O Polígono da Barbanza: unha realidade en marcha

Reunión Polígono da Barbanza Reunión Polígono da Barbanza

Ribeira, 19 Febreiro 2008. O BNG de Ribeira organizou na tarde de onte un encontro co tecido empresarial e emprendedor de Ribeira no Liceo Marítimo. Ao mesmo asistiu a candidata ao Congreso, Dominga Brión, e o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Daniel Pino, así como a práctica totalidade do grupo municipal do BNG de Ribeira.

O acto suscitou moito interese e ao mesmo asistiron preto de 100 persoas entre as que estaban o presidente do Centro Empresarial da Construción da Barbanza, o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, o presidente de ORPAL, o presidente da Asociación de Armadores do Arrastre, o presidente do Liceo Marítimo e a presidenta da Asociación de Amas de Casa.

Esta xuntanza organizouse para darlle a todas as persoas interesadas cumprida información da situación na que se atopa a tramitación do Proxecto do Parque Empresarial da Barbanza. Daniel Pino acudiu acompañado dun enxenieiro que explicou e amosou, mediante unha presentación de PowerPoint, a proposta de ordenación do Parque e as características do mesmo. O director xeral indicou que os proxectos Sectorial e de Urbanización, están practicamente rematados, pendentes do informe de Medio Ambiente, que deberá emitir antes do 19 de marzo.

No relativo a prazos, sinalou que a previsión é que a tramitación administrativa se desenvolva durante o 2008 e as obras de urbanización se inicien no primeiro semestre do 2009. Tamén indicou que poderán simultanearse a urbanización do Parque coa construción das naves. Finalmente, lembrou que se adoptarán formulas para evitar a especulación do chan.

O Parque Empresarial da Barbanza está situado nos municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. A localización desta infraestrutura é produto dun estudio de viabilidade medioambiental, técnica e económica no que se analizaron 10 millóns de metros cadrados de terreo antes de optar pola área de actuación concreta que albergará o futuro parque.

Este Parque contará cunha superficie total de un millón de metros cadrados, dos que uns 500 mil metros cadrados serán de uso empresarial e industrial, 300 mil metros cadrados para espazos libres, 124 mil metros cadrados para a rede viaria e 31 mil metros cadrados para equipamentos.

A Consellería de Vivenda e Solo reserva unha partida de 560.000 € para iniciar a adquisición de terreos. O investimento total previsto nesta actuación é de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se dedicarán á urbanización e 4,1 millóns se empregarán na adquisición de terreos.

Este parque incluirá naves modulares para o pequeno empresariado que queira instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terán un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serán adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

Ademais, o futuro Parque Empresarial da Barbanza contará cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contará con espazos comúns de novas tecnoloxías, estará situado nunha parcela de uso dotacional público e será adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

O Parque Empresarial da Barbanza está incluído no Proxecto Galiza Suma, que supón a construción de parques empresariais estratéxicos e ben dimensionados, cunha alta calidade arquitectónica e tecnolóxica, con dotacións e servizos propios do século XXI.

Nova na Voz:
A Xunta prevé iniciar as obras do macropolígono a mediados do 2009

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.