O PP aproba en solitario os Orzamentos de Ribeira

A visión global deste orzamento para o exercicio 2009 resalta un proxecto político moi pouco ambicioso. Denota un goberno rutineiro, continuista, e sen vontade política para afrontar as necesidades que a cidadanía de Ribeira precisa.

A primeira vista estamos falando dun orzamento de 23.555.366,88 € fronte aos 21.458.763,45 € do ano pasado; isto representa un incremento do 9,77%, cun aumento de 2.096.603,43 €, grazas a importantes partidas procedentes da Xunta, da Deputación e do Estado.

Sen embargo, a pesar das cuantiosas partidas anticrisis procedentes doutras administracións, que permiten un investimento real de máis de 8 millóns de € (cunha aportación de fondos propios de tan só un 5%), este goberno é incapaz de abordar as importantes obras de infraestrutura que Ribeira necesita: circunvalación, mercado municipal, estación autobuses, areas aparcamento público, actuacións en núcleos urbanos como Fondevila, Abesadas, ou nas parroquias, por exemplo.

Ademais os investimentos financian obras que requiren moita maquinaria e pouca man de obra (capas asfálticas, por exemplo), co que xerarán pouco emprego. Asi mesmo, o sistema de contratación das obras é por adxudicación directa ou polo procedemento negociado. Non hai ningunha polo procedemento aberto, que permitiría a participación de todas as empresas interesadas, e romper coa contratación “dixital” (o sexa, a dedo) tan habitual neste concello.

Por outro lado, trátase dun orzamento no que as únicas políticas sociais son as subvencionadas pola Xunta. Hai que lembrar que as ordenanzas fiscais incrementáronse nun 4,5%. Iso supón que as taxas e prezos públicos dos servizos que ten que pagar a cidadanía (as facturas da auga, recollida de lixo ou saneamento, por exemplo) tiveron un incremento superior ao que medraron salarios e pensións (IPC decembro 1,4, galego 1,2). Aínda así non foron quen, nun momento crítico como o que estamos a vivir, de crear medidas compensatorias para subvencionar determinados servizos, como o transporte público a persoas desempregadas e coas pensións máis baixas, por exemplo.

Non cabe dubida que é moi importante incrementar os ingresos municipais para ofertar máis servizos á cidadanía, pero non a costa de subir os impostos como fai o goberno do PP, senón facendo que pague todo o mundo e que pague máis quen máis ten e non ao revés. Neste senso, cabe lembrar a partida histórica de Dereitos pendentes de cobro, na que é espectacular a cantidade de cartos que xa non se cobrarán pola ineficacia do goberno na xestión do diñeiro público. De feito aínda na conta do 2007 os saldos de dubidoso cobro rondan os 4,4 millóns de €.

Por último, dicir que mentres neste orzamento partidas como a de “Publicidade e Propaganda” se manteñen (90.000€) e outras como “Estudios Técnicos” se incrementan ata preto dos 750.000€, resultan ridículas as destinadas á conservación dos colexios públicos (17.500€), a mellorar as instalacións deportivas (18.500€) ou a mercar libros para a biblioteca pública (4.200€). Tamén lamentamos non se recollan compromisos plenarios como actuacións integrais en Fondevila, Cruxeiras ou o Pombal, a Praza dos Muiños, rematar o saneamento de Dean, a dotación de aparcamentos en toda a rúa Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, ou o campo de fútbol de Artes entre outros moitos que quedan no tinteiro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.