O PP aproba, co apoio de IPR e PSOE, crear un polígono industrial sen servizos nin depuración

Proxecto novo Polígono Industrial: O goberno do sr. Ruiz co apoio de PSOE e IPR pretende seguir coa política de ciscar polígonos industriais polo territorio. Propón a construción dun polígono industrial de 100.000 m², a pouco menos de 200 metros do emprazamento que propón a Xunta de Galiza de facer un polígono comarcal de 900.000 m², por que o Concello de Ribeira non quere colaborar coa Xunta e facelo alí? Os trámites para aprobar e facer o polígono que propón o PP serán un calvario que non habería que facer no lugar que propón a Xunta.


O BNG consultou cun técnico e cun arquitecto e informáronnos de que o emprazamento da Cañoteira como formula o PP terá problemas de impacto paisaxístico, xa que o espazo verde que contempla é residual. O deseño será co chamado “cu de saco” cunha única vía de entrada e saída o que obrigaría a dar a volta no fondo producindo problemas de fluidez do tráfico e maniobrabilidade. As áreas de equipamentos atópanse nas marxes cando os expertos recomendan instalalos no centro.Polígono industrial Ribeira. BNG


No aspecto económico estiman uns custes irreais de expropiación e urbanización moi baixos e, o máis seguro é que se teña que facer unha rectificación á alza.


O aspecto ambiental é o problema máis grande que presenta, nada se fala de como se van depurar os residuos das industrias que alí habería (a meirade parte de transformado de peixe) e tampouco se fala dos posibles cheiros.


Hai uns meses propoñíase a zona da Carballa, agora proponse a zona da Cañoteira o que evidencia que o PP ten unha política errática de improvisación que xera inseguridade nos posibles investidores e no sector empresarial.


A proposta do BNG:


Polígono Industrial Ribeira. BNG.

Para o BNG a mellor opción é a concentración das áreas industriais e non a súa diseminación polo municipio, polo que pensamos que o que deberíamos facer é ampliar o de polígono industrial de Xarás ao longo da autovía. Isto aumentaría o potencial deste polígono e crearía sinerxias entre as empresas alí asentadas. Esta proposta do BNG ofrece 420.000 fronte os 100.000 que ofrece o PP e con moito menos impacto paisaxístico, está directacmente conectado ca autovíacon todos os servizos e coas canalizacións de residuos, conexión á internet, auga, etc.


Desde o BNG cremos que o polígono industrial é un tema estratéxico para crearmos emprego pero non podemos crealo destruíndo a paisaxe, contaminando e sen servizos, o PP non contou ca participación dos grupos da oposición para facelo e non se tivo en conta a nosa proposta por iso o sentido do noso voto.
Votos a favor do PP, PSOE e IPR contra de BNG e C’s


Toda a documentación do proxecto aquí: Proposta polígono industrial Cañoteira


Retirada do título de fillo adoptivo ao golpista J. M. Otero Goyanes e restitución do nome da praza: Todos os grupos da Corporación Municipal agás o PP, aprobaron unha moción conxunta que obrigará ao goberno municipal a Praza J. M. Otero Goyanes. BNG. Ribeiracumprir coa Lei de Memoria Histórica e na que se pedía a retirada do título de fillo adoptivo de Ribeira ao golpista e colaborador da ditadura José María Otero Goyanes, así como a restitución do nome orixinario da praza “Porta do Sol”. Esta medida deberá realizarse antes do 30 de novembro do 2015. Esta medida non será a derradeira que se presente en nome da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza.
Esta moción foi aprobada cos votos a favor do BNG, PSOE, C’s e IPR e a contra do PP.


Texto íntegro e acordos:


Axudas ao Peixe de Ribeira: O goberno municipal deulle unha subvención de 8.700€ á Asociación de Empresarios/as para facer a degustación “Peixe de Ribeira”, esta subvención solicitouse o 11 de setembro para as actividades realizadas o 12 e 13 de setembro.
Outra das subvencións concedidas foi a de 2.200€ para a “I carreira da diversidade de AMBAR”, solicitada o 26 de xuño para a carreira do 5 de xulo.
Ámbalas dúas actividades xa foron realizadas polo que se nos pide o apoio para un pago, isto é, unha política de feitos consumados.


