para sacar temas prioritarios adiante. A irresponsabilidade coa que gobernan, está provocando que Ribeira careza de Orzamentos en tempo e forma e, por riba, están tratando de enganar dicíndolle á xente que a oposición é a culpábel de todo; mais eu quero preguntarlle, acaso estamos todos equivocados? Partidos de ideoloxías e pensamos tan distintos como BNG, PSOE, SR e PBBI estamos todos equivocados?

O Partido Popular trata aprobar estes Orzamentos xusto antes da eleccións porque sabe que vai ter un mal resultado electoral. Pretende hipotecar o futuro goberno de Ribeira deixando as contas feitas á súa medida. Non trate de enganarnos dicindo que quere deixarlle os deberes feitos ao seguinte goberno, cando o seu goberno é incapaz de resolver os problemas que  ten e que moitas veces xera polas súas decisións unilaterais.

Fronte as súas veleidades, o BNG actuou sempre con responsabilidade. Por iso o chamei cando decaeron os Orzamentos do ano 2022 que presentaron practicamente concluído ese ano. Nesa chamada ofrecinlle a posibilidade de aprobar cuestións tan básicas como a mellora do Servizo de Axuda no Fogar, sacar adiante as subvencións e partidas orzamentarias para as entidades deportivas, culturais e sociais ou a Relación de Postos de Traballo cos que garantir a súa aplicación para o persoal público. É curioso que nos digan que van ter que despedir á profesora da Escola Municipal de Música ou que non haberá cartos para contratar algún persoal do GAEM cando vostede sabe que se quere, hai mecanismos para poder contratalos. Iso si, as dedicacións políticas que cobran os concelleiros e concelleiras do PP e vostede como alcalde, esas non perigan. Curioso.

E que fixo vostede ante ese ofrecemento? Negouse a falar, comezando así a súa particular campaña electoral contra os partidos da oposición. Decidiu secuestrar o Concello de Ribeira e os seus recursos para satisfacer os intereses partidistas do PP, culpando á oposición dun suposto bloqueo por falta de Orzamentos que non é tal. Señor Ruiz, sempre digo que os feitos falan máis que as palabras e con estes feitos demostra vostede que non está á altura da responsabilidade que ocupa.

Eu quero repertirllo unha vez máis para que non haxa dúbida. O BNG está disposto a dialogar e a sacar proxectos fundamentais adiante, por iso presentamos emenda á totalidade a estes Orzamentos. Nesta emenda detallamos propostas en cuestións vitais como as xa enumeradas antes do Servizo de Axuda no Fogar ou das entidades, culturais deportivas e sociais pero tamén abordamos outras como a necesaria redución do tarifazo do saneamento, a mellora do tráfico e do transporte público, reversión das privatizacións realizadas nos últimos anos, o reforzo do persoal e dos servizos públicos, o aumento de zonas verdes, garantir o mantemento de infraestruturas ou fomentar a cultura e o deporte, así como a redución de gastos innecesarios, por poñer algúns exemplos.

Velaquí teñen a man tendida do BNG, con propostas para beneficio da veciñanza de Ribeira, déixense de tácticas partidistas e póñanse á altura do que merece a sociedade ribeirense.

 

Orzamentos que malgastan os cartos públicos

 No capítulo de investimentos volvemos ver como pretenden gastar cartos en cuestións superfluas como crear o cuarto museo do mar na Barbanza (xa o ten Rianxo, Porto do Son e Noia). Eu xa llo dicía en decembro: acaso cren que, neste intre, a prioridade da sociedade ribeirense é crear o 4º museo do mar da comarca? Xa sabemos que comezará por medio millón de euros pero rematará en dous ou tres millóns de euros como acontece con case calquera obra pública que vostedes desenvolven. Pero sabe o peor de todo? Que mentres vostedes están malgastando os cartos desa maneira, deixan de atender o prioritario porque aínda hoxe hai no municipio vivendas que carecen de auga da traída ou do necesario saneamento. Fíxese, hai máis ou menos dúas semanas falaba cunha veciña que me dicía: “Luís non sabes os traballos que pasamos por culpa de non ter saneamento e non será polas veces que o temos pedido”. Esa é a realidade do noso concello señor Ruiz, esa que vostede se nega a ver.

A obsesión por facer máis e máis obras novas fan que estes orzamentos apenas teñan cartos para as prioridades como o mantemento. Destinan 25.000 euros para todo o mobiliario urbano de Ribeira, para que pode chegar iso? Precisamos un mellor mantemento de parques, xardíns, beirarrúas, paseos marítimos ou mobiliario público. Cando se van decatar de que non podemos seguir gastando en máis e máis cemento, en máis e máis edificios se antes non mantemos o que xa está feito?