Para o BNG estas dúas subvencións son de natureza distinta, non é xusto que o Concello pague a actividade da Asoc. de empresarios/as que xa contaba cunha axuda de 9.000€ e coa colaboración da Confraría de Pescadores e da Consallaría do Mar. O Concello xa colabora poñendo o edificio do mercado, electricidade, auga, lixo, etc.
Parécenos unha actividade moi cara, 2 días por 18.000€ (9.000€ talleres de cociña, 4.000 material cociña, 2.540 persoal, 1.060€ decoración e 1.320 material promocional).


Por último no BNG parécenos “estraño” que todas as feiras gastronómicas sexan por valor de 18.000€, polo que pedimos que estas partidas se saquen a concurso público.
Este punto do pleno tivo os votos a favor do PP, contra do BNG e C’s, abstención de IPR e PSOE


Moción conxunta de toda a Corporación Municipal sobre a crise migratoria e persoas refuxiadas: Todos os grupos municipais acordamos aprobar unha moción que recolle 17 medidas de apoio e solidariedade coas persoas refuxiadas que foxen dos seus países por mor das guerras, fame, pobreza, desigualdades… mais tamén esiximos responsabilidades aos Estados e institucións europeas que non responden ao xeito á crise humanitaria de que tamén son responsables, pola participación de moitos deles nas intervencións militares que están na xénese desta crise. Aprobado por unanimidade.


Moción e acordos completos: Moción conxunta dos grupos municipais no Concello de Ribeira sobre a crise migratoria e das persoas refuxiadas


Iniciativa para mellorar a seguridade viaria en Palmeira e Aguiño: O cruzamento do Vilar deLuís Pérez Barral, Pilar Sampedro Laranga en Palmeira. BNG Ribeira. Foto Chechu López Palmeira está considerado como un punto dos máis perigosos do Concello de Ribeira debido á carencia de visibilidade, a pesar do espello alí colocado e que se fai insuficiente ao momento de intentar acceder á estrada AC-305 desde a Rúa Lorenzo Mene.


Ante estes problemas para a veciñanza, a concelleira Pilar Sampedro Laranga, en nome do BNG solicitou que na mencionada zona sexan colocados semáforos ou doutro elemento que se considere oportuno para facilitar o acceso dos vehículos á estrada AC-305 sen perigo e reducir a velocidade.


Na rúa Castelao de Aguiño hai varias instalacións municipais, moi utilizadas pola veciñanza. Campos de fútbol da Tasca, Aula de Música e Casa da Cultura nos que os eventos son constantes. Destacan pola súa continuidade os deportivos, xa que o club de fútbol, ten inscritos máis de cento cincuenta participantes nas diversas categorías. A maioría das persoas que alí hai son nenos e nenas, que adestran e compiten na instalación deportiva alén dos que no seu lecer usan o campo pequeno.


Hai tempo que vimos observando con preocupación que os vehículos circulan a unha velocidade excesiva. O límite, tal e como indican os sinais verticais e de 30Km/h, apesares do cal, constatamos que no tramo recto que vai dende os campos de fútbol ata a Casa da Cultura non se respectan ditos sinais. O que fai que exista un risco real de atropelo polo que o voceiro Xosé Antón Vázquez Cobas solicitou o reforzo da sinalización viaria e a elevación dos tres pasos de peóns alí existentes.


Solicitudes completas e acordos: Seguridade viaria en Palmeira - Elavación pasos peóns rúa Castelao Aguiño


Iniciativa para mellorar a organización de feiras: No Concello de Ribeira vense desenvolvendo desde hai xa algúns anos a feira mariñeira e artesanal coñecida como “ArteMar”. Dita celebración consta de diversas actividades, entre as que se atopa a instalación de postos artesanais ao longo das céntricas rúas.Rúa Galicia Ribeira. BNG. Foto: LaVozdeGalicia A organización da feira neste ano 2015 foi bastante caótica xa que se instalaron demasiados postos no tramo da rúa de Galiza que vai desde o Mercado Municipal até a intersección coa rúa Rosalía de Castro o que fixo que os postos tapasen escaparates de establecementos comerciais locais. Así mesmo, a rúa Rosalía de Castro ou o tramo da rúa peonil de Galiza comprendido entre a praza de Otero Goyanes e a praza de Compostela non tiñan nin un só posto, polo que esta zona tiña moi pouca afluencia de persoas.Eventos Concello de Ribeira. BNG. Foto: LaVozdeGalicia


Vemos xa que logo, como esta feira prexudicou o noso pequeno comercio ben por exceso de postos tapando comercios locais nunha determinada zona, ben por non haber ningún posto noutras rúas que dinamizase o fluxo de xente.


Solicitude completa e acordos: Mellorar a organización das feiras


Iniciativa para mellorar a accesibilidade universal: o goberno municipal é sabedor de que as actividades realizadas nos andares superiores do Mercado Municipal tales como a mostra de artesanía e obras artistas da bisbarra, actuacións musicais e teatrais, espectáculos e talleres gastronómicos, degustacións, etc realizadas en ArteMar e no Peixe de Ribeira foron inaccesíbeis para as persoas con problemas de mobilidade.Accesibilidade. BNG. Concello de Ribeira
Isto supón un feito deplorábel xa que as persoas con mobilidade reducida víronse excluídas de participar ou desfrutar destas actividades e, polo tanto, viron vulnerados os seus dereitos máis fundamentais como o da igualdade e ao libre acceso como calquera outro cidadán. Entre outras cousas, o edil Luís Pérez Barral esixiu explicacións, en nome do BNG,  ao goberno de se tivo coñecemento sobre estes problemas e que non se volvan realizar actividades en instalacións non accesibles.


Solicitude completa e acordos: Problemas Accesibilidade en “ArteMar”


Iniciativa para eliminar 2 vertedoiros incontrolados e plantación de árbores autóctonas en Artes: Na zona do muíño de Correa (Artes) existía un pequeno vertedoiro incontrolado no que se atopaban electrodomésticos de gran tamaño ciscados pola gabia. Outro dos vertedoiros incontrolados que o BNG viu foi no lugar de Couso, sito na parroquia de Aguiño. Este punto xa é un habitual das persoas desconsideradas co noso medio natural. Alén do impacto visual que producen por estar nunha zona pola que discorren os camiñantes e visitantes que vaian pola senda fluvial do río Artes, no primeiro caso e nun merendoiro o segundo, poden supoñer un foco de contaminación importante tanto para a flora como para a fauna. Grazas á iniciativa do BNG os residuos foron retirados.


Con respecto á plantación de árbores, na área aparcamento e de lecer que se atopa en Artes (no curso baixo do río Sanchanás) hai unha zona verde que carece de árbores polo que o parque bio-saudábel e as mesas fican baixo o solleiro nos días despexados, isto fai que nos días de moita calor non poidan empregarse ao carecer de zona sombría onde resgardarse das altas temperaturas. Desde o BNG pensamos que se podería chamar á participación do CEIP de Artes na plantación de árbores autóctonas na zona, incluíndo un percorrido didáctico polo río para amosarlles ás crianzas a importancia da preservación e do coidado ambiental. Acordos aprobados.


Solicitudes e acordos completos: Solicitude vertedoiro Artes-Aguiño - Solicitude árbores Artes


Outros temas:
- Creación dun vado para persoas co mobilidade reducida na Casa do Mar Palmeira.
- Modificación Ordenanza Terrazas para que non se teña que solicitar informe técnico se só é para colocar mesas. Aprobado por unanimidade
- Aprobación festivos locais 2016 (Entroido e Santa Uxía). Aprobado por unanimidade
- Inclusión no inventario municipal os locais onde se atopan CC.OO e UXT. A favor BNG, PP, PSOE, IPR e contra de C’s
- Creación dunha mesa de accesibilidade para elaborar unha ordenanza de accesibilidade integral. Aprobado por unanimidade
- Declaración da Corporación Municipal en apoio ás persoas que sofren medidas coercitivas ou despedimento por acudir nunha candidatura electoral. Aprobado por unanimidade – Dotación dunha partida orzamentaria para o mantemento dos parques infantís. Aprobado por unanimidade

Un comentario en «O PP aproba, co apoio de IPR e PSOE, crear un polígono industrial sen servizos nin depuración»

  1. Quien manda en este concello son los de siempre y siguen haciendo lo de siempre, lo ponen en cualquier sitio y los problemas ya se verá que se hace con ellos después si no mirar Couso… que desastre!! menos mal que el bloque propone otras cosas. suerte

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.