Empéñanse en facer obras megalómanas que disparan o seu prezo, como o novo auditorio que segue engulindo cartos públicos de todas as administracións. Xa estamos nos 5 millóns de euros, duplicando aquela previsión inicial que vostede anunciara.

O dispendio de cartos públicos non só se ve no auditorio, senón que tamén se ve noutros proxectos como o de gastar 200.000 euros en realizar unha páxina web supostamente “intelixente” tras investir en 2013 102.000 euros noutra web que deixaron quedar obsoleta. É dicir, gastan fondos públicos en cuestións idénticas pola súa incompetencia á hora de xestionar.

 

Orzamentos que non responden ás demandas sociais

 Se falamos do tráfico, a súa política nesta materia é reducir carrís, eliminar aparcadoiros e non dar alternativa a pesar de haber 12.000 vehículos no municipio. O resultado é patente: atascos nas entradas e saídas do colexios, atascos no verán e atascos cando hai eventos e festexos… por non falar dos innumeráibeis problemas co transporte público que se negan a resolver.

Tanto se esforzou o Partido Popular en mirar para outro lado cando se producían os graves incumprimentos e tanto se esforzou en defender á empresa Monbus que a Xustiza xa abriu dilixencias por prevaricación contra o seu amigo Ignacio Maestro, director xeral de Mobilidade. Ese ao que vostede chamou en varias ocasións para tratar de dicir que facía algo para resolver os problemas pero o único que conseguiu foi estar investigado por desleixo e prevaricación.

Se queremos garantir unha mobilidade sustentábel e vertebrar o territorio é hora de abrir un expediente sancionador contra a empresa e aprobar un Plan de transporte público que fomente o seu uso a prezos asequíbeis e que inclúa o transbordo que evite o pagamento de dous billetes para a xente que vai dunha parroquia a outra.

Con respecto á circunvalación, estas contas non contemplan o compromiso orzamentario para cumprir cos acordos plenarios de estudar o trazado alternativo proposto polo BNG. Non teña dúbida de que non imos parar até demostrar que o proxecto que defendemos ten menor impacto social, ambiental e económico.

Non quixera tampouco esquecerme das zonas verdes, esas que en Ribeira están en perigo pola súa política expansiva do cemento, das palmeiras e da herba de plástico. Prevén destinar unha partida de case 600.000 euros para seguir sepultando a Ribeira baixo toneladas de formigón mentres que para coidar parques e xardíns só destinarían uns ridículos 40.000 euros.

Permítame que llo diga señor Ruiz pero vostede facendo cousas como as feitas nas Carolinas (cemento, palmeiras e herba de plástico) está no albo de tódalas risas na Barbanza. Unha auténtica vergoña que dilapide 485.000€ facer o que fixo. Fronte ese modelo, o noso vese na plantación de árbores e na creación de espazos verdes para uso e desfrute da veciñanza como se aprecia nos concellos gobernados polo BNG.

 

Consolida a insolidaria subida de impostos á cidadanía de Ribeira

 A pesar da delicada situación económica de moitas familias e negocios, están facendo caixa mediante unhas taxas e impostos escandalosos que lles aplican á veciñanza e ás empresas.

Prevén recadar 4.700.000 euros en conceptos de auga, saneamento, lixo e sumidoiros cifra que se incrementa con respecto ao ano 2021. Son 4.700.000 euros que saen dos petos dos veciños e veciñas porén, vostedes só ingresan 286.000 euros por todo o terreo e espazo que usan as compañías eléctricas e telefónicas. Desde o BNG esiximos que se contemplen partidas para que a veciñanza volva pagar un prezo razoábel polas prestación dos servizos públicos básicos como son a auga e o saneamento.

Non me cansarei de repetilo, a veciñanza non debe pagar as malas decisións adoptadas polo Partido Popular á hora de establecer este caro e ineficiente modelo de saneamento elixido de maneira unilateral por vostedes. Ese modelo ao que sempre nos opuxemos desde BNG, polo alto custo que tiña para a veciñanza e a pesar de que llo advertimos, vostedes seguiron adiante provocando un tarifazo nos recibos dos veciños e veciñas.

 

Remate

 Estamos ante os orzamentos da soberbia e do dispendio de cartos públicos, que non responden ás demandas sociais e, por riba, consolidan tarifazos e   impostos abusivos nun momento de crise económica no que se necesita axudar ás familias e ás empresas.

Hoxe e sempre dicímoslle si aos nosos veciños e veciñas por iso traemos unha proposta que melloraría o documento orzamentario e centraría os recursos no realmente importante.

Dicímoslle si a toda esa veciñanza que está orgullosa do noso concello e busca mellorar as cousas por iso daremos o mellor de nós mesmos para suscitar acordos amplos e positivos que permitan construír esa Ribeira en grande que queremos.

Moitas grazas.

EMENDA Á TOTALIDADE PRESENTADA POLO BNG:

O proxecto de Orzamentos 2023 para Ribeira debería conter, ademais, cando menos as seguintes propostas que facemos desde o BNG:

Servizos públicos básicos

  • Habilitar partida orzamentaria para reducir a taxa de auga e saneamento para establecer un prezo en liña co que se viña pagando antes do tarifazo aplicado polo Partido Popular.

  • Designar unha persoa responsábel encargada para reforzar os mantementos e garantir o bo estado das infraestruturas.

  • Designar unha partida orzamentaria por cada parroquia cuxo destino sexa decidido por participación veciñal.

Reforzo do persoal público

  • Contratación de 9 policías locais cos que achegarse á proporción que marca a lexislación.

  • Aumento da dotación orzamentaria para crear catro novas prazas na brigada destinada ao mantemento de infraestruturas e equipamentos públicos.

Economía e política social

  • Aumento do convenio de colaboración coa Asociación Empresarial de Ribeira coa que facilitar o financiamento das súas actividades.

  • Incremento dun 25% a contía destinada á Festa da Dorna pasando de 40.000 ao entorno dos 50.000 euros/ano.

  • Incremento de cadanseus 1.600 euros á contía destinada ás asociacións AMBAR, AMICOS, A CREBA, FAIBEN e RENACER.

  • Creación dunha liña de subvencións para o fomento das enerxías renovábeis destinada a particulares residentes na localidade e a pequenas e medianas empresas con sede en Ribeira.

  • Habilitar nas Bases de execución do orzamento a posibilidade de solicitar o anticipo do 50% da contía das subvencións concedidas.

 Zonas verdes e parques

  • Creación dun fondo destinado á posta en marcha dun plan para reverdecer Ribeira.

  • Habilitación dunha partida orzamentaria para a realización de aseos públicos no centro urbano.

Mantemento e urbanismo

  • Incremento en 300.000 euros da partida destinada ao mantemento de parques, paseos, beirarrúas e mobiliario urbano.

  • Creación dunha partida destinada exclusivamente para a constitución da ARI e promoción da rehabilitación nas Áreas de Rehabilitación Integral.

Tráfico e aparcadoiros

  • Plan de mellora do tráfico e fomento do transporte público mediante a habilitación do transbordo.

  • Creación dunha partida duns 100.000€ para mellorar a iluminación e a seguridade nos pasos de peóns máis transitados do municipio.

  • Creación dunha partida orzamentaria para mellorar o firme, iluminación e seguridade dos aparcadoiros públicos disuasorios.

  • Habilitar partida orzamentaria para desenvolver o estudo técnico de conversión da CP-7301 nunha estrada de circunvalación.

  • Garantir a municipalización do aparcadoiro do Centenario e habilitar a partida orzamentaria para a súa posta a punto.

  • Habilitar partida orzamentaria para cofinanciar o transporte do estudantado universitario e de formación profesional que curse ensinanzas oficiais que non se impartan en Ribeira.

Cultura e deporte

  • Incremento do 33% das subvencións para asociacións culturais sen fins de lucro.

  • Incremento das subvencións a clubs e entidades deportivas para chegar á cantidade de 130.000 euros.

  Redución de gastos superfluos

  • Eliminación dos fondos consignados para a creación do Museo do Mar por non ser unha prioridade neste momento.

  • Redución dos fondos consignados a “protocolo, publicidade e propaganda de órganos de goberno”.

  • Habilitación de programas de autoconsumo enerxético cos que reducir os gastos en enerxía eléctrica.


 

Por todo o anteriormente exposto e en base a:

– Lei reguladora de facendas locais. – Real Decreto 500/1990 polo que se desenvolve o capítulo primeiro do título sexto da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, en materia de orzamentos. – Regulamento orgánico municipal do Concello de Ribeira.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Ribeira presenta esta emenda á totalidade do Orzamento 2023 e solicita a devolución do Orzamentos 2023 para que sexan elaboradas unhas novas contas consensuados polos grupos da Corporación Municipal e outras entidades do municipio e nas que se teñan en conta as propostas relacionadas neste documento.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.